Solapas principales

O Pleno debaterá a aprobación inicial da modificación dos regulamentos dos programas complementarios e lúdicos

Miércoles, 26 de octubre de 2022

Este xoves, 27 de outubro, o Concello de Ames celebra o pleno ordinario correspondente a este mes de outubro. En dita sesión plenaria a Corporación municipal debaterá a aprobación inicial da modificación puntual do regulamento dos programas de conciliación (Bos días coles, Comedores escolares e Tardes divertidas), dos programas lúdicos, e da Escola de verán. Ademais, debaterase sobre a aprobación do proxecto modificado de acondicionamento e mellora térmica da cuberta da escola infantil O Bosque e maila aprobación do proxecto da obra de melloras básicas das condicións térmicas e acústicas do pavillón do Milladoiro. Tamén se tratará a modificación das ordenanzas de imposto sobre vehículos e de bens inmobles. Por último, debaterase sobre un recoñecemento extraxudicial de crédito, por valor de 48.000 euros, e sobre o incremento da contía para gratificacións, horas estras e horas complementarias.

O pleno comezará co alcalde dando conta á Corporación municipal dos decretos ditados pola Alcaldía dende a última sesión plenaria ordinaria. No apartado de deliberación e acordo abordarase en primeiro lugar a aprobación da acta do pleno ordinario do pasado mes de setembro. A continuación abordarase a aprobación do proxecto modificado de acondicionamento e mellora térmica da cuberta da escola infantil O Bosque. Dita modificación é unha cuestión menor de índole formal que non ten transcendencia algunha no deseño da obra nin nas funcionalidades da mesma. Tampouco afecta ao importe de execución.

De seguido, tratarase a aprobación do proxecto da obra de melloras básicas das condicións térmicas e acústicas do pavillón do Milladoiro. Ao igual que o caso anterior dita modificación é unha cuestión menor de índole formal que non ten transcendencia no deseño da obra, nas funcionalidades da mesma, nin tampouco afecta ao importe de execución.

Regulamentos dos programas complementarios e lúdicos
Por outra banda, a Corporación municipal debaterá a aprobación inicial da modificación puntual do regulamento dos programas de conciliación (Bos días coles, Comedores escolares e Tardes divertidas), dos programas lúdicos, e da Escola de verán. Dita modificación consiste en eliminar toda referencia á presentación de orixinais, cotexo de documentos e copias cotexadas, salvo nos supostos excepcionais con amparo na propia normativa, favorecendo deste xeito a presentación electrónica das solicitudes polas persoas usuarias do servizo.

Con esta modificación eliminarase a esixencia xeneralizada de esixir documento orixinal ou cotexada. Modificarase tamén a redacción da disposición adicional primeira que contiña un erro na referencia legal precisando expresamente que a redacción aprobada manterase en vigor ata a sua modificación ou derogación expresa, suprimindo a disposición final por duplicidade. Esta proposta de modificación foi consultada na reunión do Consello Escolar Municipal do día 5 de outubro de 2022, resultando aprobada por unanimidade.

Modificación de ordenanzas IVTM e IBI
Tamén se tratará a modificación das ordenanzas de impostos sobre vehículos e de bens inmobles. Na ordenanza reguladora do imposto sobre vehículos de tracción mecánica do Concello de Ames preténdese aprobar unha modificación que afectaría ao artigo 7.2 e artigo 9.1 que regulan, respectivamente, a exención do imposto para persoas con discapacidade e a bonificación dos vehículos en relación coa emisión de C02.

Na ordenanza fiscal reguladora do imposto sobre bens inmobles do Concello de Ames a modificación está relacionada coas bonificacións na cota do imposto en favor de inmobles nos que se tivera instalado sistemas para o aproveitamento térmico ou eléctrico da enerxía que provén do sol. Dita bonificación está condicionada a que as instalacións para a produción de calor inclúan colectores que dispoñan da correspondente homologación concedida pola administración competente.

Recoñecemento extraxudicial de crédito
Ademais, debaterase sobre un recoñecemento extraxudicial de crédito por valor de 48.126,80 euros para o pago de facturas pola realización de gastos necesarios para o normal funcionamento de distintos servizos municipais. O pago de ditas facturas ten que ver coa necesidade de non interromper o normal funcionamento do Concello.

Por último, debaterase sobre o incremento da contía para gratificacións, horas estras e horas complementarias. Dito incremento sería de 65.000 euros, que se sumarían aos 225.000 euros asignados inicialmente no orzamento de 2022.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "Ames cambia los trámites de los planes de conciliación para facilitar la gestión telemática"

Imaxe de arquivo do salón de plenos