Actualidade
[27-11-2018] O Concello de Ames preparou para o mes de decembro e comezos de xaneiro un amplo abano de actividades que están dirixidas a todos os públicos. A programación comeza este sábado, 1 de decembro, co acto de acendido do alumeado de Nadal. Haberá teatro, obradoiros infantís, eventos e campus deportivos, concertos, foliadas, etc. As actividades péchanse o sábado, 5 de xaneiro, coa Festa de Reis e mailo sábado 12 co Encontro de agrupacións de música e baile tradicional do Concello de Ames. Esta programación tamén recolle o XIII Concurso de Escaparates de Nadal e mailo Concurso de Cartas de Nadal.
[27-11-2018] O grupo Odaiko presenta este venres, 30 de novembro, ás 18:00 horas, na Casa da Cultura de Bertamiráns o espectáculo “Mar Adiante”. Trátase dun espectáculo que combina música e teatro. Deste xeito, Odaiko súmase á celebración do día das Letras, levando ás táboas a primeira obra publicada por María Victoria Moreno no 1973, chamada “Mar adiante”. Este espectáculo conta a historia dunha mestra que pon escola nun barco, o Arroás. Será no barco-escola onde nacerán os contos, ben en boca dos rapaces, da tripulación do barco ou da propia mestra. Trátase dunha adaptación teatral para público infantil-familiar cunha grande variedade de disciplinas escénicas. As entradas para a obra xa se poden retirar na Billeteira electrónica, a través da páxina web do Concello de Ames.
[27-11-2018] O salón de actos do IES do Milladoiro acolle o mércores, 28 de novembro, unha nova sesión de Espazos para Reflexionar, centrada na sexualidade e nos adolescentes. Esta entrega, ao igual que a celebrada o pasado mércores, é conducida por Yolanda Gómez Bombín, pedagoga e traballadora de servizos sociais do Concello de Noia. O proxecto de Espazos para Reflexionar, que naceu o curso anterior da man da ANPA Milla en colaboración co instituto do Milladoiro, abarca este ano a toda a comunidade educativa da localidade, ao contar coa implicación das ANPAS das escola infantil A Galiña Azul Figueiras – Ames, da escola infantil municipal A Madalena, da EEI Millapeques e da ANPA As Brañas do CEP de Ventín.
[27-11-2018] Tralo comezo da emisión este luns das pezas participantes no VIII Concurso Radiofónico de Teatro Lido Desata a Lingua!! en Ames Radio, dispoñible na frecuencia modulada 107.2, hoxe comeza a votación das pezas para elixir á gañadora. Un total de vinte e cinco pezas están sendo emitidas entre este luns e o vindeiro 3 de decembro, das 13:30h ás 14:30h e das 22:00h ás 23:00h. A audiencia da radio municipal será a encargada de escoller a obra que obterá o premio do público. A votación poderase realizar ata o vindeiro martes, 4 de decembro, a través do enderezo de correo electrónico radioteatro@concellodeames.gal ou do número de teléfono 981 890 452.
[27-11-2018] A audiencia da radio municipal será a encargada de escoller, entre as pezas emitidas, a obra que obterá o premio do público. Poderase votar ata o próximo 4 de decembro, a través do enderezo de correo electrónico radioteatro@concellodeames.gal ou do número de teléfono 981 890 452.
[26-11-2018] Iván Cristobo Luaces, director científico da Central Científica Galega, ofrecerá este xoves, 29 de novembro, unha charla baixo o título “Convivindo co Radón, o gas canceríxeno do granito” na Casa da Cultura de Bertamiráns ás 20.00h. Durante o relatorio, organizado pola Concellaría de Medio Ambiente, non só explicará que é o radon, tamén falará das consecuencias que ten para a saúde a exposición a este gas e as solucións que existen para facerlle fronte.
[26-11-2018] A concelleira de Promoción Económica, Isabel González, acompañada de técnicos municipais, asistiu o pasado venres, 23 de novembro, ao acto de celebración do décimo aniversario da Asociación Terras de Compostela que se desenvolveu no Hostal dos Reis Católicos, en Santiago de Compostela. Neste acto puidéronse degustar diferentes pratos dos concellos que forman parte deste Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR). Por parte do Concello de Ames ofreceuse leite frito, feita con leite ecolóxico do gandeiro da parroquia de Piñeiro, Ramón Senra, que tamén participou en dita celebración.
[26-11-2018] O Concello de Ames, a través da Concellaría de Promoción Económica, e a organización Acción contra a Fame, colaboran na posta en marcha do programa Vives Emprende, correspondente ao segundo semestre deste ano, que asesora, forma e facilita o acceso a financiamento a persoas desempregadas ou con emprego precario que desexen emprender, especialmente a mulleres. Esta semana impártense os dous últimos obradoiros do semestre, que xirarán en torno á realización do plan de empresa e á presentación eficaz do proxecto. As asesorías individuais seguiran realizándose por parte do persoal de Acción contra a Fame.
[26-11-2018] Este xoves, 29 de novembro, celebrarase o pleno ordinario correspondente ao mes de novembro no que a Corporación municipal debaterá a aprobación inicial do Regulamento orgánico de Participación Cidadá do Concello de Ames, así como a aprobación dos textos refundidos da Relación de Postos de Traballo (RPT), do Convenio colectivo do persoal laboral, e do Regulamento do Fondo de Acción Social (FAS) do Concello de Ames. Asemade, abordaranse dúas propostas presentadas, de forma conxunta, polos grupos municipais do Partido Popular e de Pacto por Ames para dotar ao Concello de Ames dunha Comisaría da Policía Nacional, adscrita á de Santiago de Compostela, e sobre a realización de actividades para conmemorar o 40 aniversario da Constitución Española. Premendo no enlace que está a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter a convocatoria coa orde do día do pleno ordinario de novembro.
[25-11-2018] O Concello de Ames acaba de ser recoñecido co Premio Progreso na categoría de Educación polo proxecto Concili@mes. A FAMP, Federación Andaluza de Municipios e Provincias, e o FUDEPA, Fundación para o desenrolo dos pobos de Andalucía, promoven estes premios que na súa XI Edición recoñecen a iniciativa con maior orixinalidade e innovación dos gobernos locais, e que contribúen ao benestar da cidadanía e do seu territorio. A iniciativa amesán foi elixida como a mais orixinal e innovadora de entre 13 proxectos na categoría de educación. Premendo na ligazón que está a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter a relación de premiados en cada categoría.
- ‹ anterior
- 12 de 793
- seguinte ›




