Pestanas principais

O Pleno aproba o Plan económico financeiro 2025-2026 e a cesión de seis parcelas para a construción de vivenda de protección oficial no Milladoiro

Venres, 19 de decembro de 2025

Hoxe venres, 19 de decembro, celebrouse un pleno extraordinario no que se aprobou o Plan económico-financeiro do Concello de Ames para o período 2025-2026, o recoñecemento extraxudicial de crédito 3/2025 por importe de 61.259,60 euros, a actualización puntual do inventario municipal e maila cesión de seis parcelas á Sociedade de Vivenda Pública de Galicia, S.A. (VIPUGAL), para a construción de nova vivenda de protección oficial no Milladoiro. Podes ver a gravación do pleno na canle de Youtube do Concello de Ames.

O salón de plenos da Casa do Concello acolleu hoxe, 19 de decembro, un pleno extraordinario no que a Corporación municipal debateu en primeiro lugar un recoñecemento extraxudicial de crédito, por valor de 61.259,60 euros, para facer fronte a gastos realizados no exercicio 2024 sen o correspondente soporte contractual. Todos os gastos incluídos nos expedientes de dito recoñecemento responden a obrigas económicas pendente de imputación orzamentaria e pago.

A concelleira de Servizos Económicos, Susana Señorís, explicou que “a maior parte das facturas son de prestación de servizos e subministro sen o correspondente soporte contractual. Do importe total, 33.593,84 euros corresponden a subministro de enerxía eléctrica e de gas natural, e o resto do importe, 27.665,76 euros son gastos derivados de distintos departamentos municipais nos que se inclúen compras de material, da plataforma TokApp e de redacción de pregos e informes. Son gastos necesarios para o normal funcionamento dos distintos servizos municipais”.

Dende Espazo Común dixeron que “diversas empresas e establecementos levan un ano sen cobrar porque estes gastos foron executados dun xeito irregular, porque eran gastos que debían ser licitados, porque non había crédito suficiente ou porque non se seguiu o procedemento que había que seguir”. Por parte do BNG achacaron “falta de planificación” e dixeron que “estes servizos tiñan que haber sido obxecto de licitación. Estamos ante un  uso do recoñecemento extraxudicial de crédito que non é de todo correcto”. Por último, dende o Partido Popular destacaron “a falta de planificación e de adecuación á legalidade con abuso de contratos menores que exceden os límites temporais e cuantitativos”.

Este punto foi aprobado co voto a favor dos concelleiros e concelleiras do grupo de goberno, Partido Popular e BNG. A concelleira de Espazo Común abstívose. 

Plan económico-financeiro 2025-2026
A continuación abordouse a aprobación do plan económico-financeiro do Concello de Ames para o período 2025-2026. O Concello de Ames pechou o exercicio 2024 incumprindo a regra de gasto e o principio de estabilidade orzamentaria e sostibilidade financeira, segundo o resultado da liquidación do orzamento do exercicio 2024. Debido a iso é necesario dispor dun plan económico-financeiro, que permita no ano en curso e o seguinte o cumprimento dos obxectivos de estabilidade e regra de gasto. Este punto foi aprobado co voto a favor dos concelleiros e concelleiras do grupo de goberno. Os/as edís do Partido Popular e do BNG abstivéronse, mentres que a concelleira de Espazo Común votou en contra.

A concelleira de Servizos Económicos, Susana Señorís, explicou que “as medidas de dito plan deben encamiñarse a garantir que os ingresos sexan suficientes para cubrir os gastos correntes e proporcionen ao Concello unha marxe que lle permita realizar investimentos, que se repiten todos os exercicios nas áreas de vías públicas, deportes e comedores escolares. O plan recolle unha serie de medidas, algunhas xa implantadas, que permitirán cumprir a estabilidade e a regra de gasto para os anos 2025 e 2026. No exercicio 2025 non se incorporan medidas adicionais. No ICIO prevese un comportamento favorable estimando que os dereitos recoñecidos netos alcanzarán os 950.000 euros, o que supón a duplicación do crédito consignado nos orzamento prorrogado para 2025. Na participación nos tributos do Estado prodúcese un incremento de 1.648.257,65 euros nas entregas a conta, así como a incorporación da liquidación definitiva positiva correspondente ao exercicio 2023 polo importe de 790.908,79 euros. Tamén salientar a amortización total da débeda bancaria”.

