Pestanas principais

O grupo Odaiko representa este venres en Bertamiráns o espectáculo “Mar Adiante”

Martes, 27 de novembro de 2018

[27-11-2018] O grupo Odaiko presenta este venres, 30 de novembro, ás 18:00 horas, na Casa da Cultura de Bertamiráns o espectáculo “Mar Adiante”. Trátase dun espectáculo que combina música e teatro. Deste xeito, Odaiko súmase á celebración do día das Letras, levando ás táboas a primeira obra publicada por María Victoria Moreno no 1973, chamada “Mar adiante”. Este espectáculo conta a historia dunha mestra que pon escola nun barco, o Arroás. Será no barco-escola onde nacerán os contos, ben en boca dos rapaces, da tripulación do barco ou da propia mestra. Trátase dunha adaptación teatral para público infantil-familiar cunha grande variedade de disciplinas escénicas. As entradas para a obra xa se poden retirar na Billeteira electrónica, a través da páxina web do Concello de Ames.

Mar Adiante é a historia dunha mestra que pon escola nun barco, o Arroás. Será neste barco-escola onde nacerán os contos, integrando ao público como protagonista da acción. A tripulación-alumnado do barco-escola Arroás é partícipe dos xogos musicais e de animación propostos durante a travesía.

A acción sitúase nun barco, nun tempo distante, para sacar ao espectador da vida cotiá e facelo voar coa imaxinación nunha navegación por alta mar. A escenografía consiste nun barco visto de fronte, que se representa cunha cabina de mando en dous pisos, quedando a zona do temón sen cubrir. Na parte inferior ábrense dúas xanelas de ollos de boi e portas. A unión da parte inferior coa superior farase cunha escaleira vertical. Xogos clownescos de persecucións, golpes e caídas que suceden nos dous pisos da cabina de mando, fan suceder as accións.

O barco, constitúe un enorme instrumento de percusión: o temón é unha carraca, as xanelas de ollo de boi son dous tambores, a escaleira está feita con caixas chinesas e os tubos comunicadores son trompetas. Instrumentos que se irán descubrindo ao longo da historia e que soarán en solitario ou acompañando as melodías da marimba, presente na cuberta do barco. Begoña Lorenzo é a mestra María Vitoria Moreno; Inacio Vilariño é o carpinteiro de ribeira Miguel; e Juan Collazo é o capitán Xosé Lois.

As entradas para asistir a este espectáculo xa están dispoñibles a través da Billeteira electrónica, mentres que só un 10% se reservarán, como é habitual, para vender de xeito presencial unha hora antes do comezo do espectáculo. O custo das entradas é de 4 euros, con descontos do 50% para persoas maiores de 65 anos, menores de 12 e estudantes con carné.



Contido relacionado


Compostela 24 horas: "O grupo Odaiko hoxe en Bertamiráns con "Mar adiante"