Pestanas principais

Departamento de Radio Municipal e Comunicación

  • Departamento de Radio Municipal
    • Enderezo: Avenida da Maía, nº 22, Bertamiráns.
    • Ames Radio:
      • Teléfono: 981 890 452 – 662 37 74 13
      • Frecuencia de emisión: 107.2 da FM
    • Responsable municipal: Concellaría de Comunicación
    • Responsables técnicos: Nazaret López Rodríguez e Juan Luis Silva Regueira.
  • Departamento de comunicación
Outros Datos: 
  • Funcións:
    • Fornecer un servizo público de radiodifusión que fomente a información, o lecer, a formación e a participación dos veciños/as do Concello de Ames en todas as cuestións que afecten ao municipio, contribuíndo á creación dun espazo de comunicación local.
    • Poñer a disposición da veciñanza o espazo físico, o equipamento técnico e o persoal da radio municipal, para que poidan gravar e emitir os seus propios programas.
    • Informar á veciñanza da xestión do goberno municipal; da actividade cultural, deportiva, social, etc; así como do traballo que realizan as distintas asociacións municipais e clubs deportivos municipais.
    • Elaborar os contidos do xornal municipal gratuíto 94kmª, no que se abordan os temas de maior actualidade política e as actividades municipais nos 94 quilómetros cadrados do termo municipal.
  • Novas relacionadas
  • Axenda

Novas do departamento

A emisora municipal Ames Radio acolle durante toda esta semana as gravacións das pezas presentadas ao IX Concurso Radiofónico de Teatro Lido de Ames “Desata a Lingua”. En total participan nesta edición 21 grupos (7 do IES do Milladoiro e 14 do IES de Ames ,en Bertamiráns) e serán 69 as rapazas e rapaces de 1º, 2º, 3º e 4º da ESO que se acheguen estes días á emisora municipal para gravar as súas pezas. Organizada polos departamentos de Mocidade, Normalización e Comunicación do Concello de Ames, a actividade pretende dinamizar dun xeito lúdico e a través da creatividade o uso oral e escrito do galego entre a mocidade amesá. Asemade, fomenta o gusto polo teatro e o achegamento á radio municipal.

A pasada semana pechouse a sexta edición da radio cidadá, unha iniciativa na grella da emisora municipal, Ames Radio, que naceu co obxectivo de invitar á veciñanza do concello e da contorna a contar cun espazo radiofónico propio. Nesta convocatoria, que deu comezo na última semana de outubro e que se desenvolveu ao longo de oito meses, presentáronse un total de trece programas (dos cales dez xa foran emitidos en edicións pasadas, mentres que outros tres son de nova incorporación). Neles abordáronse diversos temas, como a música, a saúde ou a economía.

O Concello de Ames vén de habilitar un portal web, a través do cal se poden ver as sesións de plenos que se realizaron no Concello de Ames. Esta é unha plataforma na que se almacenan todos os plenos municipais dende novembro de 2016. Pódese acceder a dita web a través dun banner que está ao pé da páxina de inicio da web municipal ou a través do apartado de Atención cidadá, información e participación; Comunicación municipal; Medios de comunicación municipais; Videoteca. Tamén se poden ver ditos vídeos no buscador das sesións de plenos da páxina web municipal.

Esta mañá presentouse o novo sitio web do Concello de Ames, que inclúe importantes novidades: un novo portal de transparencia, o portal de Mediatec@mes, un novo cadro de navegación, recupérase a axenda de eventos en portada, etc. O novo sitio web está orientado aos usuarios/as cun deseño inicial que facilita unha rápida localización da información, sen ter que afondar en varios niveis de profundidade, e o acceso a trámites e servizos. Ademais, a nova web é plenamente funcional en dispositivos móbiles algo que antes non sucedía. En dito acto estiveron o alcalde en funcións, José Miñones, a concelleira en funcións de Comunicación, Isabel Vaquero, e mailo responsable da empresa Tecnologías Plexus, Ángel Taboada. A empresa Tecnologías Plexus, xunto co persoal da Concellaría de Comunicación, foi a encargada do deseño do novo sitio web que foi elaborada con base en tecnoloxías abertas.

