Pestanas principais

O Concello de Ames volve a reclamar melloras no transporte público ante as novas queixas veciñais na liña de Bertamiráns

Martes, 09 de xuño de 2020

O alcalde de Ames, Jose Miñones, vén de enviarlle hoxe unha carta asinada á Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, para solicitarlle que se solucionen as deficiencias existentes no servizo de transporte público que opera no termo municipal de Ames e que conecta os núcleos urbanos do Milladoiro e Bertamiráns con Santiago de Compostela. En dita carta solicítase que se adopten medidas tras as queixas recibidas por parte da veciñanza respecto do servizo de transporte metropolitano.

O rexedor municipal indica que “de novo dende o Concello de Ames temos que poñernos en contacto coa Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, para dar a coñecer cal é a situación na que se encontra a veciñanza amesá no eido do servizo de transporte metropolitano, que discorre polo noso municipio, e que se está a prestar neste momento”.

O Concello de Ames vén recibindo queixas de maneira ininterrompida dende o inicio da desescalada cara a nova normalidade respecto da xestión deste servizo. Dita situación, vese cada día mais agravada, xa que as persoas van volvendo a incorporarse ao seu día a día e aos seus postos de traballo, pero ven como non contan cos servizos mínimos necesarios para poder ter unha mobilidade que se axuste minimamente ao cumprimento das súas necesidades e obrigas.

Deste xeito, nos últimos días, destaca a problemática suscitada coas liñas que unen o núcleo de Bertamiráns con Santiago de Compostela, xa que as frecuencias son totalmente insuficientes, e segundo asegura a veciñanza, en moitas ocasións, nin se cumpren, existindo tardanzas que exceden con creces o tempo razoable de espera.

Por este motivo, solicítase que, a maior brevidade posible, dende a Concellaría de Mobilidade se poñan en contacto coa operadora do servizo para que esta comece a ofrecer de xeito inminente unha oferta axeitada ao momento actual, para favorecer o máximo posible a mobilidade das veciñas e veciños que utilizan este transporte para desprazarse a cidade de Compostela, na maioría dos casos, para acudir ao seu posto de traballo.

Desde o Concello lembran que xa no mes de maio solicitouse un plan de transporte para a desescalada e que a día de hoxe non se tiveron novas sobre o mesmo, o que se evidencia como unha necesidade básica para un concello como Ames, que pasa a aportar o maior número de viaxeiros da área metropolitana de Santiago.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Más horario de bus entre A Maía, Negreira y Santiago"

La Voz de Galicia: "Los autobuses que unen Santiago con Bertamiráns, Brión y Negreira estrenan hoy parada en A Rosa"

Imaxe da avenida da Maía, en Bertamiráns