Pestanas principais

O Dúo Calú actuará este sábado dentro do ciclo “Imos de vermú”

Venres, 22 de setembro de 2017

[22-09-2017] “Imos de vermú – Xantamos – Postre ou Café” é a nova iniciativa impulsada pola Concellaría de Educación e Cultura, da man da Asociación Cultural “Madalena do Milladoiro”. A proposta tenta dinamizar o sector hostaleiro do Milladoiro, animando á veciñanza a ir tomar o vermú e a xantar fóra, ao mesmo tempo que goza de música ao vivo. Comprende catro actuacións, a segunda delas, este sábado, 23 de setembro, na Taparía Entreportas, ás 13:00h e ás 15:00 horas.

O dúo Calú será o encargado de animar a xornada do sábado, 23 de setembro, na Taparía Entreportas. As súas actuacións integran música, baile e diversión, e constitúen un verdadeiro espectáculo para o público, ao que converten en parte activa da festa. Haberá dous pases, o primeiro ás 13:00h e o segundo, ás 15:00 horas.

A terceira actuación terá lugar o vindeiro sábado, 30 de setembro, tamén na Taparía Entreportas, onde actuará a Banda de Nash. A cuarta e última xornada, a do sábado 7 de outubro, incluirá a actuación de Ángel América, no restaurante La Llama. Pola súa banda, o dúo Cibeles foi o encargado da primeira das actuacións deste ciclo, que tivo lugar o pasado 16 de setembro, na Cervexería Gallaecia. 

A iniciativa “Imos de vermú” procura dinamizar o sector hostaleiro do Milladoiro, ao tempo que anima as xornadas dos sábados con actuacións de música ao vivo. Organizada pola Asociación Cultural “Madalena do Milladoiro”, conta coa colaboración do Concello de Ames, a través da Concellería de Educación e Cultura. Durante xuño, xullo e comezos de agosto desenvolveuse o programa de actuacións musicais “Noites na Terraza”, que tamén contou coa colaboración do Concello.