Pestanas principais

As comisións informativas previas ao pleno de outubro abordaron o inicio do procedemento de deslinde dun camiño público no lugar da Ponte Nova, en Agrón

Luns, 23 de outubro de 2017

[23-10-2017] O pasado venres, 20 de outubro, realizáronse as comisións informativas previas ao pleno ordinario deste mes, que se celebrará o vindeiro xoves. Nelas, abordáronse a modificación da ordenanza fiscal reguladora do imposto de vehículos de tracción mecánica, o inicio do procedemento de deslinde dun camiño público no lugar da Ponte Nova, en Agrón, e a prórroga, por un ano, do contrato asinado con Urbaser SA para a xestión da limpeza viaria e do punto limpo do concello. Ademais, tamén se trataron catro propostas presentadas polos grupos da oposición.

Nas comisións informativas, celebradas o pasado venres, abordouse a aprobación provisional da modificación da ordenanza fiscal reguladora do imposto sobre vehículos de tracción mecánica. En concreto, o que busca esta modificación é incorporar a homologación da situación de discapacidade á da minusvalía xa prevista, na normativa tributaria local, para as exencións do IVTM . De ser aprobada, incorporarase á ordenanza fiscal a acreditación de minusvalía, en grado igual ou superior ao 33 por cento, para obter as exencións. Para a acreditación da discapacidade, terase en conta a condición de pensionista da Seguridade Social cunha pensión por incapacidade no grao total, absoluto ou gran invalidez. Da mesma maneira, tamén se terá en conta a condición de pensionista de clases pasivas, que teña recoñecida unha pensión por xubilación ou de retiro por incapacidade permanente.

Outro dos puntos tratados foi o procedemento de deslinde dun camiño público no lugar da Ponte Nova, na parroquia de Agrón. Esta cuestión inclúe unha petición de información por parte da Valedora do Pobo, incoada a partir da queixa presentada por unha das veciñas do lugar. A queixa está relacionada coa apertura deste camiño público, que está situado entre dúas fincas de propiedade particular, unha delas da propia veciña. O conflito derívase do desprazamento existente no trazado do camiño, polo que é invadido por unha das fincas, manténdoo pechado. O Concello de Ames pretende aprobar o seu deslindamento no próximo pleno. 

Nas comisións informativas do pasado venres tamén se atendeu á proposta de prórroga, por un ano, do contrato asinado con Urbaser SA para a xestión da limpeza viaria e do punto limpo do concello. Desde o 15 de xaneiro de 2017, o contrato asinado coa empresa inclúe a posibilidade de establecer prórrogas, de mutuo acordo entre as partes, polo prazo dun ano e ata un máximo de 10. A proposta incorpora un informe acerca do funcionamento do servizo, así como un informe xurídico sobre o procedemento a seguir e sobre a intervención municipal á hora de reter créditos para a materialización da prórroga.

Propostas para o vindeiro pleno
O grupo Ames Novo presentou unha moción para o rexeitamento, por parte do Concello de Ames, da Proposición de Lei de Fomento de Iniciativas Empresariais. A moción incorpora a petición ao Parlamento de Galicia para a retirada ou non aprobación da lei, ao considerala contraria aos principios de protección do medio ambiente, da paisaxe e do patrimonio cultural, por alentar un modelo social desigual e inxusto e por limitar o dereito das administracións locais e da cidadanía para participar da toma de decisións sobre proxectos empresariais de especial transcendencia económica e social. A moción tamén insta á Xunta á planificación, programación e execución de alternativas políticas e económicas sustentables que garantan a preservación dos bens naturais, paisaxísticos e culturais, que xeren rendas ecolóxicas e sociais e que impulsen iniciativas económicas locais que xeren emprego de calidade. Por último, a moción solicita dar traslado do acordado ao Parlamento galego, aos diferentes grupos parlamentares e á Xunta de Galicia.

Pola súa banda, o concelleiro non adscrito, Javier López, realizou unha proposta de fomento do vehículo eléctrico no concello. A proposición inclúe a solicitación ao Ministerio de Economía, Industria e Competitividade dun novo plan Movea, que permita continuar a impulsar a mobilidade con vehículos de enerxías alternativas. No caso de que se aprobase este plan, a proposta incorpora a solicitude dos fondos necesarios para a creación dunha infraestrutura de carga rápida e semi-rápida en puntos estratéxicos, co obxectivo de promover a implantación do coche eléctrico en Ames e segundo o estudo previo realizado polos técnicos de mobilidade municipais.

As propostas presentadas polo grupo municipal do Partido Popular foron dúas. Unha delas busca o apoio explícito do Concello ás forzas e corpos de seguridade, como garantes do estado de dereito. A moción tamén inclúe unha condena ás agresións, de diferente tipo, que estes corpos poidan sufrir. Asemade, a iniciativa insta ao conxunto das institucións públicas a empregar todos os mecanismos que, en defensa da soberanía do pobo español e do interese xeral do estado, atribúenlle a Constitución e as leis. Do mesmo xeito, tamén insta ás institucións a actuar, coas ferramentas do estado de dereito, contra as iniciativas que pretendan conculcar o marco constitucional e a unidade de España. 

A segunda das mocións propostas polo Partido Popular de Ames ten que ver coa defensa do sector turístico. A proposición insta ao Concello a condenar os actos vandálicos cometidos contra persoas e instalacións do sector turístico e a expresar o seu apoio aos empresarios e traballadores deste ámbito, así como a todos os turistas que nos visitan. Do mesmo xeito, con ela tamén se insta ao goberno central e á Xunta de Galicia a mostrar firmeza na defensa dos intereses turísticos, a actuar fronte aos actos vandálicos cometidos e a non gravar con novos impostos nin a subir os xa existentes no sector. A moción tamén inclúe a aposta do Concello de Ames por un turismo de calidade, diversificado e sostible, motor de crecemento económico.

Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Ames planea modificar la ordenanza que regula el pago del impuesto de vehículos"