Pestanas principais

Comeza a votación das pezas do VIII Concurso Radiofónico de Teatro Lido de Ames

Martes, 27 de novembro de 2018

[27-11-2018] Tralo comezo da emisión este luns das pezas participantes no VIII Concurso Radiofónico de Teatro Lido Desata a Lingua!! en Ames Radio, dispoñible na frecuencia modulada 107.2, hoxe comeza a votación das pezas para elixir á gañadora. Un total de vinte e cinco pezas están sendo emitidas entre este luns e o vindeiro 3 de decembro, das 13:30h ás 14:30h e das 22:00h ás 23:00h. A audiencia da radio municipal será a encargada de escoller a obra que obterá o premio do público. A votación poderase realizar ata o vindeiro martes, 4 de decembro, a través do enderezo de correo electrónico radioteatro@concellodeames.gal ou do número de teléfono 981 890 452.


O concurso radiofónico de teatro lido de Ames ten como obxectivo dinamizar dun xeito lúdico o uso oral e escrito do galego entre a mocidade, ao tempo que fomenta o gusto polo teatro e achega ás mozas e mozos á radio municipal. Nesta edición, que alcanzou récord de participación coa intervención de 75 alumnos/as, presentáronse vinte e cinco grupos de rapazas e rapaces, oito do instituto do Milladoiro e dezasete do instituto de Bertamiráns. A temática foi libre, aínda que se tivo en conta que estivese relacionada con algún tema de actualidade. Todos os textos foron escritos e locutados en galego.

Así, as obras presentadas polo IES do Milladoiro foron: Por que morreu Hanah do grupo As Donas, Unha amiga para recordar de Macarone, O misterio de Milán de Os Galaxy, Sentimos o que sentimos do grupo MAC, O mellor verán da miña vida de Os tres fantásticos, Pais vs videoxogos de Os Cómicos, Un papagaio diferente de Os Papagaios e Complexos do século XXI de Ameixas. Pola súa banda, o IES Ames presentou O primeiro mapa de Galicia de Fía e Zoe, As trastadas de Manolo e Xose do grupo As soñadoras, Desastre na cociña de Saranoa, S.L., Paula e Diego de Avestruz, Unha compra non tan comprada das Enredadas, A traizón de Lóstrego, O tren do misterio de IA, O invisible de As Serpes, E agora que cambia? De Lalaland, Quinto Milenio: O fin do mmundo de Os calviños de Randin, Non estás soa de Irifalia, Bonecos dixitais de Ísjaka, Caraveis en branco e negro de Estrelas Fugaces, Nudismo de NBA, Amor rexeitado de Axanpatón e Vila sacrificio de MK.

Estas vinte e cinco pezas emítense dende este luns ata o vindeiro 3 de decembro, en horario de 13:30h ás 14:30h e das 22:00h ás 23:00h en Ames Radio, de luns a venres. Do mesmo xeito, as pezas tamén estarán dispoñibles, a partir de hoxe, na sección de Avisos da páxina web municipal. A audiencia da radio municipal de Ames poderá votar a súa peza favorita a través do enderezo de correo electrónico radioteatro@concellodeames.gal ou do número de teléfono 981 890 452, entre hoxe e o vindeiro 4 de decembro, ambos incluídos. As persoas que voten deberán identificarse, computándose un único voto por persoa.


A actividade, organizada polos departamentos de Normalización Lingüística, Comunicación e Mocidade, estivo dirixida ao alumnado matriculado en calquera dos cursos da ESO dos centros de ensino de Ames. Os grupos, que estiveron conformados por entre dúas e catro persoas, cumpriron coa esixencia de que fosen mixtos. Todos os grupos contaron, ademais, cunha persoa de profesorado que actuou como representante co fin de coordinar as datas de formación e gravación. Con anterioridade á gravación das pezas, o alumnado participante asistiu a dúas xornadas de formación. A primeira delas foi conxunta e tivo lugar no Pazo da Peregrina. A segunda desenvolveuse en cada un dos centros de ensino co obxectivo de que cada grupo perfeccionase a súa propia peza.

Acto público de entrega de premios
Os premios para as obras finalistas sumarán un total de 600 euros, repartidos en tres premios de 200 euros cada un. Por un lado, a audiencia da radio municipal será a encargada de escoller, entre as pezas emitidas, a obra que obterá o premio do público. A votación realizarase entre o 27 de novembro e o 4 de decembro, ambos incluídos, a través do enderezo de correo electrónico radioteatro@concellodeames.gal ou do número de teléfono 981 890 452. As persoas que queiran votar terán que identificarse. Só se computará un voto por persoa.

Alén deste, haberá outros dous premios escollidos polo xurado designado polo Concello de Ames: premio ao mellor guión orixinal e premio á mellor interpretación. Este ano, igual que na edición anterior, os premios daranse a coñecer e entregaranse nunha gala o 21 de decembro. Á gala asistirá todo o alumnado participante.


Contido relacionado


Compostela 24 horas: "Onte comezaron as votacións das pezas do VIII Concurso Radiofónico de Teatro Lido de Ames"