Pestanas principais

O Pleno vota en contra da aprobación inicial do Orzamento Xeral de 2026 do Concello de Ames e da EPEL Augas de Ames

Luns, 23 de febreiro de 2026

Esta mañá celebrouse un pleno extraordinario no que a Corporación municipal debateu dous puntos relativos ao novo orzamento para o exercicio 2026 presentado polo goberno municipal, que ascende á cifra de 43.334.228,98 euros, e que está composto polo orzamento municipal de 38.753.577,15 euros e mailo orzamento da EPEL Augas de Ames de 4.580.651,83 euros. Tralo debate, quedou rexeitada a aprobación inicial do Orzamento Xeral 2026 do Concello de Ames e o da EPEL Augas de Ames; e foi aprobada a masa salarial do persoal laboral do Concello de Ames e da EPEL Augas de Ames. No pleno ordinario do vindeiro xoves, 26 de febreiro, incluirase unha cuestión de confianza para poder aprobar o Orzamento Xeral 2026. Podes ver a gravación do pleno na canle de Youtube do Concello de Ames.

A Corporación municipal rexeitou esta mañá en pleno extraordinario a aprobación inicial do Orzamento Xeral de 2026 do Concello de Ames e da EPEL Augas de Ames. Os concelleiros e concelleiras do Goberno municipal votaron a favor, mentres que o resto de edís do Partido Popular, BNG e Espazo Común posicionáronse en contra. Por outra banda, saíu adiante o segundo punto da orde do día relativo á aprobación da masa salarial do persoal laboral do Concello de Ames e da EPEL Augas de Ames. Este punto foi aprobado co voto a favor dos concelleiros e concelleiras do Goberno municipal e do Partido Popular, mentres que os/as edís do BNG e Espazo Común abstivéronse.

Deste xeito, o alcalde, Blas García, indicou que “no próximo pleno ordinario do xoves 26 de febreiro incluirase unha cuestión de confianza para poder aprobar o Orzamento Xeral 2026, que implicaría poder aprobalos cun mes e medio de atraso, pero se todo vai ben teremos orzamentos municipais”.

Liñas estratéxicas do Orzamento Xeral 2026
A concelleira de Servizos Económicos, Susana Señorís, foi a encargada de facer a presentación das contas para este exercicio 2026. “Presentamos o orzamento máis alto da historia de Ames, 38,7 millóns de euros do orzamento do Concello, pero o importante non só é esta cifra, senón que é o seu significado. Este incremento do orzamento responde a un aposta do goberno pola mellora e mantemento dos servizos, incrementando o esforzo inversor. Destacan para este exercicio investimentos como os do programa EDIL Conecta Ames, unha vez máis o Concello aporta pola xestión destes fondos europeos co obxectivo de transformar o noso concello. Ademais, apóstase pola mellora das infraestruturas deportivas e pola mobilidade urbana coa adquisición de terreos para aparcamento público”.

Susana Señorís continuou dicindo “este goberno escolleu un camiño claro que é o da consolidación dos servizos públicos e ao mesmo tempo transformar o concello. Destinamos máis de 8 millóns de euros a investimentos, case o 21% do orzamento, para un novo mercado de abastos e un banco de terras para apoiar a produción local por 1 millón de euros; a cuberta para as pistas deportivas do Milladoiro por algo máis de 1 millón de euros; un novo autobús para reforzar a conexión entre Bertamiráns e O Milladoiro e mellorar a mobilidade interna do municipio, actuacións para modernizar o ciclo integral da auga, mellorando a eficiencia e a sustentabilidade, isto é apostar por un Ames máis moderno, máis sostible e mellor conectado, pero tamén somos un Concello que presta servizos, máis de 18,5 millóns de euros destínanse ao funcionamento diario: parques, cultura, deporte, educación, comercio, medio ambiente, e sobre todo políticas sociais con 3.200.000 euros para benestar social. Gobernar é priorizar e nós priorizamos ás persoas, aos nosos veciños e veciñas. Este orzamento tamén recoñece o papel fundamental do persoal municipal, por iso incrementamos a partida para garantir os seus dereitos, aplicar as subas correspondentes e consolidar a mellora derivada da RPT”.

