Solapas principales

Departamento de Educación

Noticias del departamento

Dá comezo o curso escolar 23/24 no concello de Ames, cun total de 3.727 alumnos/as de infantil, primaria e secundaria que inician o curso escolar e a posta en funcionamento de novo dos seus servizos complementarios que tan boa acollida teñen entre os usuarios e usuarias, que volveron a superar os 2.200 usuarios/as sumando todos os servizos de conciliación ou complementarios que oferta o Concello.

Un total de 3.837 nenos/as e mozos/as do concello de Ames deron comezo esta mañá a un novo curso escolar. Os colexios, a escola de educación infantil do Milladoiro, as escolas unitarias e mailos institutos abriron as súas portas con total normalidade. Previamente, durante os meses de verán, no marco do plan de mantemento estival que se realiza todos os anos, o Concello executou diversos traballos de mantemento e reparación nos centros escolares do municipio. 2.165 alumnos/as están matriculados en escolas e colexios públicos de infantil e primaria, mentres que 1.332 rapaces e rapazas están matriculados nos dous institutos amesáns. Ademais, hai que engadir 340 rapaces e rapazas que cursan estudos de infantil primaria e secundaria no colexio Alca, que é o único centro concertado do concello.

Este luns, 3 de xullo, deu comezo unha nova edición da Escola de Verán, que se está desenvolvendo no CEIP da Maía, no CEP de Ventín e na EEI do Milladoiro. Un total de 363 nenos e nenas están a participar no programa de conciliación, unha iniciativa que pretende ofrecer unha alternativa de ocio e tempo libre aos nenos e nenas. A programación durante a primeira quincena de xullo xira arredor das emocións.

O pasado venres, 1 de xullo, comezou unha nova edición da Escola de Verán, que este ano se desenvolve no CEIP da Maía, no CEP de Ventín e na EEI do Milladoiro. Durante a primeira quincena deste mes de xullo, 330 nenos e nenas están participando neste programa de conciliación que pretende ofrecer unha alternativa de ocio e tempo libre aos nenos e nenas do concello de Ames no período estival. A temática das actividades durante a primeira quincena de xullo é “O noso contorno: os contornos naturais e humanos máis próximos”. Ao longo do verán, está previsto que 403 rapaces e rapazas asistan á Escola de Verán durante os meses de xullo e agosto.

Este martes, 1 de setembro, comezou unha nova edición do Setembro Lúdico con 58 participantes. A través deste programa trátase de facilitar a conciliación das familias amesáns antes do inicio do curso escolar. Este programa lúdico estase desenvolvendo no CEIP da Maía, EEI do Milladoiro e CEP de Ventín. Para o desenvolvemento de dito programa estase seguindo un protocolo de seguridade que, entre outras medidas, divide aos rapaces e rapazas en grupos de 15 usuarios/as como máximo, xunto con dous/dúas monitoras. Estes grupos de nenos/as están nunha parte específica das instalacións do centro educativo e non se mesturan cos usuarios/as do resto de grupos.

Desde o 1 de xaneiro, só os irmáns e as irmás maiores pagan a atención educativa nas Escolas Infantís Municipais de O Bosque e a Madalena. En Ames son 63 as familias ás que lles afecta esta bonificación. Destas cuestións falouse onte na reunión telemática da Comisión de seguimento do Consorcio Galego de Igualdade e Benestar á que asistiron o concelleiro de Educación, David Santomil, a concelleira de Facenda, Genma Otero e a técnica do departamento de Educación, Rosa García. Na mesma reunión deuse conta do estado das liquidacións e do cofinanciamento das escolas infantís da rede Galiña Azul.

Dende a ANPA da escola infantil municipal da Madalena, organízase un sorteo de Nadal para os/as socios/as co obxectivo de recadar fondos e deste xeito beneficiar aos nenos e nenas e as súas familias. Ademais, levarase a cabo un reparto de pequenos agasallos entre o alumnado. 

A ANPA do CEP de Ventín, en colaboración co Concello de Ames, inaugura o vindeiro 5 de decembro un ciclo de actividades centradas na formación sobre o uso responsable das tecnoloxías. A primeira sesión, chamada “Para, Pensa, Conéctate contra a violencia de xénero” terá lugar no auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro, ás 18:30 horas, e nela falarase sobre prevención contra o ciberacoso e a violencia de xénero dixital. Estas actividades enmárcanse no programa Conéctate, da Fundación Cibervoluntarios. Aqueles que estean interesados/as poderán inscribirse neste enlace.

Esta mañá, o salón de plenos da Casa do Concello, en Bertamiráns, recibiu a visita do alumnado de cuarto curso de educación primaria do CEIP Agro do Muíño, que se achegou á Casa consistorial para coñecer de primeira man o traballo que se realiza neste lugar. Así, acompañados de varios membros do Goberno local e dos grupos municipais do Partido Popular e do BNG, arredor de 75 nenos e nenas aprenderon que é un pleno municipal, o traballo que realizan os edís municipais e as funcións que cumpre a Administración local. Ademais, a rapazada puido trasladar aos membros da Corporación as súas dúbidas e preguntas.

 O concelleiro de Educación, David Santomil, mantivo unha xuntanza cos cinco directores e directoras do CEIP de Barouta, CEIP A Maía, CEIP Agro do Muíño, CEP Ventín e EEI do Milladoiro, no Pazo da Peregrina, para falar do plan de reparación e mantemento de patios escolares. Estas actuacións xa foron autorizadas pola Xefatura Territorial de Educación da Xunta de Galicia. Realizaranse en dúas anualidades, 2021 e 2022, en todos os centros escolares de ensino infantil e primaria de Ames.

Eventos del departamento

O Concello de Ames organiza o mércores 31 de agosto un acto na memoria dos once concelleiros da corporación municipal de Boimorto, detidos e asasinados pola represión franquista o 20 de agosto de 1936 nos Batáns. A homenaxe servirá ademais para informar sobre os traballos realizados na parroquia de Ortoño a comezos de agosto pola Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica (ARMH), co fin de localizar os corpos de seis dos once represaliados durante a Guerra Civil. Será ás 18:00 horas, na carballeira de Ortoño, ao carón da igrexa parroquial. Trátase dun acto aberto a toda a veciñanza que desexe asistir.

A ANPA do CEP de Ventín organiza o 5 dedecembro na Casa da Cultura do Milladoiro, ás 18:30 horas, unha actividade formativa chamada "Para, Pensa, Conéctate contra a violencia de xénero". Nela falarase sobre o uso responsable das tecnoloxías para a prevención contra o ciberacoso e a violencia de xénero dixital.

A ANPA As Brañas e mailo CEP de Ventín organizan unha charla sobre a miopía que está dirixida ás familias. Será o venres, 3 de novembro, ás 17.00 horas, na Casa da Cultura do Milladoiro. Nesta actividade colaboran o Concello de Ames e maila Universidade de Santiago de Compostela.

O auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns acollerá mañá, 8 de marzo, a presentación do libro “Universo Inverso” ás 19:00 horas. Trátase dun libro de haikus que foi creado integramente polo alumnado de 6º de primaria do CEIP de Barouta, desde a redacción dos textos ás ilustracións. Durante o acto, presentado por Belén Xestal, 25 alumnas e alumnos recitarán algúns dos haikus que compoñen o libro acompañados de música en directo e de intérpretes en lingua de signos. Ademais, contarase coa actuación do grupo de danza GoPra Performance. Polo momento, o libro non estará dispoñible en librerías, pero poderá adquirirse durante a presentación ou chamando ao centro escolar para encargar algún exemplar.