Intervención dos grupos da oposición sobre o plan económico
A voceira de Espazo Común, Luísa Feijóo, dixo o que “hoxe se trae aquí un plan de axuste porque o gasto fóiselles das mans. Un plan que consiste en meter a calzador unha serie de medidas encamiñadas a reducir gastos e a incrementar a recadación para aumentar os ingresos e que volvan a estar compensados os ingresos e os gastos. A estrela do plan é o aumento da taxa do lixo coa que se prevé recadar preto de 1.400.000 euros a maiores. A isto súmase a subida da taxa de comedores cuns 30.000 euros e a suba das escolas deportivas con 41.500 euros. O resto de medidas non dependen da vontade política, nin que estean incluídas nun plan. Pola falta de seriedade deste plan e pola ausencia de medidas reais na contención do gasto non podemos votar a favor deste plan de axuste. Non imos apoiar que sexa a veciñanza a que teña que pagar a factura da súa mala xestión”.

A concelleira do BNG, Rosalía Seijas, explicou “a realidade é que unha vez recuperadas as regras fiscais, a xestión económica do goberno municipal foi incapaz de cumprir cos límites de estabilidade orzamentaria e coa regra de gasto. Pola súa xestión económica hoxe vémonos obrigados a aprobar un plan económico – financeiro e a endebedar aos veciños e veciñas de Ames. Isto implica incrementar os ingresos ou recortar os gastos. Xa vimos varios exemplos do incremento de ingresos coa suba dos comedores escolares, das escolas deportivas e uns futuribles que vostedes cren que se van a dar. Estas medidas non resultan suficientes, polo que para poder afrontar investimentos tan importantes como o EDIL, a adquisición de parcelas para estacionar ou cubrir as pistas deportivas do Milladoiro, o goberno opta por solicitar créditos por importe de preto de tres millóns de euros. Dende o noso punto de vista, a débeda debería ser un instrumento cando a situación económica é boa, e non para cubrir desequilibrios presentes. Endebedarse neste contexto para nós é un sinal negativo”.  

A voceira do Partido Popular, Oliva Agra, explicou que “este plan é o resultado dunha mala xestión económica por parte do goberno municipal. Estamos ante as consecuencias de decisións políticas tomadas sen planificación, sen control, e sen unha visión clara a medio prazo. No propio plan se recoñece que o incumprimento está motivado polo uso intensivo do remanente de tesourería para gastos xerais, polos excesos de financiamento afectado e polos axustes negativos derivados da xestión dos fondos europeos. Para que o Concello sexa sostible en termos orzamentarios no tempo teñen que aumentar os ingresos correntes ou reducir o gasto corrente. A pesar diso este plan opta por descargar unha parte moi importante do axuste sobre os veciños, mediante a suba de taxas e prezos públicos. Tamén nos preocupan as operacións de endebedamento do exercicio 2026. O responsable sería vender patrimonio municipal do solo e adicar eses ingresos para a adquisición das parcelas para aparcamento en Bertamiráns e non financiar a adquisición con débeda. Non podemos votar a favor deste plan, porque non avalamos a xestión económica que nos trouxo ata aquí, nin compartimos as medidas propostas, pero tampouco votaremos en contra por responsabilidade institucional, para non prexudicar ao Concello nin aos veciños”.

Resposta por parte do goberno municipal
A concelleira de Servizos Económicos, Susana Señorís, respondeu que “un orzamento ten que ter equilibrados os seus ingresos e gastos. As subas nas cotas das escolas deportivas e comedores escolares xa se dixo que son cotas que levaban sen revisar dende o ano 2011, polo que era preciso facer dita revisión. O remanente de tesourería non se pode gastar en investimento, co cal a formula que empregamos é facer ditos investimentos solicitando créditos que se poden financiar con ese remanente de tesourería. Este plan elaborouse intentando causar o menor impacto posible aos veciños e veciñas de Ames, non se aplicou unha subida xeral dos impostos, a subida da taxa do lixo foi debido a unha imposición a nivel estatal”.