“No apartado de ingresos é importante deixar claro que este goberno non basea o equilibrio das contas nun incremento xeneralizado dos impostos ou taxas, de feito, respecto ao exercicio 2024, apenas se producen variacións nos capítulos 1 de impostos directos e no 3 de taxas e outros ingresos, agás no incremento do ICIO e na taxa pola prestación dos servizos de hixiene urbana, que responde á necesidade de adaptar o servizo ao seu custo real e ás esixencias normativas. Onde si hai un incremento relevante é no capitulo 4 de transferencias correntes, isto débese á maior participación de tributos no estado e á decisión responsable de destinar 400.000 euros do POS a gasto corrente, con isto garántese a calidade dos servizos públicos e cumprir co plan económico financeiro recentemente aprobado”.

“Respecto do orzamento da EPEL Augas de Ames ascende a 4.580.651,83 euros. Este é o primeiro orzamento formulado para un exercicio completo xa que no ano 2024 comezou a funcionar o 1 de abril co obxectivo principal de xestionar directamente os servizos relativos ao ciclo integral da auga. Para este exercicio 2026 non está previsto unha suba de tarifas e o incremento estimado desta partida é polo incremento anual de abonados ao servizo. Neste exercicio está previsto realizar dous grandes investimentos como son ás obras de instalación da rede de abastecemento de auga potable procedente da ETAP, desde Castiñeiro do Lobo ata Aldea Nova, para subministrar auga aos núcleos de Bertamiráns, O Milladoiro e arredores; e unha obra de reforzo da rede de abastecemento na avenida da Maía. Estes dous investimentos suman un total de 2.761.297 euros. Ademais realizaranse actuacións e investimentos nas redes do rural para reforzar de forma significativa a rede e a capacidade de prestación de servizos públicos”.

Intervención dos grupos da oposición sobre o plan económico
A voceira de Espazo Común, Luísa Feijóo, comezou dicindo “o orzamento non só é un documento contable, senón que un instrumento económico – financeiro que recolle, ademais da previsión anual de ingresos e gastos, a estratexia formulada polo goberno para o noso concello pasando a ser así unha ferramenta clave para a súa xestión, unha ferramenta que serve para planificar, controlar e avaliar o uso dos fondos públicos e as actuacións do propio goberno. Estamos ante un orzamento continuista, irrealizable e cunhas contas irreais. Trátase do segundo e último orzamento dun mandato caracterizado pola inestabilidade e pola falta de dialogo do actual goberno socialista en minoría. É un orzamento reflexo dun goberno que carece dun plan global e de estratexia con actuacións mediáticas e inconexas”. 

Luisa Feijóo engadiu “non hai axudas directas ao pequeno comercio, non vemos tampouco medidas reais do fomento do emprego, non hai axudas para o autoemprego e emprendedores ou estudo de necesidades do noso concello. Tamén botamos de menos medidas concretas en materia de vivenda social e unha partida específica para participación, actuacións en materia de igualdade, programas de envellecemento activo compaxinados con actividades interxeracionais. Recortan en gasto social, promoción do emprego, igualdade e promoción económica, e aumentan a partida de publicidade institucional e festas. A irresponsabilidade é presentar un orzamento pechado, sen vontade real de negociación e de incorporar propostas da oposición. Queremos un Concello con máis apoio ao pequeno comercio, con políticas reais de emprego, de vivenda social, con estruturas de participación veciñal, que impulse políticas de igualdade, e onde os veciños e veciñas sexan o verdadeiro goberno”.

