Pestanas principais

Departamento de Mobilidade

Servizos e programas

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Mobilidade vén de lanzar a campaña informativa sobre a redución da velocidade no interior dos núcleos urbanos de Bertamiráns e do Milladoiro. Baixo o lema “A 30 Ames é máis” preténdese que o concello sexa máis amable, máis divertido, máis saudable e máis noso... Trátase dunha campaña de sensibilización sobre a importancia da velocidade a 30 km/h no interior das zonas urbanas de Ames. Para difundir dita campaña entre a veciñanza elaboráronse carteis, folletos informativos e unhas chapas con refráns e mensaxes motivadoras.
O PMUS pretende sentar as bases dunha nova cultura onde o peón se converta no principal protagonista e se relegue o uso do transporte privado. Este plan concrétase en doce programas de actuación que se van desenvolver entre o 2022 e o 2029. O Plan de Mobilidade Urbana Sostible está cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) no marco do Programa Operativo Plurirrexional de España 2014-2020.

Novas do departamento

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Mobilidade, modifica o plan inicial que tiña de rúas peonís para o verán de 2020. Deste xeito, infórmase que durante os meses de xullo, agosto e setembro, cortarase o tráfico, dende as 16:00 horas dos sábados ata as 23:00 horas dos domingo, unicamente na Travesía do Porto, no Milladoiro, e na rúa Ameneiral, en Bertamiráns. Con esta medida trátase de seguir mantendo dous espazos, un en cada núcleo urbano, eminentemente peonís para favorecer a mobilidade dos peóns. Nestas rúas nas que se corta o tráfico, os vehículos poderán igualmente entrar e saír dos garaxes.

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Mobilidade, vén de enviarlle unha carta ao Director Xeral de Mobilidade, notificándolle varias deficiencias no servizo de transporte metropolitano que se presta no termo municipal amesá. Ademais, envióuselle outro escrito á empresa Monbus, concesionaria de varias liñas do transporte metropolitano de Ames, en relación a diferentes incidencias que traslada a veciñanza amesá ao departamento de Mobilidade sobre o servizo que están a prestar no concello de Ames.

Con motivo da redacción do Plan de Mobilidade Urbana Sostible, o Concello de Ames, a través da Concellería de Mobilidade, convoca dous talleres participativos, o luns 21 de xuño, no Pazo da Peregrina. En horario de mañá, convócase ás ANPAS e familias mentres que que, o da tarde, está dirixido ao Tecido Empresarial e Taxista.Con estes obradoiros preténdese coñecer a opinión da veciñanza sobre as necesidades que se detecten no Concello de Ames en materia de mobilidade e como melloralas. Para inscribirse é preciso enviar un email a mobilidade@concellodeames.gal

O Concello de Ames súmase este domingo, 17 de novembro, á conmemoración do Día Mundial das vítimas de accidentes de tráfico. En referencia a este día, o balcón do Concello lucirá o sábado e o domingo unha pancarta dedicada á xornada e á condena da violencia viaria.

O Concello de Ames vai solicitar unha nova xuntanza co Director Xeral de Mobilidade para tratar de achegar posturas e estudar alternativas para a restitución da liñas de autobús de Ortoño a Santiago de Compostela. O obxectivo é que en dita xuntanza participen membros do Goberno municipal de Ames e máis representantes das asociacións de veciños/as de Ortoño, Bugallido e Biduído para tratar de chegar a unha solución na maior brevidade posible.

O alcalde de Ames, Blas García, reuniuse coas asociacións de veciños afectadas pola eliminación da liña urbana P2 para explicarlles en que situación se encontran as negociacións para a súa reposición. O alcalde de Ames trasladoulles que o departamento xurídico do Concello de Santiago non ve posible informar favorablemente o convenio presentado polo Concello de Ames no mes de xuño. Ante a imposibilidade de firmar ese convenio o Concello de Ames presentou tres posibles solucións á eliminación da liña P2. Estas tres propostas serán presentadas por membros do Concello ao Director Xeral de Mobilidade da Xunta de Galicia, Ignacio Maestro o vindeiro xoves 7 de outubro.

