Pestanas principais

Degustación de pratos tradicionais e actuacións musicais no Encontro Intercultural deste sábado

Xoves, 21 de setembro de 2017

[21-09-2017] O vindeiro sábado, 23 de setembro, Ames volverá acoller un novo Encontro Intercultural, aberto a toda a veciñanza. Será no Pazo da Peregrina de Bertamiráns, a partir das 17:00 horas. O Encontro incluirá a degustación dalgúns pratos tradicionais preparados por varias familias migrantes afincadas en Ames, un obradoiro de cometas guatemaltecas e dúas actuacións: a do grupo de danza popular venezolana “Alma Llanera” e a da cantante de tangos Rocío Freijanes.


O próximo 23 de setembro celébrase en Ames un novo Encontro Intercultural, organizado pola Concellaría de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade. O evento, que naceu no ano 2008, procura a interculturalidade entre a veciñanza de Ames mediante o intercambio de saberes e sabores, favorecendo a creación de lazos e dando a coñecer diferentes culturas a través de algo tan común como é o comer. Nos seus comezos, estes encontros eran organizados nas aulas de castelán e galego, impartidas polo Concello ás persoas migrantes chegadas a Ames. Posteriormente, a iniciativa pasou a ser aberta a toda a veciñanza.

Algúns dos pratos que se poderán degustar este sábado son: conservas de coco, pan de xamón e arepas de Venezuela; ceviche de gambas de Colombia; kibe e brigadeiros de Brasil; garnachas e dobladas de Guatemala; moro de frijoles con costela de República Dominicana; funge de muamba e pudim de Angola; augas de froitas de México; pastas de té de Marrocos; e empanada e bica de millo de Galicia. 

O Encontro Intercultural deste ano incluirá a actuación do grupo de danza popular venezolana “Alma Llanera” e máis a da cantante de tangos arxentina, Rocío Freijanes. Asemade, tamén haberá un obradoiro de cometas, nomeadamente das tradicionais cometas guatemaltecas coñecidas como Barriletes, que será impartido por Jorge Mario Pérez Bac. 

Contido relacionado


Lindeiros: "Pratos tradicionais e música nun Encontro Intercultural en Ames"