A voceira do BNG, Escarlata Pampín, explicou que “un goberno en minoría estable debería dende o primeiro día, dialogar, negociar e buscar acordos, para sacar adiante as súas propostas. Cando un goberno non consegue aprobar os orzamentos o que está fallando é o dialogo e o consenso. Gobernar en minoría non significa gobernar en solitario, significa escoitar, ceder e construír puntos de encontro, aquí é onde suspende o partido socialista que nos goberna actualmente en Ames, onde a imposición se repite unha e outra vez, autoritarismo que contrasta cos oito anos de goberno estable e progresista dos dous mandatos anteriores. Hoxe traen uns orzamentos dun goberno estancado, uns orzamentos continuistas, poucos ambiciosos, e afastados da realidade social do Ames de 2026, uns orzamentos que non responden aos problemas dos nosos veciños e veciñas”. 

Escarlata Pampín tamén destacou “presentamos 15 propostas realistas pensadas para mellorar os orzamentos e por tanto a vida da xente de Ames. A resposta do goberno de Ames foi mirar cara outro lado e rexeitar case todas. Non podemos apoiar uns orzamentos que non apostan por unha política de vivenda seria e valente, xa que é un dos principais problemas da veciñanza de Ames. Outras medidas solicitadas foron a posta en marcha de axudas directas para os comerciantes afectados polas obras de humanización do Milladoiro e o incremento real da partida dos bonos Consuma para poder facer dúas campañas ao ano. A estes orzamentos fáltanlles máis diálogo, políticas progresistas, compromiso real coa veciñanza, ambición social, visión de futuro, en definitiva fáltalles máis BNG”.  

A voceira do Partido Popular, Oliva Agra, explicou que “presentamos propostas responsables. Propuxemos avanzar cara un novo plan xeral que ordene o crecemento do municipio. Non podemos seguir sen unha folla de ruta clara que marque onde, como e con que criterios se desenvolve o territorio. Tamén propuxemos reforzar de forma decidida a promoción económica, o emprego e o apoio ao comercio local. Un Concello non debe limitarse a prestar servizo, debe crear condicións para xerar actividade económica, atraer investimento e consolidar o tecido empresarial, por iso en moitas ocasións reclamamos maiores axudas para o comercio local. Ademais, propuxemos a creación dun parque de bombeiros propio, a seguridade non pode depender da vontade ou pasividade doutras administracións; e contar cunha dotación orzamentaria especifica para o arranxo das beirarrúas do concello. En cambio, propuxemos a instalación de puntos de carga de vehículos eléctricos e a creación dunha ordenanza para regular o seu uso. Sobre este asunto díxosenos que estaba traballando na licitación nos próximos meses”.

Sobre os ingresos e gastos, Oliva Agra dixo que “está previsto pedir préstamos por valor de preto de 3 millóns de euros para actuacións que non están suficientemente detalladas nin concretadas no documento orzamentario. Tamén se contempla vender parcelas municipais para adquirir outras. O goberno municipal pretende desfacerse de cinco parcelas municipais e ingresar preto de 1,6 millóns de euros, para dedicalos a catro operacións: adquirir por 800.000 euros parcelas ao carón da AP-9, nas inmediacións da rúa do Rego, no Milladoiro, para a construción dun parque; expropiar por 500.000 euros varias parcelas en Bertamiráns para a construción do parque urbano Bertamiráns norte; adquirir parcelas nas proximidades do CEIP Agro do Muíño para ampliar a estrada de Sisalde e crear novas prazas de aparcamento; e 45.000 euros para reparacións nos pavillóns municipais.  O goberno en minoría, que presume de talante negociador nin tan sequera informou á oposición dos grandes proxectos que ten pensado para Ames, igual é porque nin o propio goberno confía en que os poida materializar”. Por último, criticou “a redución nun 35% da partida destinada ao mantemento dos centros educativos e nun 11,4% para o programa de campamentos para a mocidade”.

