Pestanas principais

Invístense 36.000 euros na pavimentación interior das aldeas da Mámoa e Barreiro pertencentes ás parroquias de Tapia e Bugallido

Venres, 20 de outubro de 2017

[20-10-2017] Esta mañá o alcalde de Ames, José Miñones, e o concelleiro de Urbanismo, Obras Públicas e Servizos Básicos, Blas García, estiveron comprobando como quedaron as obras de pavimentación no interior das aldeas da Mámoa e Barreiro, pertencentes ás parroquias de Tapia e Bugallido respectivamente. Estes traballos foron adxudicados á empresa Excavaciones Ovidio SL por un importe de 36.281,43 euros. A través destas obras, que están incluídas dentro do Plan de Obras e Servizos de 2016 da Deputación provincial da Coruña, realizouse unha mellora dos camiños interiores destes lugares do rural de Ames.

O goberno municipal continúa executando proxectos no rural de Ames. Nesta ocasión, tocoulle a quenda as aldeas da Mámoa e Barreiro, onde se pavimentou os camiños destes dos lugares pertencentes ás parroquias de Tapia e Bugallido respectivamente. Para comprobar o estado das obras esta mañá o rexedor municipal e o concelleiro de Obras, acompañados de persoal municipal, achegáronse ata estes dous lugares para falar coa veciñanza.

O rexedor municipal destaca “a necesidade de mellorar os camiños e vías do rural. Dende o goberno municipal apostamos por facer máis habitables as aldeas amesáns. Para iso estanse incluíndo estes traballos en diversos plans provinciais co fin de obter os recursos económicos necesarios”.

Primeiro, achegáronse ata a aldea de A Mámoa, onde se executou unha obra nunha superficie total de 849,87 metros cadrados. Así, pavimentouse este treito con quince centímetros de formigón, incluído mallazo e xuntas de dilatación, previa demolición do pavimento existente, mellorando a capa de rodaxe de 364 metros cadrados con seis centímetros de aglomerado en quente. Finalmente, houbo que executar 133 metros de cuneta de seguridade, revestida de formigón e adaptar 42 pozos de rexistro e 18 arquetas con sumidoiro para que haxa un correcto drenaxe.

Actuacións realizadas na aldea de Barreiro
Por outra banda, na aldea de Barreiro realizouse unha actuación nun treito de 245 metros de lonxitude por 3,50 metros de ancho, así como en 50 metros cadrados de abanico. Neste lugar mellorouse a capa de rodaxe do camiño existente cun tratamento asfáltico superficial e rego de selado en toda a plataforma, previa reparación das fochancas e perfilado de mordentes con grava e tratamento asfáltico semiprofundo. Tamén se pavimentou un trío de 115 metros cadrados de lonxitude e 3,20 metros de ancho con quince centímetros de formigón. Por último, abríronse gabias e realizouse unha limpeza das salvagabias para que haxa un correcto drenaxe.

O concelleiro de Urbanismo, Obras Públicas e Servizos Básicos, Blas García, indicou que “este tipo de obras son importantes para continuar mellorando e acondicionando os camiños interiores existentes no rural de Ames, que son empregados diariamente polos veciños e veciñas que viven nestas aldeas, polo que deben estar en boas condicións”.