Pestanas principais

>Programa especial Radio Cidadá

Venres, 13 xuño, 2025
Ás 19.30 horas

A radio municipal de Ames, Ames Radio, pecha a temporada de Radio Cidadá cun programa especial que se vai emitir este venres, 13 de xuño, ás 19.30 horas, dende o Pazo da Peregrina. O programa estará dirixido pola xornalista de Ames Radio, Belén Martínez. Participarán en directo os responsables de nove programas que contarán como foi a súa andaina radiofónica deste ano e de tempadas anteriores. Ademais, emitiranse tres audios gravados previamente polos responsables doutros tres programas que non poden asistir en directo. Outros tres programas emitidos durante esta temporada non poden participar neste programa especial. O programa comezará cunha entrevista ao alcalde e concelleiro de Comunicación, Blas García, e pecharase cunha actuación musical de Mad Martin.

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Comunicación, decidiu pechar este ano de forma diferente a temporada de Radio Cidadá.  Vaino a facer cun programa especial que se vai emitir este venres, 13 de xuño, ás 19.30 horas, dende o Pazo da Peregrina. Dito programa estará conducido pola xornalista de Ames Radio, Belén Martínez. O proxecto de Radio Cidadá é unha iniciativa posta en marcha no ano 2017 e que chegou a súa oitava edición. Ames Radio é unha das poucas emisoras municipais, por non dicir a única, que ofrece este servizo público para que a veciñanza, que así o desexe, poida presentar os seus propios proxectos de programas de radio.

O programa especial de peche da oitava temporada comezará cunha entrevista ao alcalde e concelleiro de Comunicación, Blas García. A continuación daráselle voz ás persoas que emiten os programas que conforman a grella de Radio Cidadá. O primeiro será Daniel Rilo, responsable do programa Tangos de la esquina sur, que pon nas ondas de Ames Radio o tango dende diferentes perspectivas e dende diferentes partes do mundo. A seguinte en pasar polos micrófonos de Ames Radio será Martha Franco, que falará do seu programa, El cuerpo que habitamos, que afonda na relación corpo-mente e nas emocións. 

Outros dos veciños que participará no programa especial é Francisco Javier Salas, que emite o programa Las carabelas del siglo XXI, un espazo que fala de integración e serve de nexo de unión entre as persoas que chegan a Ames doutros países e os que xa están. De seguido, participarán Marcos Estévez e Ángeles Montecelo, do programa NaturAmes, no que se fala sobre natureza e persoas. Rosa Martínez, do programa De Museo, será a seguinte convidada en intervir. Este é un programa sobre historia no que se abordan diferentes aspectos relacionados coa cultura e arte galega.

A continuación será a quenda do programa Conta con Nós, un programa de Esther Souto, María del Carmen Vites e María Covadonga López, da delegación na provincia da Coruña da Asociación Española Contra o Cancro. Outro dos programas que participarán será O protocolo é para todos, un espazo de Margarita Murillo, no que non só se dan claves sobre o protocolo, senón que nel abórdanse outras cuestións relacionadas coa actualidade. Isabel Viñas, do programa Ames en Dixital, é outra das persoas convidadas. Neste programa danse as claves para achegar o mundo dixital á veciñanza e ás empresas.

Por último, intervirá Chelsea Runaway, que emite o programa Apuesta por el Rock and Roll, que é un espazo no que repasa grandes clásicos do rock and roll, pero tamén lle dá cabida a novas bandas do panorama galego, nacional e internacional.

Por outra banda, tres programas participarán no programa especial a través de audios que gravaron previamente. Serán Vaide retro, dirixido por Álvaro Sempere, que é unha volta ao pasado, principalmente ás décadas dos 80 e 90, no que se aborda como era a vida, as series, as películas ou a música naqueles anos; Miradas, un programa de Perla Alonso, no que se destacan realidades ou obxectos aos que non lle prestamos a suficiente atención; e Vivirmos nun mundo finito, de Manuel Casal, que aborda os problemas derivados do final da enerxía fósil, así como as súas consecuencias para a vida cotiá e o que cada quen pode facer á hora de afrontar esta problemática.

Os/as veciños/as que emiten outros tres programas (La hora de la columna, Voces invisibles, e Teresa & Cia), que iniciaron as emisións no pasado mes de outubro dentro da convocatoria de 2024/2025, non participarán no programa especial, que se pechará cunha actuación de Mad Martin, que vai interpretar dous temas.