Actualidade

Esta mañá celebrouse un pleno extraordinario no que a Corporación municipal debateu dous puntos relativos ao novo orzamento para o exercicio 2026 presentado polo goberno municipal, que ascende á cifra de 43.334.228,98 euros, e que está composto polo orzamento municipal de 38.753.577,15 euros e mailo orzamento da EPEL Augas de Ames de 4.580.651,83 euros. Tralo debate, quedou rexeitada a aprobación inicial do Orzamento Xeral 2026 do Concello de Ames e o da EPEL Augas de Ames; e foi aprobada a masa salarial do persoal laboral do Concello de Ames e da EPEL Augas de Ames. No pleno ordinario do vindeiro xoves, 26 de febreiro, incluirase unha cuestión de confianza para poder aprobar o Orzamento Xeral 2026. Podes ver a gravación do pleno na canle de Youtube do Concello de Ames.

O Pleno aprobou por maioría absoluta este mércores, 4 de febreiro, a participación do Concello de Ames no Plan provincial de cooperación ás obras e servizos de competencia municipal (Plan único de concello) “POS+ 2026” da Deputación provincial da Coruña. O Concello de Ames vai destinar 1.148.543,37 euros para sufragar seis obras incluídas no POS principal e 400.000 euros para o financiamento de gasto corrente. Ademais, dentro do plan complementario inclúense 21 proxectos. Algúns deste proxectos poderanse executar en función do remanente que se lle asigne ao Concello de Ames a través de plans adicionais. Tamén se aprobou a participación no POS+ Adicional 3/2026, dotado con 273.272,36 euros, para a redución da débeda coa Deputación pola utilización do préstamo provincial nos Plans 2015 a 2023. Podes ver a gravación do pleno na canle de Youtube do Concello de Ames.

A Corporación municipal aprobou por unanimidade a adhesión á rede de entidades locais gandeiro cárnicas dependentes da FEMP e mailo convenio de colaboración para presentar de xeito agrupado con Brión unha solicitude de subvención para realizar un proxecto común para o desenvolvemento de proxectos de prevención de condutas aditivas. Tamén se aprobou por maioría absoluta o plan estratéxico de subvencións 2026-2027. Ademais aprobáronse dúas mocións do BNG para a recuperación e sinalización do trazado histórico alternativo do camiño de Santiago a Fisterra entre o Alto do Vento e o núcleo de Ventosa, e para a creación e regulación dun recargo no imposto de bens inmobles (IBI) para vivendas desocupadas con carácter permanente; e unha proposta do grupo municipal do Partido Popular solicitando unha actuación inmediata e definitiva na piscina descuberta de O Milladoiro ante anos de abandono, improvisación e mala xestión. Premendo nesta ligazón podes ver a gravación do pleno.

Este xoves, 29 de xaneiro, celébrase o pleno ordinario correspondente ao mes de xaneiro. Na sesión plenaria, a Corporación municipal debaterá sobre a solicitude de adhesión á rede de entidades locais gandeiro cárnicas dependentes da FEMP, o convenio de colaboración para presentar de xeito agrupado unha solicitude de subvención para realizar un proxecto común para o desenvolvemento de proxectos de prevención de condutas aditivas, e o plan estratéxico de subvencións 2026-2027. Ademais debateranse dúas mocións do BNG para a recuperación e sinalización do trazado histórico alternativo do camiño de Santiago a Fisterra entre o Alto do Vento e o núcleo de Ventosa, e para a creación e regulación dun recargo no imposto de bens inmobles (IBI) para vivendas desocupadas con carácter permanente. Por último, abordarase unha proposta do grupo municipal do Partido Popular solicitando unha actuación inmediata e definitiva na piscina descuberta de O Milladoiro ante anos de abandono, improvisación e mala xestión. O pleno será emitido en directo a través da canle de YouTube do Concello de Ames.

A Xunta de Goberno Local vén de adxudicar 9 novas concesións de nichos, tumbas e columbarios do cemiterio municipal de Ames. Deste xeito, adxudicáronse 5 concesións de nicho independente por un período de 25 anos e 4 concesións (3 columbarios e 1 tumba) por un período de 75 anos. Destas concesións adxudicadas, 3 licitadores efectuaron o ingreso do 100% da totalidade do canon ofertado, mentres que 6 licitadores aboaron o 50% do canon. En relación a estes últimos, o 50% restante ten que ser ingresado no prazo máximo de 6 meses e, de non ingresarse no prazo indicado, quedarán excluídos da concesión.

