[26-11-2018] Este xoves, 29 de novembro, celebrarase o pleno ordinario correspondente ao mes de novembro no que a Corporación municipal debaterá a aprobación inicial do Regulamento orgánico de Participación Cidadá do Concello de Ames, así como a aprobación dos textos refundidos da Relación de Postos de Traballo (RPT), do Convenio colectivo do persoal laboral, e do Regulamento do Fondo de Acción Social (FAS) do Concello de Ames. Asemade, abordaranse dúas propostas presentadas, de forma conxunta, polos grupos municipais do Partido Popular e de Pacto por Ames para dotar ao Concello de Ames dunha Comisaría da Policía Nacional, adscrita á de Santiago de Compostela, e sobre a realización de actividades para conmemorar o 40 aniversario da Constitución Española. Premendo no enlace que está a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter a convocatoria coa orde do día do pleno ordinario de novembro.
Os temas que se debaterán este xoves, no pleno ordinario de novembro, foron previamente tratados o pasado venres, 23 de novembro, nas comisións informativas. Deste xeito, un dos temas que figura na orde do día de dita sesión plenaria foi a aprobación inicial do Regulamento orgánico de Participación Cidadá do Concello de Ames. No pleno de xaneiro de 2016 aprobouse, de xeito inicial, o Regulamento Orgánico Municipal (ROM) do Concello de Ames cuxo texto, definitivamente aprobado, foi publicado no BOP do 26 de abril de 2016. O texto refundido do citado Regulamento foi aprobado no pasado pleno de outubro de 2018 e publicado no BOP do 7 de novembro de 2018.
A disposición adicional I do ROM establece que a participación cidadá será obxecto de tratamento nun regulamento específico. Tras diversas reunións cos grupos municipais da Corporación elaborouse unha proposta de Regulamento orgánico de Participación Cidadá, que foi sometido ao tramite de consulta pública, a través da web municipal, durante un prazo de 20 días hábiles, dende o día 21 de setembro ata o día 19 de outubro, ambos inclusive. Durante o trámite de consulta previa non foi presentada ningunha suxestión. Agora, será a Corporación municipal a que aprobe, se procede, de xeito inicial, dito regulamento. O Regulamento de Participación Cidadá recolle 36 artigos divididos en catro títulos para regular en base ás disposicións xerais, os dereitos da cidadanía, os órganos de participación cidadá e o tecido asociativo.
Dito regulamento describe os dereitos da cidadanía á participación, ao acceso á información, así como o dereito a súa participación nas sesións plenarias ou de presentación de queixas, suxestións ou reclamacións, coa posta en marcha dunha Comisión especial. Ademais, regula a iniciativa popular, así como os órganos de participación a partir da Asemblea de participación cidadá, as Asembleas territoriais e os Consellos sectoriais, como os xa existentes de deportes, comunicación ou escolar que se puxeron en marcha neste último mandato.
Aprobación de textos refundidos
Por outra banda, abordarase a aprobación, se procede, dos textos refundidos da Relación de Postos de Traballo (RPT), que recolle as sete modificacións puntuais aprobadas ata este momento; do Convenio colectivo do persoal laboral, que recolle a modificación en materia de clasificación profesional co obxectivo de acadar unha efectiva homologación e equiparación co sistema de clasificación profesional aplicable ao persoal funcionario municipal, como consecuencia da entrada en vigor do EBEP; e do Regulamento do Fondo de Acción Social (FAS) do Concello de Ames, que consiste nunha modificación da distribución da partida de melloras sociais. Nesta primeira modificación puntual do FAS modificouse o artigo 12 e engadiuse a disposición adicional quinta.
Propostas do Partido Popular e Pacto por Ames
Asemade, abordaranse dúas propostas presentadas, de forma conxunta, polos grupos municipais do Partido Popular e de Pacto por Ames para dotar ao Concello de Ames dunha Comisaría da Policía Nacional, adscrita á de Santiago de Compostela, e sobre a realización de actividades para conmemorar o 40 aniversario da Constitución Española.
Na primeira ínstase aos órganos autonómicos e estatais competentes en materia de seguridade a tomar as medidas necesarias para a implantación dunha Comisaría da Policía Nacional, de un xeito similar, ao que se fixo en localidades e zonas de influencia como a de Ames, tal e como é o caso da Comisaría de Distrito Vigo – Redondela.
A través da segunda proposta solicitase que o Concello de Ames coloque, tal e como se veu realizando coa celebración doutros eventos, unha pancarta conmemorativa do 40 aniversario da Constitución no balcón ou na fachada da Casa da Consistorial. Tamén se solicita que o Concello de Ames organice no Pazo da Peregrina, en torno ao día 6 de decembro de 2018, en horario de tarde, un acto conmemorativo do 40 aniversario, ao que se convidará a todos os cidadáns, e que consistirá na lectura dalgún artigo ou varios artigos da Constitución Española de 1978; podéndose convidar ao devandito acto a algunha personalidade relevante para que dirixa a todos os presentes unhas palabras relacionadas coa conmemoración, así como que se invite a dito acto ao alumnado dos centros educativos de primaria, secundaria e bacharelato.
Contido relacionado

Compostela 24 horas: "O pleno debaterá a aprobación do Regulamento orgánico de Participación Cidadá do Concello de Ames"
La Voz de Galicia: "El pleno de Ames votará sobre la entrada en vigor del sistema de participación ciudadana"
El Correo Gallego: "A participación cidadá, a debate mañá no pleno de Ames"




