[26-11-2018] Iván Cristobo Luaces, director científico da Central Científica Galega, ofrecerá este xoves, 29 de novembro, unha charla baixo o título “Convivindo co Radón, o gas canceríxeno do granito” na Casa da Cultura de Bertamiráns ás 20.00h. Durante o relatorio, organizado pola Concellaría de Medio Ambiente, non só explicará que é o radon, tamén falará das consecuencias que ten para a saúde a exposición a este gas e as solucións que existen para facerlle fronte.

O radon é un gas que procede da descomposición do uranio, un dos elementos máis abundantes na cortiza terrestre. Así, en menos de catro días redúcese a metade, producindo partículas alfa radioactivas que son inhaladas e provocan lesións nas células do epitelio respiratorio. O radon supón así a segunda causa de cancro de pulmón, despois do tabaco.
Debido á gran cantidade de mitos que rodean ao radon, a Concellaría de Medio Ambiente de Ames organiza este xoves, 29 de novembro, unha charla no auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns. Impartido por Iván Cristobo Luaces, director científico da Central Científica Galega, que durante o relatorio explicará de xeito pormenorizado que é o radon, ao tempo que se tentará desmontar algún dos mitos que xiran en torno a este gas, co obxectivo de aclarar conceptos importantes para enfrontarse a este problema.
O terreo galego concentra un importante nivel de radon que, á súa vez, pode traspasarse ás edificacións que están en contacto coa terra. Así, faise necesario tomar certas medidas para protexer os edificios. Durante a charla, Iván Cristobo fará un repaso polos diversos métodos probados, duradeiros y costoeficaces para previr a filtración de radon en vivendas de nova construción e reducir a súa concentración nas xa existentes. Se este gas é incoloro, inodoro e insípido, para detectar a súa presencia é necesario realizar unha medición que reflicta o nivel de radiación que existe en cada caso para, desta maneira, poder solucionar o problema de xeito efectivo.
A través desta charla, que comezará ás 20.00 horas, o director científico da Central Científica Galega buscará que os participantes coñezan en profundidade este problema que, como tamén explicará, conta con diversas solucións que pasan polo selado dos puntos de contacto entre os locais e o terreo, así como unha ventilación adecuada. Asemade, ofreceráselles información sobre as axudas que neste momento están dispoñibles para o control do radon.
Contido relacionado

El Correo Gallego: "Charla sobre os perigos do radón en Bertamiráns"
Compostela 24 horas: "Hoxe terá lugar unha charla sobre o gas radon na Casa da Cultura de Bertamiráns"