Pechou a quenda de intervencións neste punto o alcalde, Blas García, que solicitou coherencia “para que no mes de xaneiro, cando se traía ao pleno o novo orzamento, se aproben ditos orzamentos, porque levan tanto tempo dicindo que non temos orzamentos e isto é unha catástrofe, que como seguro que queren evitar dita catástrofe, non mes de xaneiro estou seguro, que unha vez nos sentemos e miremos os novos orzamentos, van a votar a favor, co cal lles dou as gracias por anticipado”.

Cesión de parcelas para a construción de vivenda de protección oficial
O terceiro punto e mailo cuarto debatéronse de forma conxunta xa que están vinculados. Primeiro aprobouse por unanimidade a actualización puntual do inventario municipal coa inclusión de seis parcelas integrantes do patrimonio municipal do solo. Cinco destas parcelas están situadas no sector de solo urbanizable S-16 Galdrachán, mentres que unha delas está situada no sector de solo urbanizable S-15 Travesía do Porto Sur. 

De seguido, tamén se aprobou por unanimidade, a cesión de ditas parcelas á Sociedade de Vivenda Pública de Galicia, S.A. (VIPUGAL), como sociedade mercantil pública autonómica, adscrita á Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas e tutelada polo Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), para promover vivenda protexida de promoción pública.

Cómpre lembrar que o pasado 20 de xuño a Xunta de Galicia e o Concello de Ames asinaron un convenio para a cesión de seis parcelas co obxectivo de construír novas vivendas de protección oficial en Ames. Deste xeito, puxéronse a disposición do Instituto Galego da Vivenda e Solo un total de seis parcelas situadas no Milladoiro. 

Cinco parcelas atópanse situadas na área residencial do plan parcial do sector S-16 Galdrachán; e outra no plan parcial do sector S-15, Travesía do Porto Sur. En total cédense 6.152 metros cadrados de terreo, que se poden urbanizar, e no que se poden construír 218 vivendas. Estímase que nas cinco parcelas situadas en Galdrachán se van construír 140 vivendas (28 en cada parcela), mentres que na parcela que linda coa rúa dos Agriños (no sector S-15, Travesía do Porto Sur) construiranse 78 vivendas.

Novas relacionadas

Lindeiros: "Ames aproba o Plan económico financeiro 2025-2026"

O Pleno aproba o Plan económico financeiro 2025-2026 e a cesión de seis parcelas para a construción de vivenda de protección oficial no Milladoiro

Multimedia

  • O Pleno aproba o Plan económico financeiro 2025-2026 e a cesión de seis parcelas para a construción de vivenda de protección oficial no Milladoiro
  • O Pleno aproba o Plan económico financeiro 2025-2026 e a cesión de seis parcelas para a construción de vivenda de protección oficial no Milladoiro
  • O Pleno aproba o Plan económico financeiro 2025-2026 e a cesión de seis parcelas para a construción de vivenda de protección oficial no Milladoiro
  • O Pleno aproba o Plan económico financeiro 2025-2026 e a cesión de seis parcelas para a construción de vivenda de protección oficial no Milladoiro
  • O Pleno aproba o Plan económico financeiro 2025-2026 e a cesión de seis parcelas para a construción de vivenda de protección oficial no Milladoiro
  • O Pleno aproba o Plan económico financeiro 2025-2026 e a cesión de seis parcelas para a construción de vivenda de protección oficial no Milladoiro
  • O Pleno aproba o Plan económico financeiro 2025-2026 e a cesión de seis parcelas para a construción de vivenda de protección oficial no Milladoiro
  • O Pleno aproba o Plan económico financeiro 2025-2026 e a cesión de seis parcelas para a construción de vivenda de protección oficial no Milladoiro