- Tematica
Este pasado xoves, 27 de novembro, celebrouse o pleno ordinario correspondente ao mes de novembro. A Corporación municipal aprobou a adhesión á Mancomunidade Serra do Barbanza; o Plan de Igualdade do Concello de Ames; a resolución do recurso de reposición sobre a prohibición para contratar a empresa Osventos Innovación e Servizos SL; a sexta modificación do plan estratéxico de subvencións; a modificación da aprobación inicial da ordenanza do centro deportivo municipal A Telleira para o exercicio 2026; a subsanación das deficiencias na redacción do proxecto das obras de pavimentación de viarios na aldea de Villaverde (Piñeiro) do POS+2025; a aprobación da segunda fase do POS+ Adicional 4/2025; e a devolución da garantía definitiva constituída mediante aval bancario do servizo de abastecemento de auga potable e saneamento municipal. Ademais, tomou posesión como concelleira Beatriz Martínez, que asume as áreas de Educación, Mocidade e Mobilidade, e aprobáronse dúas mocións do grupo municipal BNG de Ames sobre o impacto das obras na N-550 no comercio local do Milladoiro e sobre a necesidade de incrementar os recursos públicos para facer fronte á violencia machista. Podes ver a gravación do pleno na canle de Youtube do Concello de Ames.
O pleno comezou co alcalde dando conta á Corporación municipal dos decretos ditados pola Alcaldía dende a última sesión plenaria ordinaria. Dende o último pleno ordinario aprobáronse 346 decretos, do 3345 ao 3690. Neste apartado o alcalde tamén deu conta das actas de Xunta de Goberno Local correspondentes ás sesións dos días 30 de outubro e 6, 13 e 20 de novembro.
A concelleira de Servizos Económicos, Susana Señorís, deu conta da execución trimestral correspondente ao período medio de pago a provedores e morosidade do terceiro trimestre de 2025. Neste punto destacou que o período medio de pago a provedores foi de 38,56 días.
De seguido, tomou posesión como concelleira Beatriz Martínez Domínguez, que asume as áreas de Educación, Mocidade e Mobilidade; e aprobouse por unanimidade a acta da sesión ordinaria do mes de outubro e maila acta da sesión extraordinaria celebrada o pasado 18 de novembro de 2025.
A continuación, aprobouse por unanimidade o Plan de Igualdade que será aplicable con carácter xeral ao persoal municipal ao servizo do Concello de Ames. As Administracións públicas deben respectar a igualdade de trato e de oportunidades no ámbito laboral e adoptar medidas dirixidas a evitar calquera tipo de discriminación laboral entre homes e mulleres. Por iso, dito plan deberase desenvolver no convenio colectivo do Concello de Ames. Previamente, o plan foi obxecto de negociación colectiva e acordado na Mesa xeral de negociación do pasado 21 de outubro de 2025.
Outro dos temas aprobados por unanimidade foi a desestimación do recurso de reposición presentado pola empresa Osventos Innovación e Servizos SL contra o acordo plenario do 25 de setembro de 2025, no que acordou a declaración de prohibición para contratar co Concello de Ames por un período de 3 anos, de acordo coa proposta formulada no informe emitido pola responsable do contrato.
De seguido, aprobouse por unanimidade a sexta modificación do Plan estratéxico de subvencións. O Concello vai poñer en marcha un ano máis a campaña dos Bonos Consuma, para iso aprobouse un suplemento de crédito no pleno extraordinario celebrado o pasado 18 de novembro. Debido a iso foi necesario modificar o Plan estratéxico de subvención para introducir na correspondente liña de subvención o importe de 60.000 euros para a anualidade 2025.
Tamén se aprobou a modificación da aprobación inicial da ordenanza do centro deportivo municipal A Telleira para o exercicio 2026, que implica unha modificación do cadro de tarifas. Dita modificación estivo motivada nun erro na aplicación do IPC que era do 2,3%. Aplicouse o IPC do 3,1%, polo que houbo que proceder a facer dita modificación para introducir o IPC do 2,3%. Este punto foi aprobado co voto a favor dos concelleiros e concelleiras do grupo de goberno, Partido Popular e Espazo Común, mentres que os/as edís do BNG votaron en contra.
Adhesión á Mancomunidade da Serra do Barbanza
Un dos puntos máis importantes abordados no pleno ordinario de novembro foi a adhesión do Concello de Ames á Mancomunidade da Serra do Barbanza como membro de pleno dereito. Con esta decisión o Concello expresa a súa vontade de participar activamente nos obxectivos, programas e servizos comúns desenvolvidos pola Mancomunidade, contribuíndo así ao fortalecemento da cooperación intermunicipal e á mellora da xestión conxunta dos servizos públicos en beneficio da cidadanía. Este punto foi aprobado co voto a favor dos concelleiros e concelleiras do grupo de goberno e do BNG, mentres que os/as edís do Partido Popular e Espazo Común votaron en contra.
