Actualidad

O Concello de Ames informa sobre a convocatoria de axudas para a promoción de actividades levadas a cabo no exercicio 2021 polos clubs e asociacións deportivas de Ames. A contía destinada a esta convocatoria ascende nesta anualidade aos 75.000 euros. O prazo de presentación de solicitudes é de 30 días naturais desde a publicación das bases no Boletín Oficial da Provincia (BOP), que tivo lugar este venres, 5 de agosto. O prazo de solicitude estará aberto dende mañá sábado 6 de agosto ata o luns 5 de setembro. Ao pé desta nova podes atopar as bases e mailos impresos de solicitude.

A Xunta de Goberno Local do pasado xoves 7 de xullo aprobou a convocatoria de axudas para a adquisición de libros de texto e material escolar, destinadas ao alumnado que cursou algún nivel do segundo ciclo de educación infantil no curso 2021-2022. Cunha contía total de 7.500 euros, as familias poden optar a estas subvencións, dun máximo de 120 euros por crianza, dende hoxe, martes 19 de xullo, ata o mércores 17 de agosto. Premendo nesta ligazón pódese obter máis información sobre esta convocatoria.

A Xunta de Goberno Local celebrada o 7 de xullo vén de aprobar a concesión de axudas para o exercicio 2022 a entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro para a promoción de actividades de servizos sociais comunitarios e inclusión social. Un total de dez entidades recibirán 60.000 euros para promover os seus proxectos, que serven de complemento aos servizos sociais municipais, e que favorecen a inclusión social, a saúde pública ou a formación laboral.

A Xunta de Goberno Local do pasado xoves 9 de xuño vén de aprobar a convocatoria de axudas destinadas ao apoio económico das familias numerosas do concello de Ames, que alcanzan unha contía total duns 110.000 euros. As subvencións, que poden chegar a un máximo de 1.200 euros por unidade familiar, buscan axudar ás familias con dificultades económicas, fixar poboación e favorecer o crecemento demográfico do concello. As persoas interesadas xa poden presentar as súas solicitudes na Sede electrónica do Concello de Ames, ou ben de xeito presencial nos rexistros municipais, ata o venres 15 de xullo. Premendo nesta ligazón pódese obter máis información sobre esta convocatoria.

A Xunta de Goberno Local do pasado xoves 12 de maio aprobou a convocatoria de subvencións para a promoción de festas populares e actividades levadas a cabo polas asociacións culturais no exercicio 2022. O prazo para solicitar estas axudas, que suman unhas contías de 30.000 euros para as actividades culturais e de 25.000 euros para as festas, xa está aberto ata o 29 de xuño. Premendo nestas ligazóns pódese obter máis información sobre a convocatoria para as festas populares, ou ben para as actividades culturais.

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Benestar Social, informa de que ata o 25 de maio continúa aberta a convocatoria de de subvencións a entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro para a promoción de actividades complementarias aos servizos sociais comunitarios e inclusión social. Con estas axudas búscase reforzar a colaboración coas entidades que leven a cabo actividades complementarias aos servizos sociais, e que favorezan a inclusión social, a saúde pública ou a formación laboral. Ao igual que en 2021, a contía total volve a acadar os 60.000 euros, un aumento do 50% con respecto ao previsto no plan de subvencións 2020-2022. Premendo nesta ligazón pódese obter máis información sobre esta convocatoria.

A Xunta de Goberno Local do pasado 7 de abril vén de aprobar a convocatoria de subvencións para o exercicio 2022 a entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro para a promoción de actividades de servizos sociais comunitarios e inclusión social. Con estas axudas búscase reforzar a colaboración coas entidades que leven a cabo actividades complementarias aos servizos sociais, e que favorezan a inclusión social, a saúde pública ou a formación laboral. Ao igual que en 2021, e dado o crecemento constante das solicitudes presentadas, a contía total volve a acadar os 60.000 euros, un aumento do 50% con respecto ao previsto no plan de subvencións 2020-2022. Premendo nesta ligazón pódese obter máis información sobre esta convocatoria.

A Xunta de Goberno Local do pasado xoves 10 de marzo aprobou a concesión de axudas para as actividades levadas a cabo polas ANPAs dos centros educativos amesáns nos exercicios 2020 e 2021. En total, as subvencións ascenden aos 24.085,97 euros, que servirán para apoiar as diferentes propostas das asociacións, como viaxes culturais, actividades extraescolares ou a organización de encontros e xornadas.

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Promoción Económica, informa de que está próximo a finalizar o prazo para presentar solicitudes á convocatoria de axudas do plan Ames Progresa. Esta liña de subvencións está dirixida ao mantemento do emprego e do tecido empresarial local. Poden presentarse a elas as empresas e profesionais autónomos, que pecharon parcialmente entre os meses de xaneiro e outubro de 2021, por mor da situación epidemiolóxica e das restricións vixentes no momento do peche. O prazo de presentación de solicitudes remata o día 20 de febreiro. O Concello investirá 120.000 euros nestas subvencións, que serán dun máximo de 1.500 euros.

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Promoción Económica, informa de que a Xunta de Galicia publicou unha liña de axudas para proxectos de investimento en actividades non agrícolas. As subvencións cubrirán un máximo do 45% do gasto realizado para adquirir maquinaria e equipamento en empresas existentes, ou ben para poñer en marcha novas actividades empresariais de carácter non agrícola en aldeas modelo. O prazo para solicitar as axudas está aberto dende hoxe ata o 25 de febreiro de 2022, cuxo trámite debe realizarse en liña a través da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader).
- ‹ anterior
- 5 de 9
- siguiente ›