Solapas principales

Aprobados 60.000 euros en subvencións a entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro

Miércoles, 27 de abril de 2022

A Xunta de Goberno Local do pasado 7 de abril vén de aprobar a convocatoria de subvencións para o exercicio 2022 a entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro para a promoción de actividades de servizos sociais comunitarios e inclusión social. Con estas axudas búscase reforzar a colaboración coas entidades que leven a cabo actividades complementarias aos servizos sociais, e que favorezan a inclusión social, a saúde pública ou a formación laboral. Ao igual que en 2021, e dado o crecemento constante das solicitudes presentadas, a contía total volve a acadar os 60.000 euros, un aumento do 50% con respecto ao previsto no plan de subvencións 2020-2022. Premendo nesta ligazón pódese obter máis información sobre esta convocatoria.

O Concello de Ames vén de aprobar en Xunta de Goberno Local unha nova convocatoria de subvencións a entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro, co fin de favorecer a posta en marcha de actividades de carácter básico e social complementarias ao labor xa realizado a través dos servizos sociais do Concello. A contía total da liña de axudas para este exercicio ascende aos 60.000 euros, mantendo a suba realizada en 2021 e superando nun 50% á cantidade prevista no Plan Estratéxico de subvencións 2020-2022.

Deste xeito, o Concello de Ames busca continuar a súa colaboración coas entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro, nun período no marcado pola situación económica e social derivada da crise epidemiolóxica da Covid-19, o conflito bélico en Ucraína e o incremento de prezos da enerxía e doutros bens de primeira necesidade.

Os obxectivos desta liña de axudas son a promoción da inclusión social de colectivos con dificultades de inserción; a instauración de programas de base comunitaria que desenvolvan accións preventivas; a intervención e o seguimento de persoas en risco de exclusión social; a potenciación da saúde pública, ou a formación básica e laboral adaptada ás necesidades de persoas con diversidade funcional.

No exercicio 2021 nove entidades beneficiáronse destas subvencións, obtendo un total de 57.650 euros que serviron para promover un total de 14 proxectos, que trataron temas como a educación emocional ou o acompañamento integral, e que serviron para cubrir necesidades básicas como o acceso á vivenda.

A concelleira de Benestar Social, Luisa Feijóo, destacou a importancia destas axudas para continuar o traballo conxunto entre o Concello e as diversas entidades. “Cada vez máis, vemos a necesidade de colaboración e coordinación coas diferentes entidades de iniciativa social, como unha forma de distribuír eficientemente os escasos recursos que contamos moitas veces tanto as administracións públicas como as propias entidades. Deste xeito, podemos chegar a máis poboación e abarcar máis eidos, como o social ou o sanitario”.

Liñas subvencionables

A convocatoria considera subvencionables tres liñas de actuacións complementarias dos Servizos Sociais comunitarios: proxectos de inclusión social ou de convivencia, tanto actuacións que formen parte de Programas de inserción social dirixidos a colectivos con especiais dificultades, como actuacións que formen parte de Programas integrais de base comunitaria que desenvolvan accións preventivas, de intervención e seguimento para persoas en risco de exclusión social; xornadas, charlas e en xeral divulgación dos efectos de determinadas enfermidades, adicións, ou outras problemáticas de índole sanitario; e actuacións destinadas a adquirir capacitación persoal, formación básica e de tipo laboral específica, adaptada ás necesidades de persoas con discapacidade física, intelectual, mental ou sensorial, que permitan mellorar a autonomía persoal, o autocoidado, así como a cualificación profesional.

Gastos subvencionables

Poderán ser subvencionados, ata un máximo do 80% do orzamento total, os gastos de persoal necesarios para a execución das actuacións; as retribucións totais correspondentes, incluída cotización empresarial á Seguridade Social para os correspondentes grupos profesionais no seus respectivos convenios colectivos; e as retribucións de persoal contratado en réxime de arrendamento de servizos (esta modalidade terá sempre carácter excepcional nos casos en que polas especiais características da actividade non resulte posible a realización polo propio persoal da entidade beneficiaria).

Igualmente, inclúense os gastos correntes consumibles non amortizables necesarios para a realización da actividade, incluídos gastos de suministros, non de aluguer, dos locais utilizados para o seu desenvolvemento; e os gastos de axudas económicas directas a persoas usuarias dos Servizos Sociais comunitarios, destinadas á cobertura de necesidades urxentes ou de emerxencia social para satisfacer necesidades primarias. Os gastos para os que se solicite a achega municipal deberán executarse dentro do exercicio 2020.

Entidades destinatarias

Poderán optar a estas subvencións as entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro legalmente constituídas, que realicen actividades complementarias aos Servizos Sociais comunitarios, e que desenvolvan a súa actuación, entre outros ámbitos, no Concello de Ames.

As entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro deben estar inscritas no Rexistro de asociacións da Xunta de Galicia e atoparse ao corrente no momento da solicitude e do pagamento no cumprimento das súas obrigas tributarias coa AEAT, e Concello de Ames, así como coa Seguridade Social. As entidades solicitantes non poderán ter pendente de xustificación ningunha axuda anterior do Concello, a non ser que lle fora concedida unha prórroga.

Presentación de solicitudes

As solicitudes deberán presentarse a través do rexistro telemático na Sede electrónica do Concello ou no rexistro de calquera administración pública adherida á plataforma de intercambio rexistral (SIR), en cumprimento do artigo 14.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. En caso de que unha entidade solicite a subvención para varios proxectos deberá presentar unha solicitude por cada proxecto de actuación. O prazo para presentar as solicitudes será dun mes a contar desde o día seguinte á publicación do extracto da convocatoria no BOP.

Ao igual que no exercicio anterior, e recollendo achegas das diferentes asociacións, esta convocatoria vai destinada a proxectos levados a cabo durante o mesmo ano natural para facilitar a programación, xa que saberían con que financiamento poderían contar con antelación ao desenvolvemento do proxecto. Tamén se propón a materialización de pagos fraccionados que respondan ao ritmo de execución das accións subvencionadas, aboándose por contía equivalente á xustificación presentada.

Premendo nesta ligazón pódese obter máis información sobre a tramitación desta convocatoria.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Manterase a suba ata os 60.000 € das axudas sociais"

Enfoques: "Ames aprueba 60.000 euros en ayudas a entidades de iniciativa social"

Imaxe das oficinas de servizos sociais do Milladoiro