Por parte do goberno municipal o encargado de expoñer este punto foi o concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Gustavo Nieto, que explicou os motivos polos que se toma esta decisión: “Primeiro, a Mancomunidade fainos chegar que quere que sigamos de socios con eles, quere que sigamos de pleno dereito e fai caso ás demandas que presentamos xa hai algo máis de tres anos, como a creación dun cadro de persoal propio, cumprindo as necesidades que hoxe en día ten o Concello de Ames e chegar a unha xestión centralizada das taxas dos Concellos. Pero ademais apróbase un cadro de persoal xa na última xuntanza da Mancomunidade de 4 persoas, negóciase e chégase a un acordo da débeda con FCC, apróbanse os novos presupostos e vanse empezar os pregos para unha nova licitación. Todo isto fainos crer na Mancomunidade e fainos tomar a decisión de seguir na Mancomunidade”.
Sobre este asunto a voceira de Espazo Común, Luísa Feijóo, dixo “hoxe atopámonos con que temos que decidir se Ames entra ou non como socio, cando a Mancomunidade ten o seu vaso colmado, e ten a imposibilidade de cumprir a normativa europea respecto á actividade que viña desenvolvendo, unha entidade que aínda está en pleno estudo de viabilidade, que aínda non sabe a que se vai dedicar definitivamente, por non saber, ou polo menos, o noso grupo aínda non o ten moi claro, porque non se nos trasladou a información, nin sequera sabemos a ciencia certa os datos do estudo económico que se fixo. Fáltanos saber e ter claros cales son os dereitos e as obrigas de Ames. Fáltanos máis vontade por parte deste goberno de defender, como dixen antes, os intereses dos veciños e veciñas do concello de Ames. Non nos parece que teñamos que aceptar unha débeda de 9 millóns de euros sen antes polo menos pelexala”.
Por parte do BNG, interviu a súa voceira, Escarlata Pampín, que destacou “realmente creo que é incuestionable o compromiso e aposta do BNG pola Mancomunidade Serra do Barbanza ou con calquera outro ente que implique un modelo alternativo a Sogama ou á incineración dos residuos. O total abandono por parte da Xunta de Galicia e tamén co interese do Ministerio de acabar co modelo húmido-seco levounos a esta situación. A Mancomunidade Serra do Barbanza foi un referente a nivel galego e estatal na xestión de residuos na súa planta de Servia, no concello de Lousame, e dende o BNG recriminamos no seu momento e seguimos recriminando ao Partido Popular e o PSdG non ter feito ningún esforzo por soster este modelo. A inacción política foi o único motivo que nos levou a estar na situación que estamos actualmente. Temos un Partido Popular na Xunta de Galicia que, en vez de colaborar con estes sistemas alternativos, fai todo o posible por boicotealos”.
A voceira do Partido Popular, Oliva Agra, preguntouse “cal é a débeda total da Mancomunidade con FCC? A que concepto se corresponde? Que parte din que nos corresponde? Cal sería o plan de pagos? Canto lle correspondería ao Concello de Ames? Que parte da débeda está estudando o Concello recorrer? Que pasaría se non nos adherimos á Mancomunidade? E se deixamos as cuestións xurídicas a un lado imos entrar na calidade de servizo que están a recibir os veciños. Un servizo bastante deficitario en canto a calidade. Dende o PP hai tempo que vimos denunciando que moitos contedores, sobre todo no rural, atópanse rotos e moi sucios. Por outro lado, paréceme sorprendente que os señores do BNG de Ames, que tamén denunciaban estas cuestións, incluso fixeron unha campaña chamada Amadriña un colector? Agora serán cómplices do goberno socialista nesta cuestión”.
POS+ Adicional 4/2025
Ademais, aprobouse por unanimidade a subsanación das deficiencias na redacción do proxecto das obras de pavimentación de viarios na aldea de Villaverde, na parroquia de Piñeiro, que está incluído no POS+2025. A única variación consiste en que se procedeu a subsanar as deficiencias de índole formal indicadas polos técnicos da Deputación provincial da Coruña. A continuación aprobouse por unanimidade a segunda fase do POS+ Adicional 4/2025, para investimentos financeiramente sostibles, que inclúe o arranxo e renovación das beirarrúas na avenida da Maía ata o límite co concello de Brión.
Na parte resolutiva, o último tema que se abordou foi a aprobación, tamén por unanimidade, da devolución da garantía definitiva constituída mediante aval bancario do servizo de abastecemento de auga potable e saneamento municipal solicitada pola empresa Espina & Delfín SL, anterior concesionaria do contrato de explotación do servizo de abastecemento de auga potable e saneamento municipal.
Apartado de mocións
No apartado de mocións abordaranse dúas mocións políticas do grupo municipal do BNG. A primeira, que tratou sobre o impacto das obras na N-550 no comercio local de O Milladoiro, foi aprobada cos votos a favor do BNG, Partido Popular e Espazo Común. Os membros do goberno municipal votaron en contra.
A segunda moción abordou a necesidade de incrementar os recursos públicos para facer fronte á violencia machista. Esta moción foi aprobada cos votos a favor dos concelleiros e concelleiras do BNG, grupo de goberno e Espazo Común, mentres que os/as edís do Partido Popular votaron en contra.
Novas relacionadas:
El Correo Gallego: "De cliente a socio de pleno derecho: Ames entra en Serra do Barbanza con voz y voto"
La Voz de Galicia: "El apoyo del BNG allana al gobierno de Ames la entrada en la Mancomunidade Serra do Barbanza"
Ames GO: "Ames intégrase como membro de pleno dereito na Mancomunidade Serra do Barbanza"













