Solapas principales

O Pleno debaterá a solicitude dunha subvención nominativa para sufragar a construción do mercado municipal de abastos

Martes, 14 de julio de 2026

Este mércores, 15 de xullo, celebrarase un pleno extraordinario e urxente no que se abordará a solicitude dunha subvención nominativa, a través dun convenio de colaboración entre a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, a Deputación Provincial da Coruña e o Concello de Ames, para a construción do mercado municipal de abastos. Este proxecto enmárcase dentro do plan Conecta Ames, incluído dentro da convocatoria para a asignación de senda financeira do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional aos plans EDIL, no marco do desenvolvemento urbano sostible, con cargo ao FEDER para o período 2021-2027. O pleno será emitido en directo a través da canle de YouTube do Concello de Ames.

O Concello de Ames foi beneficiario dunha senda financeira FEDER para a execución do Plan de Actuación Integrado Conecta Ames, no marco do desenvolvemento urbano sostible financiado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no período 2021-2027. Dentro de dito plan inclúese o proxecto de construción dunha estratexia alimentaria integral Km 0, apoiada nun novo mercado de abastos e nun banco de terras de produción local. O orzamento deste proxecto ascende a 3.293.003,90 euros (IVE incluído) polo que resulta conveniente contar co apoio doutras administracións para a súa execución.

O alcalde xa mantivo contactos coa Xunta de Galicia e coa Deputación da Coruña, para ver a posibilidade de colaborar no financiamento deste proxecto. Ambas institucións amosaron a súa vontade de colaborar, polo que elaborouse un borrador de convenio de colaboración entre a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, a Deputación Provincial da Coruña e o Concello de Ames, para a construción de dito mercado e a posta en marcha do banco de terras de produción local.

Deste xeito, terá que ser o Pleno o que aprobe, se procede, a presentación dunha solicitude á Deputación Provincial da Coruña e á Xunta de Galicia dunha subvención nominativa, mediante convenio de colaboración, por importe de 2 millóns de euros para o financiamento de dita actuación, cuxo importe total ascende a 3.293.003,90 euros (IVE incluído).

A Xunta de Galicia achegaría 1 millóns de euros, a Deputación da Coruña outro millón de euros, mentres que o Concello terá que achegar o importe restante que ascende a 1.293.003,90 euros. Estes importes achegaríanse polas tres administracións repartidos durante os exercicios 2026, 2027 e 2028. 

Plan Conecta Ames 
O plan Conecta Ames contempla a execución de catro grandes proxectos, que se enmarcan nunha estratexia xeral, e están recollidos na Axenda Urbana 2030. Dito plan está incluído dentro da convocatoria para a asignación de senda financeira do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional aos plans EDIL, no marco do desenvolvemento urbano sostible, con cargo ao FEDER para o período 2021-2027. Ao Concello de Ames correspóndenlle 6.547.727 euros, que representan o 60% sobre o importe total do Plan Conecta Ames. O 40% restante que ascende a 4.365.151 euros ten que ser achegado a través de financiamento propio, autonómico ou provincial. 

Na EDIL do Concello de Ames inclúese un primeiro proxecto que se define como a construción dunha estratexia alimentaria integral Km 0, apoiada nun novo mercado de abastos e un banco de terras de produción local, que inclúe as seguintes accións: a construción do mercado municipal de abastos, en Bertamiráns, e a rexeneración do espazo exterior; a integración co entorno verde próximo a través da rúa do Cómaro; a creación dun banco de terras de catro hectáreas recuperadas para o cultivo ecolóxico na Condomiña (na contorna fluvial do río Sar); e mailo asesoramento e formación aos produtores.

Imaxe de arquivo do salón de plenos