O Goberno municipal de Ames reunise por segunda vez coas asociacións de veciños afectados pola retirada do servizo de autobús urbano de Santiago a Ortoño. Na xuntanza, o alcalde expuxo os temas falados nas xuntanzas que se mantiveron nos últimos días coa Dirección Xeral de Mobilidade, da Xunta de Galicia, e co Concello de Santiago. Ademais, en dita xuntanza, realizada esta semana coas asociacións veciñais de Ortoño, Bugallido e Biduído, acordouse presentar unha moción para a reactivación da liña de transporte e que buscará o consenso de toda a Corporación municipal.

O Goberno municipal mantivo esta semana unha xuntanza coas asociacións veciñais das parroquias de Ortoño, Bugallido e Biduído co obxectivo de presentarlles a proposta alternativa enviada pola Dirección Xeral de Mobilidade para reforzar os servizos de autobús entre Ortoño e Bugallido con Santiago de Compostela. Cómpre lembrar que en dita proposta recóllese o incremento de frecuencias na liña que conecta as parroquias de Ortoño e Bugallido con Santiago, no marco da concesión de autobús interurbano. Ademais, optimiza o número de servizos da nova liña municipal, que deberá poñer o Concello para completar a oferta aos/ás usuarios/as. Os representantes das asociacións deron por boa dita proposta, aínda que se lle vai solicitar á Xunta a modificación dos horarios de ida e volta con Santiago de Compostela en catro frecuencias.

O Goberno municipal está facendo unha rolda de xuntanzas coas asociación de veciños para abordar diferentes temas de índole municipal. Este mércores, 27 de abril, mantiveron unha reunión con representantes das asociacións veciñais de Tapia, Piñeiro, Covas, As Tres Aldeas (Vilar, Pedrouzos e Lamas) e Ames (Pedra do Fuso), para abordar as incidencias detectadas nos últimos meses no servizo de transporte metropolitano que afecta á veciñanza destas parroquias. Dende as asociacións trasladaron o seu malestar pola desaparición da frecuencia de autobús das 13:15 horas da liña Portomouro-Santiago, xa que esta é a frecuencia máis empregada pola veciñanza destas parroquias.

A Casa da Cultura do Milladoiro acolleu este xoves, 15 de setembro, a presentación do proxecto de creación de carreiros escolares que conectarán os núcleos urbanos de Bertamiráns e do Milladoiro cos centros de ensino. Dita presentación realizouse coincidindo coa celebración da Semana Europea da Mobilidade que se conmemora do 16 ao 22 de setembro. Interviron no acto a concelleira da unidade executora da EDUSI encargada deste proxecto, Beatriz Martínez, os redactores do proxecto da empresa Sepia Técnicos SL, Ángel e Samuel Folgueral, e mailo alcalde de Ames, Blas García. Esta actuación está cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) no marco do Programa Operativo Plurirrexional de España 2014-2020. O proxecto ten un orzamento base de contratación de 411.283 euros. O obxectivo é crear uns carreiros escolares seguros dentro do entorno urbano que melloren a seguridade peonil.

Eventos del departamento

Amarcha nocturna sairá ás 22:00 horas da Praza do Concello. Serán 8 km con boa iluminación e un traxecto sinxelo pensado para que poida participar toda a familia. É necesario inscribirse previamente enviando un correo electrónico ao enderezo mobilidade@concellodeames.gal.

Desenvolverase na Praza de Chavián en Bertamiráns  e é unha actividade destinada aos rapaces e rapazas de máis de 10 anos.

Dentro da "Semana Europea da Mobilidade", o Concello de Ames organiza o venres 20 de setembro a VI Marcha Ciclista Nocturna. Farase un percorrido con boa iluminación e fácil percorrido, pensado para que nela poida participar toda a familia. A marcha sairá da Praza do Concello, en Bertamiráns.

O Concello de Ames reúne nun único cartel toda a programación de actividades que se van celebrar durante os meses de xuño, xullo, agosto e setembro en Ames. Deste xeito, ata finais de setembro vanse a realizar numerosas actividades como concertos, seráns ou festas.