[22-09-2017] A Unión de Consumidores de Galicia mantén dous puntos de asesoramento no Concello de Ames desde o pasado mes de novembro, en virtude dun convenio asinado co goberno municipal en setembro de 2016. Tras nove meses de actividade, UCGAL realizou balance dos resultados acadados e das accións informativas levadas a cabo. O maior número de consultas atendidas foron as relativas a servizos bancarios. Esta mañá realizouse unha xuntanza de balance na que participaron o alcalde de Ames, José Miñones, a concelleira de Promoción Económica, Isabel González, o secretario xeral da Unión de Consumidores de Galicia, Miguel López Crespo, o avogado Félix Caramés Blanco, e o técnico municipal, Jorge Couñago.

A concelleira de Promoción Económica, Isabel González, destaca que “tal e como se pode ver nas gráficas elaboradas pola UCGAL queda clara a necesidade deste servizo en Ames. Cómpre destacar a boa acollida que tivo este servizo entre a veciñanza amesá e a satisfacción mostrada por algúns dos usuarios e usuarias que foron pasando polas oficinas da UCGAL. Estes resultados anímannos para seguir colaborando e traballando co obxectivo de ofrecerlle á cidadanía as ferramentas necesarias para facerlles fronte aos problemas que estean relacionados co eido do consumo”. Por último, Isabel González agradeceu “o traballo de Ana Daorden e Félix Caramés, que son os dous técnicos/as que atenden as nosas oficinas, e tamén á UCGAL polo traballo que fan”.
Durante o tempo que os puntos de asesoramento de O Milladoiro e Bertamiráns estiveron abertos, o número de persoas atendidas -tanto presencial como telefonicamente- ascendeu a 556. Na oficina do Milladoiro atendéronse 297, mentres que na oficina de Bertamiráns asesorouse a 259 usuarios/as. As persoas que demandaron asesoramento por parte da UCGAL recibiron información sobre os seus dereitos como persoas consumidoras e sobre as distintas vías de reclamación a súa disposición.
No tocante aos meses do ano con maior promedio de consultas, o mes de febreiro foi o que acadou un maior número chegando ás sete diarias de media. No mes de abril tamén alcanzouse esta cifra. No que se refire á tipoloxía das consultas atendidas polo persoal técnico da UCGAL, a maioría das queixas foron sobre os servizos financeiros (cláusulas chan) e o sistema eléctrico (facturación, bono social). En terceiro lugar atopamos as consultas sobre auga (subministración, facturas) e, en cuarto, sobre vivenda (alugamentos, comunidades de propietarios, compra e venta).
Asemade, a UCGAL levou a cabo tres charlas no concello, unha baixo o título Os dereitos de autor a exame e outras dúas centradas nas cláusulas chan que congregaron a un gran número de persoas tanto en Bertamiráns como no Milladoiro.
Esta organización sempre considerou que un dos retos máis importantes que afrontan as asociacións de consumidores e usuarios é o de levar a información ata os consumidores. Neste senso, considera importante o seu desempeño no Concello de Ames posto que existe un gran descoñecemento por parte das persoas atendidas en materia de consumo pero hai un gran interese en obter información e asesoramento en cuestións tan importantes como servizos bancarios, sanidade, vivenda, transportes, etc.
Contido relacionado

La Voz de Galicia: "La Unión de Consumidores atendió 556 consultas en Ames"




