Actualidade
[25-11-2018] As empresas con sede social ou centro de actividade no concello de Ames que empreguen o galego na súa actividade empresarial poderán ser recoñecidas co Premio Lingua e Empresa. Optarán a este recoñecemento, impulsado polo Servizo de Normalización Lingüística e o departamento de Promoción Económica de Ames, todas as empresas que sexan propostas ata o 30 de novembro por calquera persoa, entidade ou a propia empresa. O gañador do premio, dotado de 2.500 euros e unha campaña de difusión na Radio Municipal de Ames, farase público entre o 15 e o 20 de decembro.
[24-11-2018] O goberno municipal vén de aprobar en Xunta de Goberno Local que o sobrante por baixas de licitación no POS+ 2017, que ascende a 154.148,21 euros, sexa investido no proxecto de cubrición da área de xogos do parque infantil de Agro da Vella, situado no Milladoiro. O Concello de Ames porá 36.245,39 euros, para completar o orzamento total do proxecto que ascende a 190.393,60 euros. Dito sobrante só se pode destinar ao financiamento dos investimentos financeiramente sostibles aprobados no plan complementario POS+ 2018 e non incluídos no POS Adicional 1/2018.
[24-11-2018] O Concello de Ames traslada a realidade dos datos estatísticos en relación á seguridade do municipio que pasa por ser o segundo con menor índice de criminalidade de toda Galicia. Os datos extrapolados da páxina web oficial do Ministerio do Interior amosan que Ames, no que vai de ano 2018, tivo un total de 708 infraccións por delitos penais, cifra inferior á media da provincia, á media galega e á media nacional (15 puntos por debaixo). Entre os concellos de máis de 30.000 habitantes Ames tan só é superado por Narón en Galicia, situándose no posto 18º de España en menor número de delitos penais. A Subdelegación do Goberno confirma a redución dos roubos en vivendas e establecementos e os delitos graves ante o repunte das estafas a través da Internet. Premendo na ligazón que está a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter as táboas estadísticas sobre os índices de seguridade en Ames ata setembro de 2018.
[23-11-2018] A Xunta de Goberno Local aprobou o pasado 15 de novembro as convocatorias de axudas para a promoción de actividades de servizos sociais comunitarios e inclusión social levadas a cabo por entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro durante o exercicio de 2018. Hoxe, 23 de novembro, ditas bases saen publicadas no Boletín Oficial da Provincia da Coruña (BOP). O prazo para presentar as solicitudes é dun mes, a contar desde o día seguinte da publicación destas bases no BOP. En caso de terminar nun día inhábil, este prazo entenderase estendido ata o inmediato hábil seguinte. As solicitudes, xunto co resto da documentación, presentarase no Rexistro Electrónico Xeral do Concello de Ames, o na sede electrónica do Concello (https://sede.concellodeames.gal/es/). Igualmente poderá presentarse no Rexistro electrónico do Punto de Acceso Xeral do Estado (REC), ao que se pode acceder desde o enlace dispoñible na sede electrónica do Concello de Ames.
[23-11-2018] O Concello de Ames celebrou hoxe un acto institucional na praza do Concello co obxectivo de mostrar o absoluto rexeitamento da veciñanza amesá á violencia de xénero mediante o uso de roupa de cor negra. Durante o evento procedeuse á lectura do manifesto, no que os grupos municipais incidiron na importancia de que as institucións se involucren para conseguir a erradicación de calquera tipo de desigualdade entre homes e mulleres, así como na necesidade de que a sociedade se una para acabar con este problema, que xa segou a vida de corenta e tres mulleres e oito menores no que vai de ano.
[23-11-2018] O Concello de Ames informa sobre a convocatoria de axudas para a promoción de actividades de servizos sociais comunitarios e inclusión social levadas a cabo por entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro durante o exercicio de 2018. A contía destinada a esta convocatoria ascende aos 40.531,73 euros, sendo o importe individual das achegas concedidas non superior aos 7.500 euros por proxecto de actuación, cun máximo de tres proxectos por entidade. O prazo para presentar as solicitudes é dun mes, a contar desde o día seguinte da publicación destas bases no BOP, publicadas o 23 de novembro, no caso de terminar nun día inhábil, este prazo entenderase estendido ata o inmediato hábil seguinte. Premendo no enlace que está a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter as bases desta convocatoria.
[23-11-2018] A Aula da Natureza organiza para esta fin de semana un obradoiro de cestería impartido pola cesteira e artesá do Caurel Lola Tourón. Durante o sábado e o domingo, os participantes poderán elaborar bolsos utilizando materiais naturais como palla ou vime, seguindo técnicas tradicionais, como o trenzado e cosido da palla.
[23-11-2018] Este xoves, 22 de novembro, realizouse un pleno extraordinario no que se aprobou por maioría o suplemento de crédito 3/2018, por valor de 414.610 euros, financiado con baixas por anulación, e maila terceira prórroga polo prazo dun ano do contrato asinado con Urbaser SA. Asemade, aprobouse por unanimidade a revisión ordinaria con Urbaser correspondente ao exercicio 2018; o proxecto corrixido para a cubrición do parque infantil da praza de Chavián, en Bertamiráns; e o cambio de periodicidade da rendición de información trimestral ao pleno sobre o estado de execución do Orzamento e dos movementos de tesourería. Os concelleiros e concelleiras da Corporación municipal acudiron ao Pleno coas camisetas da campaña Ames en Negro, que se enmarca dentro das actividades do Día Internacional de Eliminación da Violencia Contra as Mulleres, que se celebra este domingo, 25 de novembro.
[22-11-2018] O Concello de Ames, a través do departamento de Persoal, fai público o decreto polo que se modifica a composición do Tribunal que xulgará das probas do proceso selectivo para a creación dunha bolsa de administrativo do Concello de Ames. Premendo no enlace que está a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter dito documento.
[22-11-2018] Ao longo do día de hoxe a Casa da Cultura do Milladoiro acolle a oitava edición das Xornadas sobre igualdade e prevención da violencia de xénero, que organiza o Concello de Ames, coa colaboración da Deputación da Coruña, baixo o título “Acércate á igualdade”. A apertura institucional correu a cargo da concelleira de Servizos Sociais e Igualdade, Luísa Feijóo, e da Secretaria Xeral da Igualdade, Susana López Abella. En dito acto tamén estiveron a directora e maila psicóloga do Centro de Información á Muller (CIM) de Ames. Unhas 110 persoas participaron nas mesas de debate e charlas, realizadas pola maña, mentres que nos obradoiros da tarde hai inscritas 142 persoas. Para o peche cóntase coa actuación da compañía de danza Kintsugi.
- ‹ anterior
- 13 de 793
- seguinte ›




