- Tematica
O Concello de Ames, a través da Concellaría de Mobilidade, vén de publicar unha campaña de concienciación sobre o uso cívico e responsable do patinete eléctrico nas vías públicas de circulación. Dita campaña está dirixida ás persoas que conducen un patinete eléctrico e ás persoas que comparten vía con estes vehículos de mobilidade persoal. O lema desta iniciativa é Se nos respectamos, todas e todos gañamos! Esta campaña recolle as novas normas da DXT para os patinetes eléctricos que entraron en vigor en 2026. Os/as axentes da Policía Local de Ames reforzarán os controis sobre o uso destes vehículos de mobilidade persoal.
Con motivo da conmemoración do Día mundial da seguridade viaria, que se celebra hoxe 10 de xuño, o Concello de Ames, a través da Concellaría de Mobilidade, lanza unha campaña sobre o uso responsable dos patinetes eléctricos nas vías públicas de circulación. Se nos respectamos, todas e todos gañamos! é o lema de dita campaña, que recolle as novas normas da DXT para os patinetes eléctricos que entraron en vigor en 2026.
A concelleira de Mobilidade, Beatriz Martínez, explica que “hoxe presentamos a campaña sobre patinetes eléctricos. O que pretendemos con esta campaña é que os usuarios e usuarias destes patinetes coñezan as normas de circulación, pero por outro lado tamén incluímos aos condutores para que tamén aprendan a respectar a estes vehículos de mobilidade persoal. É moi importante que todos saibamos compartir os espazos públicos e que saibamos convivir. Durante os vindeiros días a Policía Local de Ames intensificará o control sobre estes vehículos de mobilidade persoal”.
Se conduces un patinete eléctrico lembra:
-Cumpre as normas de tráfico.
-Usa casco.
-Que te vexan (leva roupa reflectante de noite ou en situacións de pouca visibilidade).
-Aparca sen obstruír o paso.
-Respecta ás demais persoas usuarias.
-O patinete debe ter luces e catadióptricos diante e detrás, sistema de freos, timbre e certificación.
Ademais, hai que ter en conta estas prohibicións:
-Un patinete eléctrico non pode ser conducido por un menor de 16 anos ou por unha persoa que estea baixo os efectos do alcol ou drogas.
-Nun patinete non pode circular máis dunha persoa e non se pode usar auriculares ou o teléfono móbil.
-Non se pode circular polas beirarrúas, xardíns, prazas e pasos de peóns.
-Non pode utilizarse en estradas interurbanas, autovías e túneles urbanos.
-Non se pode circular a máis de 25 km/h.
-Non se pode circular sen seguro de responsabilidade civil en vigor e sen rexistro na DXT.
Se compartes vía cun patinete eléctrico lembra:
-Hai que manter unha distancia mínima de 1,5 metros ao adiantar.
-Comprobar espellos e contorna antes de calquera manobra.
-Reducir a velocidade en pasos de peóns e interseccións.
-Extremar as precaucións en situacións de pouca visibilidade ou de noite.
-Respectar o carril bici como zona prioritaria.
Ademais, hai que ter en conta estas prohibicións:
-Se compartes vía cun patinete eléctrico non se pode xirar ou cambiar de carril sen comprobar os ángulos cegos.
-Manobrar sen usar os intermitentes.
-Abrir a porta do coche sen comprobar o lateral (o efecto dooring é un risco grave de accidente).
-Circular demasiado preto.
-Adiantar sen gardar 1,5 metros de distancia lateral.
-Entrar ou deterse en carrís habilitados para patinetes.
-Aparcar bloqueando o carril bici.
Novas relacionadas
Diario de Santiago: "O Concello de Ames lanza unha campaña de concienciación sobre o uso responsable dos patinetes eléctricos nas vías publicas"









