Pestanas principais

Yolanda Gómez adicará o Espazo para reflexionar deste mércores á adolescencia

Martes, 27 de novembro de 2018

[27-11-2018] O salón de actos do IES do Milladoiro acolle o mércores, 28 de novembro, unha nova sesión de Espazos para Reflexionar, centrada na sexualidade e nos adolescentes. Esta entrega, ao igual que a celebrada o pasado mércores, é conducida por Yolanda Gómez Bombín, pedagoga e traballadora de servizos sociais do Concello de Noia. O proxecto de Espazos para Reflexionar, que naceu o curso anterior da man da ANPA Milla en colaboración co instituto do Milladoiro, abarca este ano a toda a comunidade educativa da localidade, ao contar coa implicación das ANPAS das escola infantil A Galiña Azul Figueiras – Ames, da escola infantil municipal A Madalena, da EEI Millapeques e da ANPA As Brañas do CEP de Ventín.

Este mércores, 28 de novembro, continúase co ciclo de dúas charlas dirixido pola pedagoga e traballadora de servizos sociais do Concello de Noia, Yolanda Gómez Bombín dentro do programa Espazos para reflexionar. O primeiro relatorio celebrouse o pasado mércores, 21 de novembro, cunha sesión destinada a familias con cativos/as de 0 a 6 anos, sobre as distintas etapas do crecemento saudable e como apostar pola autonomía neste proceso.

Así, esta segunda charla terá lugar este mércores no IES do Milladoiro, de 17:30h a 19:00 horas, e estará enfocado na adolescencia e na importancia de decodificar as necesidades dos mozos/as que se atopan nesta etapa, potenciando a súa autonomía. Así, se ven Yolanda Gómez xa tratou este tema nunha charla celebrada durante o curso anterior, nesta ocasión tratarase de conversar sobre como a sexualidade forma parte do proceso de construción do ser humano e da persoa. Asemade, trataranse varias visións e ferramentas para entender como afecta o acceso ao sexual dos xoves, tanto de maneira física como virtual.

Ao igual que en anteriores charlas, o obxectivo será que as propias familias compartan as súas experiencias, expectativas e ideas para concluír aprender xuntos a mellor forma de achegar este tema ás e aos adolesccentes.

Os Espazos están dirixidos principalmente a nais e pais, avoas e avós ou persoas que queiran ter fillas e fillos. No curso 2018/19, a primeira sesión celebrouse o 23 de outubro e versou sobre o valor da diversidade sexual e o dereito á diferencia. Baixo o título Sorrisos transformadores. Dereito a ser distintos, a charla buscou reflexionar sobre a diversidade enfocada no ámbito sexual, superando o sistema binario e o marcado pola heteronorma. O espazo realizado o 12 de novembro, pola súa banda, centrouse na educación en positivo e a educación emocional.

Unha iniciativa apoiada por toda a comunidade educativa do Milladoiro
Os Espazos para reflexionar naceron o pasado curso da man da ANPA Milla en colaboración co IES do Milladoiro. Na actualidade, o proxecto conta coa implicación de toda a comunidade educativa da localidade, ao contar coa participación das ANPAS da escola infantil A Galiña Azul Figueiras – Ames, da EIM A Madalena, da EEI Millapeques e da ANPA As Brañas do CEP de Ventín.

O obxectivo deste proxecto é tentar dar resposta a determinados aspectos educativos vinculados ao significado de medrar hoxe en día, á imposición dos límites desde a autoridade ou aos procesos de mudanza durante a adolescencia. Deseñados como charlas-obradoiros, os Espazos están baseados na presentación de casos prácticos e na reflexión en común sobre os mesmos, a través de dinámicas de grupos que tornan as sesións prácticas e amenas.