Este martes, 28 de decembro, o Concello de Ames celebra o pleno ordinario do mes de decembro. En dita sesión plenaria a Corporación municipal debaterá sobre a rectificación do Inventario municipal, que leva sen actualizar dende hai 20 anos. Na mesma sesión abordarase a solicitude dunha subvención á Deputación para a creación dun área de autocaravanas en Bertamiráns; o incremento da cantidade global destinada á asignación de gratificacións, horas extras e horas complementarias no orzamento 2021; a continuidade da prestación do servizo do Ciclo Integral da Auga pola concesionaria do servizo, Espina & Delfín SL, a partir do 31 de decembro de 2021; a sétima prórroga do contrato asinado coa empresa Urbaser SA, para a xestión da limpeza viaria e do Punto Limpo polo prazo de seis meses; e maila revisión dos prezos de Urbaser SA para 2021. Ademais, abordaranse dúas propostas: a primeira presentada por Ames Novo trata sobre a adecuación dos límites de velocidade ao establecido polo Real Decreto 970/2020 en diversas estradas do concello. Na segunda proposta, presentada polos grupos municipais socialista, Contigo Podemos e Ames Novo, ínstase ás autoridades da República de El Salvador a cumprir a sentenza do Tribunal Iberoamericano de Dereitos Humanos no chamado “Caso Manuela”, que insta ao goberno dese país a reformar a lei que penaliza calquera tipo de aborto, incluso o terapéutico.