Actualidade

Ex., 18-06-2025
Ex., 18-06-2025
Sábado, 30 de xuño de 2018

[30-06-2018] O Concello de Ames e a organización Acción contra a Fame desenvolveron unha nova edición do programa Vives Emprende, que asesora, forma e facilita o acceso a financiamento a persoas desempregadas ou con emprego precario que desexen emprender, especialmente a mulleres. Un total de 41 persoas, 24 de Ames, recibiron o apoio de Vives Emprende dende o 20 de abril deste ano, momento no que asinou o novo convenio con esta entidade. Asemade, houbo un total de seis altas, das que tres se desenvolven no concello de Ames. Trátase dun servizo de alimentos da horta; un negocio de deseño, confección e venda online de vestidos para eventos; e unha liña de negocio nun comercio xa existente. Durante o pasado mes de maio desenvolvéronse oito talleres, acompañados de asesorías individuais presenciais, online e telefónicas.

Sábado, 30 de xuño de 2018

[30-06-2018] Este pasado luns, 25 de xuño, comezou o proceso de votación das 158 propostas definitivas seleccionada polas Comisións de Orzamentos Participativos para a mocidade e para o rural de Ames. Para o rural haberá que elixir entre 112 propostas, mentres que a mocidade terá que votar entre 46 propostas. As asembleas de votación serán ata o día 5 de xullo nas Casas da Cultura, así como nos locais sociais das parroquias do rural. As persoas que desexen votar pódeno facer calquera día e en calquera asemblea, independentemente da parroquia á que pertenzan. A asemblea final de reconto de votos será o venres, 6 de xullo, ás 20.00 horas, na Casa do Concello.

Venres, 29 de xuño de 2018

[29-06-2018] O auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns acollerá o próximo sábado, 7 de xullo, a retransmisión da ópera Lucia di Lammermoor, a partir das 21.30 horas. O Concello de Ames súmase a esta iniciativa, no marco da Semana da Ópera, que permitirá ver esta produción, procedente da English National Opera, en museos, teatros, centros culturais, prazas, parques, auditorios e concellos de toda España e tamén en Facebook Live, Palco Digital e Opera Vision. A entrada ao auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns será de balde ata completar aforo.

Venres, 29 de xuño de 2018

[29-06-2018] Este xoves, 28 de xuño, pola tarde, o alcalde e varios concelleiros e concelleiras da Corporación municipal recibiron no salón de plenos da Casa da Concello a cinco rapazas amesás, que foron distinguidas durante estas últimas semanas con diversos premios educativos convocados por distintas entidades. As premiadas foron: Aroa Conde Moure, Sara Antón Vázquez, Rut Busto, Leire Gallego Portabales e María Angélica Álvarez Estévez. Estiveron acompañadas de familiares. O Concello de Ames está realizando unha serie de recepcións a veciños e veciñas de Ames con logros destacados en diversos ámbitos.

Venres, 29 de xuño de 2018

[29-06-2018] Este xoves, 28 de xuño, celebrouse o pleno ordinario do mes de xuño. Antes do inicio da sesión plenaria gardouse un minuto de silencio en repulsa ao caso de violencia machista que acabou coa vida de María Magdalena Moreira Alonso, de 47 anos, asasinada a tiros polo seu marido o luns 18 de xuño, no Porriño, o mesmo día que tiñan pensado asinar o divorcio. De seguido, deuse conta ao Pleno da renuncia do concelleiro Francisco Javier López Suárez. Asemade, aprobouse por unanimidade a ordenanza para a protección e conservación dos camiños e vías públicas municipais, a aprobación das bases para a elección de xuíz/a de paz substituto do Concello de Ames e a solicitude dunha traballadora municipal da correspondente autorización de compatibilidade para o exercicio de actividade privada como arquitecta en horario de tarde. Tamén se aprobou por maioría absoluta a sexta modificación da Relación de Postos de Traballo.

Xoves, 28 de xuño de 2018

[28-06-2018] Os promotores do Camiño Inglés pola Ría de Muros-Noia acordaron marcar o mes de outubro como data para presentar os traballos de delimitación do trazado e a recompilación de toda a documentación histórica sobre esta ruta Xacobea. Unha presentación que se realizará tanto diante da Dirección Xeral de Patrimonio como da sociedade en xeral. As primeiras accións promocionais terán lugar no Obradoiro co gallo das regatas Navega o Camiño (xullo) e La Solitaire (setembro). O próximo encontro terá lugar na primeira semana de setembro nunha data aínda por fixar.

Xoves, 28 de xuño de 2018

[28-06-2018] Bugallido celebra esta fin de semana festas na honra de San Pedro, do Santísimo Sacramento e de San Antonio. Misas solemnes, sesión vermú, verbenas e actividades para os máis pequenos e as máis pequenas, entre as que destaca unha festa da espuma, forman parte do programa. Cómpre salientar a presenza de artistas da parroquia e do concello como o cuarteto Lume, formado polos ex-cantantes da orquestra Poceiro e o grupo folk Ascuas, que o sábado fará de teloneiro do grupo Treixadura, a gran atracción deste ano. Treixadura chega a Bugallido a través da colaboración do Concello de Ames e da Rede Cultural da Deputación de A Coruña.

Xoves, 28 de xuño de 2018

[28-06-2018] A bandeira do arco da vella volve ondear no balcón da Casa do Concello de Ames. A súa colocación atende á conmemoración do Día Internacional do Orgullo LGTBQI, que se celebra cada 28 de xuño. Ademais de colgar a bandeira o Concello difundiu un manifesto que incide na igualdade de todos os seres humanos tanto en dignidade coma en dereitos; o reparto de material como chapas e mochilas, e unha solta de globos a través da cal se tinguiu o ceo de Bertamiráns coas cores do arco da vella. Premendo na ligazón que está a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter o manifesto municipal do Día do Orgullo LGTBQI.

Mércores, 27 de xuño de 2018

[27-06-2018] O Concello de Ames informa de que xa están expostas as listas definitivas de solicitudes admitidas no programa de Escola de Verán. Premendo nos enlaces que están a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás consultar estas listas. Debido a Lei de Protección de Datos non se poden publicar datos de carácter persoal nestas listas, pero pódese comprobar se un rapaz ou rapaza está admitido/a a través do número de rexistro que figura nas listas e na copia do impreso de inscrición de cada usuario/a. Estas listas tamén se poden consultar nas oficinas do departamento de Educación, situadas no Pazo da Peregrina, nas portas de entrada da Casa do Concello e nas oficinas municipais do Milladoiro.

Mércores, 27 de xuño de 2018

[27-06-2018] Este xoves, 28 de xuño, o Concello de Ames conmemora o Día Internacional do Orgullo LGTBQI con diferentes actividades. O acto, que se celebrará ás 12:00 horas, inclúe a colocación da bandeira do arco da vella no balcón da Casa do Concello, a lectura do manifesto, o reparto de material como chapas e mochilas, e a solta de globos para tinguir o ceo de Bertamiráns coas cores do arco da vella.