Pestanas principais

Aberto o prazo de inscrición para a Foliada con Apego do vindeiro 3 de novembro

Martes, 24 de outubro de 2017

[24-10-2017] Unha nova Foliada con Apego terá lugar o vindeiro venres, 3 de novembro, no Pazo da Peregrina de Bertamiráns, ás 18:00 horas. A actividade, que está dirixida a familias con crianzas sen límite de idade e a calquera persoa á que lle guste a música tradicional, pretende construír un espazo de socialización en galego, onde poder compartir, cantar, bailar e aprender cancións tradicionais galegas. Para participar, é preciso inscribirse previamente a través do enderezo de correo electrónico normalizacion@concellodeames.gal. O prazo de inscrición permanecerá aberto ata o 2 de novembro.


O vindeiro venres, 3 de novembro, o Pazo da Peregrina de Bertamiráns acollerá unha nova Foliada con Apego. Será a partir das 18:00 horas. Ao longo da tarde, haberá baile, cantares e moita música. As persoas que toquen algúns instrumento poderán acudir con el e interpretar algunha peza na foliada. De igual maneira, tamén se poderá levar algún petisco para compartir como merenda co resto de persoas participantes.

As Foliadas con Apego xorden a partir dunha proposta das familias que fan parte do proxecto do “Apego” no Concello de Ames, o cal procura acompañar e apoiar ás familias na transmisión do galego ás crianzas durante os seus primeiros anos de vida, reforzando a identidade en relación á familia e as súas raíces, a través de xogos, contacontos, festas, xornadas de convivencia e outras actividades. Coas foliadas, o obxectivo é achegar a música tradicional galega ás nenas e nenos, ao tempo que se promove un espazo de encontro e socialización en galego. En Ames, xa hai máis de 80 familias adheridas ao programa, que comezou a andar en setembro de 2016. 

Tramitación das inscricións
A entrada será de balde e ata completar aforo. Porén, para participar é preciso inscribirse a través do enderezo de correo electrónico normalizacion@concellodeames.gal. Será necesario indicar o número de persoas participantes, o seu nome e apelido, así como un teléfono de contacto. Na foliada poderán participar todas as familias con nenas e nenos sen límite de idade, así como calquera persoa á que lle guste a música tradicional galega. O prazo de inscrición remata o 2 de novembro. Para obter máis información, pódese chamar ao número de teléfono 662 377 215.


Contido relacionado


Lindeiros: "Aberto o prazo de inscrición para a Foliada con Apego de Ames"