Resposta por parte do goberno municipal
A concelleira de Servizos Económicos, Susana Señorís, respondeu que “levan un ano enteiro criticando que este goberno non presentara uns orzamentos, cando se lles explicou con claridade e en repetidas ocasións que no ano 2025 non era posible facelo. Coincidimos plenamente na necesidade de ter orzamentos para garantir estabilidade e capacidade de acción. Saben que nunca tiveron intención real de aprobar estes orzamentos. A suposta negociación que estableceron non foi máis que un movemento estratéxico sen vontade sincera de chegar a un acordo. Hai propostas que realizaron que son irrealizables ou incluso ilegais. Este Concello vai ter orzamentos hoxe ou dentro dun mes. Non aprobar estes orzamentos supón un contratempo na xestión, supón non cumprir cos traballadores, e non poder executar os proxectos recollidos en dito documento”.

Pechou a quenda de intervencións o alcalde, Blas García, que dixo “vivimos nun Ames distinto porque eu non noto esa percepción do Ames negativo ou triste que vostedes traen hoxe aquí. A miña percepción é dun Ames no que a xente quere vir a vivir aquí, e somos un dos poucos concellos que medra en poboación, e o único concello este ano en Galicia con saldo vexetativo positivo. Por iso creo que tan mal non o estamos facendo. A realidade destes orzamentos é que queremos mellorar os aparcamentos públicos, cubrir as pistas polideportivas do Milladoiro, recollemos unha axuda para as familias con intolerancias, imos levar a nosa propia auga a Bertamiráns, O Milladoiro e todo o entorno e prescindir da auga de Santiago, e imos mellorar o servizo de abastecemento da parte alta da avenida da Maía, en Bertamiráns. Vostedes din que non temos prioridades, si que as temos, pero non coinciden coas súas”. Ademais, avanzou “estamos traballando nun proxecto de vivenda pública e ademais xa lle cedemos seis parcelas no Milladoiro á Xunta para construír máis de 200 vivendas públicas”.

Gasto por áreas
O orzamento consolidado para o exercicio 2026 ascende á cifra de 43.334.228,98 euros. Dito presuposto está composto polo orzamento municipal de 38.753.577,15 euros e mailo orzamento da EPEL Augas de Ames de 4.580.651,83 euros. O orzamento municipal de 2026 medra en 6.185.153 euros respecto do presuposto de 2024, e increméntase respecto de 2024 en 10.755.804 euros se temos en conta o orzamento consolidado de 2026, que tamén inclúe o orzamento da EPEL Augas de Ames.

A principal área de gasto é educación co 17,36% do total do orzamento. A segunda área con maior gasto é benestar comunitario co 15,10%, e na terceira posición está servizos sociais e promoción social, que representa o 8,43%. Na cuarta posición queda medio ambiente co 8,35% do gasto total. A continuación, aparecen outras áreas como son seguridade e mobilidade cun 7%; cultura cun 6,76%; servizos de carácter xeral cun 6,14%; deporte cun 5,83%; vivenda e urbanismo cun 4,87%; administración financeira e tributaria cun 3,79%; e comercio, turismo e pequenas e medianas empresas cun 3,73%.

Resumo de ingresos por capítulos
Os ingresos do Concello de Ames, que suma un total de 38.743,577,15 euros, divídense en 9 capítulos. Os ingresos directos, que ascenden a 9.491.310,80 euros, supoñen un 24,49% do total de ingresos e son un dos piares do financiamento municipal. O principal tributo é o IBI cun 74,50% deste capítulo, imposto que segue sen modificarse, polo que este incremento é debido aos novos inmobles construídos en Ames. Os impostos indirectos, que ascende a 1.123.690,45 euros e representan o 2,90%, soben 576.551,65 euros con respecto ao orzamento do 2024, isto é debido ao dinamismo económico local (a contía recadada polo ICIO aumenta con respecto ao 2024, debido ao interese inversor neste concello).