A Corporación municipal aprobou por unanimidade, o pasado 29 de decembro de 2025, a participación do Concello de Ames no plan POS+ Adicional 1/2026 para gastos sociais extraordinarios do exercicio 2026. Podes ver a gravación do pleno na canle de Youtube do Concello de Ames.

O vindeiro luns, 29 de decembro, o Concello de Ames celebrará o pleno ordinario correspondente ao mes de decembro. Na sesión plenaria, a Corporación municipal debaterá sobre as alegacións na aprobación inicial da ordenanza fiscal reguladora da taxa por prestación do servizo de recollida, transporte e tratamento de residuos, a ratificación do recurso de reposición da Mancomunidade Serra do Barbanza, a aprobación inicial e sometemento a información pública da estrutura de custos e da fórmula de revisión de prezos do contrato de concesión de obra pública das instalacións deportivas municipais do Milladoiro e da Telleira, a adhesión ao convenio da FEMP sobre a rede de entidades locais gandeiro cárnica, o POS+ Adicional 1/2026 para gastos sociais extraordinarios do exercicio 2026, a aprobación do convenio co Concello de Brión para o Programa Integrado de Emprego, a aprobación do Plan normativo do Concello de Ames, e a subsanación deficiencias na redacción do proxecto das obras de renovación do drenaxe transversal en Piñeiro (POS+2025). Tamén se debaterán dúas mocións, unha do BNG sobre a restauración dos muíños da ruta de Riamontes e a súa posta en valor; e outra do Partido Popular para denunciar a exclusión de Ames do programa Merca na Vila. O pleno será emitido en directo a través da canle de YouTube do Concello de Ames.

Hoxe venres, 19 de decembro, celebrouse un pleno extraordinario no que se aprobou o Plan económico-financeiro do Concello de Ames para o período 2025-2026, o recoñecemento extraxudicial de crédito 3/2025 por importe de 61.259,60 euros, a actualización puntual do inventario municipal e maila cesión de seis parcelas á Sociedade de Vivenda Pública de Galicia, S.A. (VIPUGAL), para a construción de nova vivenda de protección oficial no Milladoiro. Podes ver a gravación do pleno na canle de Youtube do Concello de Ames.

O venres, 19 de decembro, ás 9.30 horas, celebrarase un pleno extraordinario no que se debaterá a aprobación do Plan económico-financeiro do Concello de Ames para o período 2025-2026, o recoñecemento extraxudicial de crédito 3/2025 por importe de 61.259,60 euros, a actualización puntual do inventario municipal e maila cesión de seis parcelas á Sociedade de Vivenda Pública de Galicia, S.A. (VIPUGAL), para a construción de nova vivenda de protección oficial no Milladoiro. O pleno será emitido en directo a través da canle de YouTube do Concello de Ames.

Este pasado xoves, 27 de novembro, celebrouse o pleno ordinario correspondente ao mes de novembro. A Corporación municipal aprobou a adhesión á Mancomunidade Serra do Barbanza; o Plan de Igualdade do Concello de Ames; a resolución do recurso de reposición sobre a prohibición para contratar a empresa Osventos Innovación e Servizos SL; a sexta modificación do plan estratéxico de subvencións; a modificación da aprobación inicial da ordenanza do centro deportivo municipal A Telleira para o exercicio 2026; a subsanación das deficiencias na redacción do proxecto das obras de pavimentación de viarios na aldea de Villaverde (Piñeiro) do POS+2025; a aprobación da segunda fase do POS+ Adicional 4/2025; e a devolución da garantía definitiva constituída mediante aval bancario do servizo de abastecemento de auga potable e saneamento municipal. Ademais, tomou posesión como concelleira Beatriz Martínez, que asume as áreas de Educación, Mocidade e Mobilidade, e aprobáronse dúas mocións do grupo municipal BNG de Ames sobre o impacto das obras na N-550 no comercio local do Milladoiro e sobre a necesidade de incrementar os recursos públicos para facer fronte á violencia machista. Podes ver a gravación do pleno na canle de Youtube do Concello de Ames.
- ‹ anterior
- 2 de 27
- seguinte ›




