- Tematica
O Concello de Ames vén de dirixirse á Dirección Xeral de Mobilidade da Xunta de Galicia para solicitar melloras no servizo do Noitebús, co obxectivo de garantir un transporte público nocturno eficaz e adaptado ás necesidades reais da veciñanza.
O alcalde de Ames, Blas García, remitiu unha comunicación á Dirección Xeral de Mobilidade na que expresa a desconformidade do Concello pola falta de solución ás deficiencias detectadas no servizo do Noitebús. O rexedor sinala que o núcleo de poboación máis grande do municipio, cunha elevada presenza de mocidade que precisa deste servizo, carece actualmente dun transporte público nocturno axeitado.
Na Comisión de Seguimento celebrada o pasado 4 de decembro de 2025, a concelleira de Mobilidade, Beatriz Martínez, puxo de manifesto os problemas existentes no funcionamento do Noitebús, especialmente o feito de que varias rutas continúan a prestarse baixo demanda, circunstancia que na práctica dificulta o acceso ao servizo e xera confusión entre as persoas usuarias.
Tras a revisión anunciada pola Xunta de Galicia, unicamente se efectuaron cambios na ruta Negreira–Brión–Bertamiráns–Santiago, mentres que outras dúas rutas que afectan directamente ao municipio de Ames seguen funcionando baixo demanda. Por este motivo, o Concello solicitou que, cando menos, a ruta Pedrouzos–Bertamiráns–Santiago, que discorre polo núcleo do Milladoiro, deixe de operar baixo este sistema e preste un servizo estable e axeitado ao núcleo de poboación máis grande do concello.
Desde o Concello de Ames reitérase a necesidade de contar cun transporte público eficiente, especialmente en horario nocturno, como ferramenta clave para fomentar a mobilidade sostible, mellorar a seguridade viaria e garantir a igualdade de oportunidades da mocidade e da cidadanía en xeral.
Novas relacionadas:
El Correo Gallego: "Reclaman un Noitebús para Ames que no funcione bajo demanda"
La Voz de Galicia: "El Concello de Ames solicita a la Xunta mejorar el Noitebús en O Milladoiro"
Diario de Santiago: "O Concello de Ames solicita á Xunta a mellora do servizo Noitebús para O Milladoiro"





