Pestanas principais

O servizo municipal de Comunicación abre unha nova canle de comunicación a través de Instagram

Martes, 05 de maio de 2020

O departamento municipal de Comunicación vén de crear unha nova canle de comunicación a través de Instagram, que se une as xa existentes en Facebook e Twitter. Crease coa finalidade de ser un medio máis de información de cara á veciñanza de Ames. Ademais, existen outra vías de información como son a canle de Telegram ou de YouTube. A web municipal tamén dispón dun servizo de envío de boletíns informativos e outro de incidencias, a través dun formulario electrónico, no que ademais da incidencia e dos seus datos de contacto poderá achegar imaxes e xeolocalización do incidente.

O Concello de Ame dispón de diversas canles de comunicación, para informar á veciñanza de Ames da actualidade e actividades municipais. Na páxina web municipal, accedendo ao apartado de Atención cidadá, información e participación e premendo na opción de Comunicación municipal chégase ás diferentes posibilidades que existen de Medios de comunicación municipais.
 
Dentro dos sistemas personalizados de envío de avisos, actualidade e axenda municipal, destacan a  canle de RSS; envío de boletíns informativos a través do correo electrónico, e a nova canle de Telegram, creada para informar de avisos e de información de interese municipal (apertura de prazos de inscrición, axenda de actividades, publicación de listas, etc.). Para darse de alta na canle de Telegram hai que buscar Concello de Ames e adherirse. A través da nova web, posta en marcha en xuño de 2019, tamén se mellorou o servizo de envío de boletíns, que conta con máis de 3.600 usuarios/as, cun deseño máis atractivo.  
 
Ademais, dentro do apartado de Atención cidadá, información e participación, podemos atopar o servizo de incidencias. De xeito directo, a través dun formulario electrónico, podemos incluír os datos de contacto,  achegar imaxes e a xeolocalización do incidente.
 
Tamén se continúa dando información á veciñanza a través das redes sociais: Facebook e Twitter. O Concello de Ames conta en Facebook con preto de 4.500 usuarios/as, mentres que en Twitter hai preto de 1.500 seguidores. Nos últimos anos as redes sociais municipais experimentaron un forte incremento de usuarios/as.
 
Nova canle de Instagram
Agora, refórzase a aposta polas redes sociais coa creación dunha nova canle de Instagram co obxectivo de informar de todas aquelas actividades que poden ser de interese para a veciñanza amesá. Nesta rede social publicaranse a cartelería de eventos/actividades organizados polos diferentes departamentos municipais. Tamén se publicarán fotos e vídeos de diferentes eventos e proxectos de interese para a cidadanía.
 
Ao mesmo tempo faise unha aposta pola canle de YouTube, onde se irá publicando diferente material audiovisual dos proxectos do Plan Impulsa Ames, que se enmarca na EDUSI, e cofinanciados con fondos europeos do FEDER. Ademais, seguiranse publicando contido audiovisual de eventos e campañas municipais.
 
Aplicación ToKApp
Por outra banda, ofrécese información de carácter xeral a través da plataforma de comunicación TokApp. Esta aplicación estase utilizando na actualidade para informar de todo o relativo á pandemia da Covid-19. Pero ademais tamén se emprega para enviar información específica de determinados servizos municipais (avisos, notificacións, incidencias, etc.) ás familias usuarias da Rede municipal de comedores escolares ou da Escola municipal de Música.
 
A concelleira de Comunicación, Natividade González, explica que “decidimos crear unha nova canle de Instagram para dispor dunha nova rede social, que se une ás xa existente de Facebook e Twitter, para chegar a aquelas veciñas e veciños que empregan este medio de comunicación. Ademais de manter as canles de información máis tradicionais, que xa levan anos funcionando con éxito, na actualidade cremos que é necesario apostar tamén por informar a través das redes sociais para chegar a outro perfil de público distinto do que vimos facendo”.
O servizo municipal de Comunicación abre unha nova canle de comunicación a través de Instagram