O Concello de Ames ten presenza nas principais redes sociais e conta con diversas canles de comunicación e sistemas de avisos co fin de que a veciñanza coñeza a actividade e a actualidade municipal. A partir deste martes, 12 de marzo, sumará ás súas vías de comunicación unha canle de WhatsApp. Este novo servizo vai permitir que todas as novas relacionadas coa institución, a axenda de ocio do concello ou os avisos relevantes de última hora se transmitan de forma instantánea ao teléfono móbil das persoas que así o desexen.

O departamento municipal de Comunicación vén de crear unha nova canle de comunicación a través de Instagram, que se une as xa existentes en Facebook e Twitter. Crease coa finalidade de ser un medio máis de información de cara á veciñanza de Ames. Ademais, existen outra vías de información como son a canle de Telegram ou de YouTube. A web municipal tamén dispón dun servizo de envío de boletíns informativos e outro de incidencias, a través dun formulario electrónico, no que ademais da incidencia e dos seus datos de contacto poderá achegar imaxes e xeolocalización do incidente.

Despois de que se realizase o pleno de constitución o pasado 15 de xuño e maila sesión plenaria de organización da nova Corporación municipal o día 2 de xullo, os/as 21 concelleiros/as están pasando polos micrófonos da emisora municipal, Ames Radio, para darse a coñecer entre a veciñanza e falar tanto da súa faceta persoal como para explicar as súas propostas políticas de traballo. As entrevistas estanse emitindo os luns, martes e mércores no magazine, Somos Ames, que se emite de luns a venres de 12:00 h a 13:00 horas.

O Concello de Ames abriu unha nova convocatoria para presentar proxectos de programas de radio para emitir entre os meses de outubro e xuño de 2020 en Ames Radio. Así, calquera persoa, asociación ou entidade de Ames pode presentar os seus proxectos para a gravación e emisión dun programa de radio. A presentación dos proxectos realizarase a través dos rexistros do Concello en Bertamiráns ou no Milladoiro e deberá incluír a documentación esixida nas bases. O prazo para a presentación dos proxectos esta aberto ata este venres 2 de agosto de 2019. Premendo na ligazón dispoñible ao remate desta nova poderás obter as bases e o impreso de participación nesta convocatoria.

Dar a coñecer a xeografía, as artes e a historia local, poñer en valor a diversidade cultural e social, falar de libros, de educación, de benestar e de vida saudable, crear espazos de debate para a comunidade educativa ou para a comunidade emigrante son algúns dos obxectivos que se agochan tralas propostas presentadas á terceira convocatoria que a radio municipal, Ames Radio, fixo co obxectivo de abrir o espectro das ondas á entidades, asociacións e particulares. Os técnicos da emisora avaliarán agora as trece propostas que despois examinará o Consello Asesor da Radio. Está previsto que os novos programas comecen a emitirse no mes de outubro.

O Concello de Ames ten presenza nas principais redes sociais e conta con diversas canles de comunicación e sistemas de avisos, co fin de que a veciñanza coñeza a actividade municipal e a súa actualidade. Unha delas é a canle de Telegram @concellodeames, que permite recibir notificacións das últimas novidades do Concello en dispositivos móbiles e ordenadores. Os envíos de avisos tamén se realizan a través  de RSS e boletíns por correo, con máis de 1.200 persoas subscritas. Ademais, os perfís sociais do municipio continúan crecendo, con 7.000 “gústames” en Facebook e con máis de 2.000 seguidores e seguidoras en Twitter e Instagram. Toda a actualidade e a axenda de Ames publícase a diario na páxina web oficial www.concellodeames.gal, que recolle unha lista con todos os medios de comunicación municipais.

Eventos del departamento

Seis das sete forzas políticas que concorren ás eleccións municipais do próximo 28 de maio daranse cita no debate electoral que Ames Radio organiza o martes, 16 de maio, ás 19:00 horas, na Casa da Cultura do Milladoiro. As cabezas de lista e candidatas a alcaldía de Ames, Blas García (PSdeG – PSOE); Oliva Agra (Partido Popular); David Santomil (BNG); Vanessa Vidal (Podemos); Luísa Feijóo (Espazo Común); e Andres Pena (VOX), confirmaron a súa presenza nun debate que será retransmitido por Ames Radio e tamén en streaming a través da canle de Youtube do Concello de Ames e da páxina web da radio. O debate será aberto ao público en xeral.