- Tematica
O vindeiro luns, 29 de decembro, o Concello de Ames celebrará o pleno ordinario correspondente ao mes de decembro. Na sesión plenaria, a Corporación municipal debaterá sobre as alegacións na aprobación inicial da ordenanza fiscal reguladora da taxa por prestación do servizo de recollida, transporte e tratamento de residuos, a ratificación do recurso de reposición da Mancomunidade Serra do Barbanza, a aprobación inicial e sometemento a información pública da estrutura de custos e da fórmula de revisión de prezos do contrato de concesión de obra pública das instalacións deportivas municipais do Milladoiro e da Telleira, a adhesión ao convenio da FEMP sobre a rede de entidades locais gandeiro cárnica, o POS+ Adicional 1/2026 para gastos sociais extraordinarios do exercicio 2026, a aprobación do convenio co Concello de Brión para o Programa Integrado de Emprego, a aprobación do Plan normativo do Concello de Ames, e a subsanación deficiencias na redacción do proxecto das obras de renovación do drenaxe transversal en Piñeiro (POS+2025). Tamén se debaterán dúas mocións, unha do BNG sobre a restauración dos muíños da ruta de Riamontes e a súa posta en valor; e outra do Partido Popular para denunciar a exclusión de Ames do programa Merca na Vila. O pleno será emitido en directo a través da canle de YouTube do Concello de Ames.
O pleno comezará co alcalde dando conta á Corporación municipal dos decretos ditados pola Alcaldía dende a última sesión plenaria ordinaria. Neste apartado tamén se dará conta de catro actas de Xunta de Goberno Local correspondentes ao meses de novembro e decembro; e do recoñecemento do desempeño exemplar no desempeño das súas funcións de tres membros da Policía Local de Ames, que en colaboración coa Garea Civil, localizaron aos autores de dous delitos contra o patrimonio ocorridos no municipio de Brión.
Na parte resolutiva, o primeiro tema que se abordará será a aprobación, se procede, da acta da sesión ordinaria do mes de novembro celebrada o 27 de novembro de 2025; e da acta da sesión extraordinaria do mes de decembro celebrada o 19 de decembro de 2025.
A continuación, abordarase a aprobación, se procede, das alegacións na aprobación inicial da ordenanza fiscal reguladora da taxa por prestación do servizo de recollida, transporte e tratamento de residuos do Concello de Ames. Cómpre lembrar que na sesión plenaria celebrada o 30 de outubro de 2025 aprobouse inicialmente dita ordenanza fiscal, Posteriormente, o 3 de novembro, publicouse o anuncio de exposición pública da ordenanza polo prazo de 30 días hábiles a contar dende o seguinte a dita publicación. Durante dito período presentáronse cinco alegacións que se propón desestimar, segundo consta nos informes de Tesourería e Secretaría, polo que o Pleno deberá aprobar de xeito definitivo, se procede, dita ordenanza.
O seguinte punto a tratar será a ratificación do recurso de reposición da Mancomunidade Serra do Barbanza. O Pleno deberá ratificar, se procede, o decreto 3873/2025 do 9 de decembro de 2025 contra a resolución da presidencia da Mancomunidade do 11 de novembro de 2025, pola que se aproba a liquidación da cota extraordinaria mensual de 81.418,20 euros correspondente ao terceiro trimestre de 2025 e o acordo da Xunta Reitora da Mancomunidade Serra do Barbanza de 28 de outubro de 2025, polo que se determinan os criterios de reparto entre os municipios integrantes da entidade e receptores do servizo de tres cotas denominadas obrigatoria, complementaria e extraordinaria.
Instalacións deportivas municipais do Milladoiro e da Telleira
Por outra banda, debaterase a aprobación inicial e sometemento a información pública da estrutura de custos e da fórmula de revisión de prezos do contrato de concesión de obra pública para a redacción do proxecto de construción da instalación deportiva municipal do Milladoiro e para a execución das obras de ampliación da instalación municipal da Telleira, coa finalidade da súa explotación conxunta. Previamente, no pleno ordinario de febreiro de 2025 aprobáronse os anteproxectos técnicos para a construción da nova instalación deportiva municipal do Milladoiro e para a mellora da piscina municipal de Bertamiráns.
Outro dos asuntos que se debaterán é a adhesión ao convenio da FEMP para a solicitude de adhesión á rede de entidades locais gandeiro cárnica, en consecuencia, para cumprir coas obrigas e exercer os dereitos que se establecen nas normas de funcionamento da Rede, aprobadas na asemblea de constitución celebrada o 20 de xuño de 2025, na que tamén se estableceron os importes da cota anual fixados en función do número de habitantes. Asemade, o Concello deberá impulsar actuacións que contribúan ao fortalecemento do sector gandeiro-cárnico, incluíndo a defensa do sector, a súa integración na planificación municipal, a modernización e a calidade, así como a cooperación administrativa.
POS+ Adicional 1/2026
Ademais, abordarase a participación no POS+ Adicional 1/2026 para gastos sociais extraordinarios do exercicio 2026, aplicando a contía que lle corresponde ao Concello de Ames que ascende a 182.182,57 euros.
De seguido, tratarase a aprobación do convenio de colaboración entre o Concello de Ames e o Concello de Brión para a concreción das actuacións para a execución conxunta do programa integrado de emprego 2025-2026 nos termos da axuda concedida pola Xunta de Galicia. Nesta edición o programa está dirixido a 100 persoas desempregadas que se formarán nos sectores do comercio, almacén, administración e xestión, novas tecnoloxías, ocio e tempo libre, e turismo. O programa está subvencionado pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración con 220.000 euros e confinanciado polos Concellos de Ames e Brión. O obxectivo do programa é que, como mínimo, o 40% das persoas participantes atopen un traballo, porcentaxe superada nas últimas edicións executadas dos programas integrados.
Plan normativo do Concello de Ames
Tamén se abordará a aprobación do Plan normativo 2026 do Concello de Ames. As administracións públicas deben publicar anualmente un plan normativo que conterá as iniciativas legais ou regulamentarias que vaian ser elevadas para a súa aprobación no ano seguinte.
Outro dos puntos a tratar é a subsanación deficiencias na redacción do proxecto das obras de renovación de drenaxe transversal (ODT) en Piñeiro (POS+2025). As correccións son cuestións de índole técnico e foron aprobadas por decreto de Alcaldía. As correccións aprobadas non teñen transcendencia algunha no deseño das obras, nin nas súas funcionalidades nin no seu importe de execución.
Apartado de mocións
Por último, debateranse dúas mocións, unha do BNG para a realización dun proxecto coa finalidade da restauración dos muíños da ruta de Riamontes e a súa posta en valor; e outra do Partido Popular para denunciar a exclusión do Concello de Ames do programa Merca na Vila e esixir a modificación dos seus criterios.
Novas relacionadas:
El Correo Gallego: "Ames rinde tributo a tres policías por atajar delitos y recurre la deuda de la basura con la mancomunidad"
La Voz de Galicia: "Ames abordará en pleno el rechazo a pagar a Serra do Barbanza una cuota extraordinaria de 81.400 euros"





