Pestanas principais

Departamento de Mobilidade

Servizos e programas

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Mobilidade vén de lanzar a campaña informativa sobre a redución da velocidade no interior dos núcleos urbanos de Bertamiráns e do Milladoiro. Baixo o lema “A 30 Ames é máis” preténdese que o concello sexa máis amable, máis divertido, máis saudable e máis noso... Trátase dunha campaña de sensibilización sobre a importancia da velocidade a 30 km/h no interior das zonas urbanas de Ames. Para difundir dita campaña entre a veciñanza elaboráronse carteis, folletos informativos e unhas chapas con refráns e mensaxes motivadoras.
O PMUS pretende sentar as bases dunha nova cultura onde o peón se converta no principal protagonista e se relegue o uso do transporte privado. Este plan concrétase en doce programas de actuación que se van desenvolver entre o 2022 e o 2029. O Plan de Mobilidade Urbana Sostible está cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) no marco do Programa Operativo Plurirrexional de España 2014-2020.

Novas do departamento

Debido ao estado de alarma no que nos atopamos, o servizo de transporte metropolitano vese reducido ao 50% con modificación de horarios e quendas. Este servizo de transporte metropolitano depende da Consellería de Infraestruturas da Xunta de Galicia. Ademais, o Concello solicítalle á Xunta que publique na web de mobilidade a información actualizada sobre o transporte metropolitano. Premendo nesta ligazón podes consultar o documento PDF completo dos horarios.

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Mobilidade, vén de publicar unha enquisa para coñecer a percepción social do transporte urbano. Este cuestionario trata sobre as pautas de mobilidade da poboación do concello de Ames, así como a percepción social que se ten sobre o transporte público en dito territorio. O obxectivo principal da enquisa consiste en analizar a viabilidade á hora de implementar o servizo de autobús municipal “Amesbus”. A participación da veciñanza é vital para o obxectivo do proxecto. Esta iniciativa enmárcase dentro do Plan Impulsa Ames, cofinanciado pola Unión Europea, a través do FEDER no marco do Programa Operativo Plurirrexional de España 2014-2020. Preme nesta ligazón para acceder á enquisa sobre o transporte urbano.

O Concello de Ames recibiu a resolución da Consellaría de Economía, Industria e Innovación, da Xunta de Galicia, na que se notifica que se lle concede unha axuda de 120.000 euros para a execución do proxecto de mellora da mobilidade no parque empresarial Novo Milladoiro. Deste xeito, mellorarase a mobilidade e seguridade viaria dentro do parque empresarial favorecendo o tránsito de persoas e aumentado as prazas de aparcamento dispoñibles. O orzamento previsto para a execución do proxecto é de 175.525 euros. O 68,37% do orzamento total será sufragado con fondos autonómicos, mentres que o 31,63% restante, 55.525 euros, serán sufragados con fondos municipais.

Tras a solicitude dunha comisión de seguimento para que Xunta de Galicia e Monbus poñan solución ás deficiencias da liña de autobús de interese municipal de Ames, esta terá lugar o vindeiro mércores, 2 de abril. Ademais, o Concello de Ames seguirá trasladando as queixas e reclamacións que se acheguen mediante o correo electrónico mobilidade@concellodeames.gal.

O Concello de Ames vén de dirixirse á Dirección Xeral de Mobilidade da Xunta de Galicia para solicitar melloras no servizo do Noitebús, co obxectivo de garantir un transporte público nocturno eficaz e adaptado ás necesidades reais da veciñanza.

O alcalde de Ames, Blas García, remitiu unha carta ao conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, na que solicitou unha reunión para poñer fin a diversas incidencias que a veciñanza amesá vén reportando en relación ao transporte en autobús. O rexedor, por segunda vez este ano, instou tamén á Xunta de Galicia a mellorar as frecuencias de autobuses para dar cobertura aos sanitarios residentes en Ames que se ven afectados polas obras do CHUS.

A previsión do incremento de desprazamentos interurbanos co inicio da desescalada prevista para as vindeiras xornadas requerirá dun reforzo no transporte metropolitano na área de Santiago. Ante esta situación, o Concello de Ames remitirá unha carta á Dirección Xeral de Mobilidade pedindo información ao respecto, ademais de reclamar un maior contacto coa Xunta de Galicia en relación ás modificacións das liñas e sobre o procedemento de licitación dos novos contratos. Tamén demandará o reembolso dos cartos xa retirados das contas de bonificación por viaxe dos mozos e mozas que non puideron utilizar o transporte durante o estado de alarma. En relación á liquidación que o Concello debe aboar pola prestación do servizo, enténdese que será moito menor ao do resto das anualidades e pedirá unha reformulación a curto prazo que permita derivar cartos a outras necesidades emerxentes.

O alcalde de Ames, Jose Miñones, vén de enviarlle hoxe unha carta asinada á Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, para solicitarlle que se solucionen as deficiencias existentes no servizo de transporte público que opera no termo municipal de Ames e que conecta os núcleos urbanos do Milladoiro e Bertamiráns con Santiago de Compostela. En dita carta solicítase que se adopten medidas tras as queixas recibidas por parte da veciñanza respecto do servizo de transporte metropolitano.

O vindeiro martes, 11 de maio, entran en vigor os novos límites de velocidade en vías urbanas aprobados polo Consello de Ministros o pasado 10 novembro de 2020. Deste xeito, dende a Concellaría de Mobilidade informan de que todas as vías de titularidade municipal entran nas condicións que establece a lei e pasan a ter un límite de velocidade de 30 km/hora. As vías que quedan fóra de dita norma son a avenida de Rosalía de Castro, no Milladoiro, a avenida da Peregrina, en Bertamiráns, e as vías de titularidade provincial.

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Mobilidade, vén de publicar unha campaña de concienciación sobre o uso cívico e responsable do patinete eléctrico nas vías públicas de circulación. Dita campaña está dirixida ás persoas  que conducen un patinete eléctrico e ás persoas que comparten vía con estes vehículos de mobilidade persoal. O lema desta iniciativa é Se nos respectamos, todas e todos gañamos! Esta campaña recolle as novas normas da DXT para os patinetes eléctricos que entraron en vigor en  2026. Os/as axentes da Policía Local de Ames reforzarán os controis sobre o uso destes vehículos de mobilidade persoal.

Eventos del departamento

Amarcha nocturna sairá ás 22:00 horas da Praza do Concello. Serán 8 km con boa iluminación e un traxecto sinxelo pensado para que poida participar toda a familia. É necesario inscribirse previamente enviando un correo electrónico ao enderezo mobilidade@concellodeames.gal.

Desenvolverase na Praza de Chavián en Bertamiráns  e é unha actividade destinada aos rapaces e rapazas de máis de 10 anos.

Dentro da "Semana Europea da Mobilidade", o Concello de Ames organiza o venres 20 de setembro a VI Marcha Ciclista Nocturna. Farase un percorrido con boa iluminación e fácil percorrido, pensado para que nela poida participar toda a familia. A marcha sairá da Praza do Concello, en Bertamiráns.

O Concello de Ames reúne nun único cartel toda a programación de actividades que se van celebrar durante os meses de xuño, xullo, agosto e setembro en Ames. Deste xeito, ata finais de setembro vanse a realizar numerosas actividades como concertos, seráns ou festas.