Pestanas principais

41 persoas participaron do programa Vives Emprende Ames no primeiro semestre de 2018

Sábado, 30 de xuño de 2018

[30-06-2018] O Concello de Ames e a organización Acción contra a Fame desenvolveron unha nova edición do programa Vives Emprende, que asesora, forma e facilita o acceso a financiamento a persoas desempregadas ou con emprego precario que desexen emprender, especialmente a mulleres. Un total de 41 persoas, 24 de Ames, recibiron o apoio de Vives Emprende dende o 20 de abril deste ano, momento no que asinou o novo convenio con esta entidade. Asemade, houbo un total de seis altas, das que tres se desenvolven no concello de Ames. Trátase dun servizo de alimentos da horta; un negocio de deseño, confección e venda online de vestidos para eventos; e unha liña de negocio nun comercio xa existente. Durante o pasado mes de maio desenvolvéronse oito talleres, acompañados de asesorías individuais presenciais, online e telefónicas.


Froito do convenio subscrito entre o Concello e maila organización Acción contra a Fame desenvolveuse unha nova edición do programa Vives Emprende en Ames. Unha iniciativa que pretende dotar ás persoas emprendedoras de todas as ferramentas que necesitan para poñer en marcha a súa idea de negocio. O programa puxo especial atención durante o primeiro semestre nas mulleres desempregadas ou en situación de precariedade laboral.

De feito, foron 28 as mulleres que participaron do programa nestes seis primeiros meses do ano. As idades dos e das participantes oscilaron entre os 19 e os 66 anos, sendo o rango maioritario de 31 a 40, seguido de 41 a 50 anos. Ademais das 24 persoas de Ames, participaron do Vives Emprende, 8 veciños/as de Santiago de Compostela, 7 de Teo, unha persoa de Val do Dubra e outra do concello de Padrón.

Vives Emprende consiste nun itinerario que comprende desde a definición da idea de negocio ata a súa posta en marcha, e, se é necesario, a súa consolidación. Comeza cun diagnóstico de competencias e o deseño dun plan individualizado. De seguido, as persoas participan en sesións de grupo e individuais para adestrar competencias necesarias para emprender como a autoconfianza, a creatividade ou a comunicación, así como a construír un modelo de negocio, elaborar un plan de empresa... Ademais, teñen a posibilidade dun microcrédito de ata 25.000 € para a constitución do seu negocio.

Accións formativas
Durante o pasado mes de maio desenvolvéronse oito talleres en Ames, sete en horario de mañá cunha duración de catro horas, e unha xornada sobre o novo regulamento europeo de protección de datos de dúas horas de duración. Os diferentes talleres incidiron na construción de modelos de negocio, estudos de mercado e clientela, plan de marketing e comercialización, competencias emprendedoras, a empresa na Internet, plan económico e traballo en equipo. Ademais, desenvolvéronse asesorías individuais presenciais, online e telefónicas.

Está previsto que nos meses de setembro e outubro comecen os talleres grupais, se ben continúan as asesorías individuais para todas aquelas persoas desempregadas ou con traballo precario que necesiten de asesoramento en emprendemento.

En Galicia, 268 persoas xa participaron no programa Vives Emprende e constituíronse 27 negocios. As persoas interesadas en participar poden contactar co departamento municipal de Promoción Económica, a través do enderezo promocioneconomica@concellodeames.gal, ou dirixíndose a Itziar Villar no correo ivillar@accioncontraelhambre.org ou no teléfono 689 869 465.


Contido relacionado


El Correo Gallego: "Vives Emprende Ames facilita e impulsa las ideas de negocio"
Compostela 24 horas: "Éxito de participación del Vives Emprende Ames"