Pestanas principais

O Pleno debaterá a aprobación do Plan económico financeiro 2025-2026 e a cesión de seis parcelas para a construción de vivenda de protección oficial

Mércores, 17 de decembro de 2025

O venres, 19 de decembro, ás 9.30 horas, celebrarase un pleno extraordinario no que se debaterá a aprobación do Plan económico-financeiro do Concello de Ames para o período 2025-2026, o recoñecemento extraxudicial de crédito 3/2025 por importe de 61.259,60 euros, a actualización puntual do inventario municipal e maila cesión de seis parcelas á Sociedade de Vivenda Pública de Galicia, S.A. (VIPUGAL), para a construción de nova vivenda de protección oficial no Milladoiro. O pleno será emitido en directo a través da canle de YouTube do Concello de Ames.

O salón de plenos da Casa do Concello acollerá este venres, 19 de decembro, ás 9.30 horas, un pleno extraordinario no que a Corporación municipal debaterá en primeiro lugar un recoñecemento extraxudicial de crédito, por valor de 61.259,60 euros, para facer fronte a gastos realizados no exercicio 2024 sen o correspondente soporte contractual. Todos os gastos incluídos nos expedientes de dito recoñecemento responden a obrigas económicas pendente de imputación orzamentaria e pago.

A continuación abordarase a aprobación do plan económico-financeiro do Concello de Ames para o período 2025-2026. O Concello de Ames pechou o exercicio 2024 incumprindo a regra de gasto e o principio de estabilidade orzamentaria, segundo o resultado da liquidación do orzamento do exercicio 2024. Debido a iso é necesario elaborar un plan económico-financeiro, que permita no ano en curso e o seguinte o cumprimento dos obxectivos de estabilidade e regra de gasto.

Actualización puntual do inventario municipal
O inventario municipal de bens do Concello de Ames é do ano 1996 e, dende ese momento, tiveron lugar nos derradeiros cinco anos varias rectificacións. A derradeira rectificación aprobouse no pleno que tivo lugar o 27 de febreiro de 2025. Procede na actualidade realizar unha actualización puntual coa inclusión de 6 parcelas integrantes do patrimonio municipal do solo. Cinco destas parcelas están situadas no sector de solo urbanizable S-16 Galdrachán, mentres que unha delas está situada no sector de solo urbanizable S-15 Travesía do Porto Sur.

Cesión de parcelas para a construción de vivenda de protección oficial 
Ditas parcelas teñen que ser cedidas á Sociedade de Vivenda Pública de Galicia, S.A. (VIPUGAL), como sociedade mercantil pública autonómica, adscrita á Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas e tutelada polo Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) para promover vivenda protexida de promoción pública.

Cómpre lembrar que o pasado 20 de xuño a Xunta de Galicia e o Concello de Ames asinaron un convenio para a cesión de seis parcelas co obxectivo de construír novas vivendas de protección oficial en Ames. Deste xeito, puxéronse a disposición do Instituto Galego da Vivenda e Solo un total de seis parcelas situadas no Milladoiro. 

Cinco parcelas atópanse situadas na área residencial do plan parcial do sector S-16 Galdrachán; e outra no plan parcial do sector S-15, Travesía do Porto Sur. En total cédense 6.152 metros cadrados de terreo, que se poden urbanizar, e na que se poden construír 218 vivendas. Estímase que nas cinco parcelas situadas en Galdrachán se van construír 140 vivendas (28 en cada parcela), mentres que na parcela que linda coa rúa dos Agriños (no sector S-15, Travesía do Porto Sur) construiranse 78 vivendas.

Novas relacionadas

El Correo Gallego: "O pleno de Ames aprobará a cesión de seis parcelas para vivenda protexida"

La Voz de Galicia: "Ames aprobará la cesión de seis parcelas para que la Xunta edifique 218 viviendas públicas"

Imaxe de arquivo do salón de plenos