Pestanas principais

Esta semana impártense os últimos obradoiros do segundo semestre do programa “Vives Emprende Ames”

Luns, 26 de novembro de 2018

[26-11-2018] O Concello de Ames, a través da Concellaría de Promoción Económica, e a organización Acción contra a Fame, colaboran na posta en marcha do programa Vives Emprende, correspondente ao segundo semestre deste ano, que asesora, forma e facilita o acceso a financiamento a persoas desempregadas ou con emprego precario que desexen emprender, especialmente a mulleres. Esta semana impártense os dous últimos obradoiros do semestre, que xirarán en torno á realización do plan de empresa e á presentación eficaz do proxecto. As asesorías individuais seguiran realizándose por parte do persoal de Acción contra a Fame.


O programa “Vives Emprende Ames” é unha iniciativa gratuíta que ofrece asesoramento, formación e acceso a financiamento para facer realidade as ideas de negocio de persoas desempregadas ou con emprego precario de Ames, que desexen emprender como opción para mellorar a súa situación laboral de forma estable e duradeira.

Así, a edición realizada ao longo do segundo semestre deste ano consta de dez obradoiros impartidos a finais de outubro e comezos de novembro, cos que se pretendeu ofrecerlle unha serie de ferramentas aos participantes que lles permita coñecer todo o necesario para emprender un negocio na rede de forma segura.

Neste senso, as sesións realizadas xiraron en torno á Idea de negocio e proposta de valor, Marketing: estudos de mercado e clientela, Marketing mix e programas de fidelización, Competencias emprendedoras, RRSS e comercio electrónico, Obrigacións e trámites para ter en conta, Claves e técnicas de negociación, e o Pricing ou estratexia para a fixación de prezos.

Obradoiros para os días 27 e 28 de novembro
Esta semana impártense os dous últimos obradoiros do segundo semestre de 2018. Así, o martes, 27 de novembro, terá lugar un taller centrado na creación dun plan de empresa adaptado á solicitude de subvencións e financiamento e, por último o mércores 28, a presentación do proxecto, dirixido a subliñar os puntos fortes do mesmo para namorar aos presentes.

Estes talleres teórico/prácticos son impartidos nas instalacións do Centro multiusos de Aldea Nova, en horario de 9:30 a 13:30 horas. A técnica de emprendemento de Acción contra a Fame, Itziar Villar, é a encargada de coordinar ditos talleres e de impartir as asesorías individuais.

As persoas interesadas en participar poden contactar co departamento municipal de Promoción Económica, a través do enderezo promocioneconomica@concellodeames.gal, ou dirixíndose a Itziar Villar no correo ivillar@accioncontraelhambre.org ou no teléfono 689 869 465.

Contido relacionado


Compostela 24 horas: "Hoxe impártese o último obradoiro do segundo semestre de "Vives Emprende Ames""