Por outra banda, as taxas, prezos públicos e outros ingresos ascende a 6.403.603,27 euros (16,52%); as transferencias correntes son de 14.203.265,49 euros e representan o 36,65%; os ingresos patrimoniais son de 165.000 euros (0,43%). A través destes cinco capítulos de operacións correntes acádanse uns ingresos de 31.386.870,01 euros (80,99%).

Ademais, as operacións de capital ascenden a 4.602.707,14 euros (11,88%) e están divididas en alleamento de investimentos reais (1.455.000 euros – 3,75%) e transferencias de capital (3.147.707,14 euros – 8,12%). Por último, as operacións financeiras ascenden a 2.764.000 euros (7,13%): os activos financeiros son 18.000 euros (0,05%) e os pasivos financeiros son de 2.746.000 euros (7,09%).

Resumo de gastos por capítulos
O apartado de gastos, que suma un total de 38.753.577,15 euros, está composto por sete capítulos divididos en operacións non financeiras e operacións financeiras. Gastos de persoal, con 12.526.365,68 euros (32,32%); gastos correntes en bens e servizos, con 16.530.307,47 euros (42,65%); gastos financeiros, con 13.000,00 euros (0,03%); transferencias correntes, con 1.295.711,41 euros (3,34%); e investimentos reais, con 8.096.920,23 euros enmárcanse dentro das operacións non financeiras, que supoñen un gasto de 38.462.304,79 euros (99,25% do total de gastos).

En canto ao apartado das operacións financeiras, este está composto por dous capítulos: activos financeiros, con 18.000 euros, e os pasivos financeiros, con 273.272,36 euros. En total, as operacións financeiras contemplan un gasto total de 291.272,36 euros e unha achega 0,75% ao conxunto total do apartado de gastos.

Orzamento EPEL de Ames
Por outra banda, tamén se debateu sobre o orzamento da EPEL Augas de Ames para o exercicio 2026 (que inclúe os orzamentos de explotación e capital da entidade para 2026, previsión do balance de situación, cadro de persoal da EPEL con detalle das retribucións totais previstas, así como o programa de actuación plurianual 2026-2028); e a aprobación da masa salarial do persoal laboral para 2026. Trátase dun presuposto equilibrado entre ingresos e gastos que ascende a 4.580.651,83 euros. O orzamento de 2026 recolle dous importantes investimentos: a obra de abastecemento de auga potable dende a ETAP de Lens ata O Milladoiro, Bertamiráns e ao rural; e mailo reforzo da rede de abastecemento na avenida da Maía, en Bertamiráns.

Novas relacionadas

El Correo Gallego: "Ames irá a cuestión de confianza este jueves después de ver tumbado el presupuesto más alto de la comarca"

La Voz de Galicia: "La oposición de Ames fuerza la cuestión de confianza al rechazar el presupuesto, de 38,7 millones"

Lindeiros: "Cuestión de confianza no goberno de Ames"

Xornal de Compostela: "O pleno de Ames rexeita inicialmente o orzamento municipal de 2026 e o alcalde anuncia unha cuestión de confianza"

O Pleno vota en contra da aprobación inicial do Orzamento Xeral de 2026 do Concello de Ames e da EPEL Augas de Ames

Multimedia

  • O Pleno vota en contra da aprobación inicial do Orzamento Xeral de 2026 do Concello de Ames e da EPEL Augas de Ames
  • O Pleno vota en contra da aprobación inicial do Orzamento Xeral de 2026 do Concello de Ames e da EPEL Augas de Ames
  • O Pleno vota en contra da aprobación inicial do Orzamento Xeral de 2026 do Concello de Ames e da EPEL Augas de Ames
  • O Pleno vota en contra da aprobación inicial do Orzamento Xeral de 2026 do Concello de Ames e da EPEL Augas de Ames
  • O Pleno vota en contra da aprobación inicial do Orzamento Xeral de 2026 do Concello de Ames e da EPEL Augas de Ames
  • O Pleno vota en contra da aprobación inicial do Orzamento Xeral de 2026 do Concello de Ames e da EPEL Augas de Ames