Solapas principales

O Pleno debaterá a cuarta modificación do ROM e maila aprobación do suplemento de crédito 5/2022 financiado con remanente de tesourería para gastos xerais

Miércoles, 23 de noviembre de 2022

Este xoves, 24 de novembro, o Concello de Ames celebra o pleno ordinario correspondente a este mes de novembro. En dita sesión plenaria a Corporación municipal debaterá a aprobación da cuarta modificación do Regulamento Orgánico Municipal (ROM), a elección de xuíz/a de paz substituto e maila aprobación do suplemento de crédito 5/2022 con remanente de tesourería para gastos xerais. O pleno poderase seguir por streaming a través da canle de YouTube do Concello de Ames.

O pleno comezará co alcalde dando conta á Corporación municipal dos decretos ditados pola Alcaldía dende a última sesión plenaria ordinaria. Ademais, a concelleira de Economía e Facenda dará conta da información periódica que hai que render ao Pleno correspondente ao terceiro trimestre do exercicio 2022.

No apartado de deliberación e acordo abordarase en primeiro lugar a aprobación da acta do pleno ordinario do pasado mes de outubro. A continuación abordarase a aprobación da cuarta modificación do Regulamento Orgánico Municipal (ROM) do Concello de Ames.  Dita modificación afecta aos artigos 47 e 48. Aínda que son erros de carácter menor procede corrixilos. No artigo 47 indícase que as mocións de urxencia se presentarán 48 antes da celebración do pleno. É necesario precisar que son 48 horas antes. Ademais, o artigo 47 conten erroneamente un punto 3 que procede suprimir porque non hai números 1 e 2.

En canto ás mocións, mestúranse nalgúns momentos as mocións de urxencia e as de carácter político. Cando se indica que cada grupo político pode presentar dúas mocións e cada concelleiro non adscrito/a unha, estase referindo unicamente ás políticas. Ademais, debe suprimirse a limitación do artigo 48 de mocións de urxencias a un total de 4 dado que serán as que sexan necesarias en cada momento. As esixencias de que as emendas as mocións sexan aceptada polos propoñente refírese unicamente ás mocións políticas.

Outro dos temas a tratar será a elección e xuíz/a de paz substituto do Concello de Ames. O Concello de Ames recibiu unha notificación da Secretaría de Goberno do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia na que se indica que o mandato de catro anos do xuíz/a de paz substituto do Concello de Ames está próximo a vencer. Deste xeito, o Pleno deberá prestar aprobación, se procede, ás bases para dita elección. Unha vez aprobadas as bases procederase a súa exposición pública para a presentación de solicitudes por un prazo de 15 días hábiles. Examinadas as solicitudes procederase, por maioría absoluta, á elección de xuíz/a de paz substituto  propoñendo o seu nomeamento ao Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Suplemento de crédito
Por último, abordarase a aprobación do suplemento de crédito 5/2022 con remanente de tesourería para gastos xerais. O departamento municipal de Recursos Humanos informou que mediante o Real Decreto-Lei 18/2022, de 18 de outubro, aprobouse un incremento retributivo adicional do 1,5% ao persoal ao servizo do sector público para o ano 2022, respecto das retribucións vixentes a 31 de decembro de 2021. Este incremento ten efectos retroactivos, e aplicarase dende o 1 de xaneiro de 2022, o que supón un incremento das retribucións non previstas no orzamento en vigor. Tendo en conta que non cabe transferir crédito doutras aplicacións xa que nos atopamos no ultimo trimestre do exercicio no que o gasto se atopa axustado, é necesario aprobar un suplemento de crédito para facer fronte a dita suba do 1,5%.

A proposta de Recursos Humanos recolle tamén un cadro cos importes precisos para incrementar as partidas de “Gratificacións”, “Horas extras”, “Horas complementarias” e “Compensación de festivos e nocturnos”, xa que ao ser conceptos retributivos vencellados ás retribucións salariais, experimentan o mesmo aumento porcentual que ditas retribucións salariais, ao incrementarse estas últimas no referido 1,5%.

O importe estimado para facer fronte a dita subida salarial do 1,5% dende o 1 de xaneiro de 2022, incluíndo as cotas de cotización á seguridade social, separado por áreas de gasto e por conceptos salariais, sería de 109.907,49 euros de retribucións, máis 33.974,03 euros de cotas á seguridade social, o que fai un total de 143.881,52 euros.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Votan un suplemento de crédito para subir un 1,5% a retribución ao persoal"

Imaxe de arquivo do salón de plenos