Pestanas principais

Ames súmase á celebración da Semana da Ópera coa retransmisión de Lucia di Lammermoor na Casa da Cultura de Bertamiráns

Venres, 29 de xuño de 2018

[29-06-2018] O auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns acollerá o próximo sábado, 7 de xullo, a retransmisión da ópera Lucia di Lammermoor, a partir das 21.30 horas. O Concello de Ames súmase a esta iniciativa, no marco da Semana da Ópera, que permitirá ver esta produción, procedente da English National Opera, en museos, teatros, centros culturais, prazas, parques, auditorios e concellos de toda España e tamén en Facebook Live, Palco Digital e Opera Vision. A entrada ao auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns será de balde ata completar aforo.


Con motivo da celebración da Semana da Ópera, os veciños e veciñas de Ames terán a ocasión de gozar da representación da ópera Lucia di Lammermoor, a través da retransmisión que se realizará o sábado, 7 de xullo, na Casa da Cultura de Bertamiráns. A través do sinal desde o Teatro Real da Ópera, os e as asistentes poderán presenciar o máis logrado e célebre da extensa lista de dramas líricos de Gaetano Donizetti. Daniel Oren, na dirección musical, e David Alden, na dirección escénica, transportarannos á fría e húmida Escocia xunto a un reparto no que destacan Lisette Oropesa, Venera Gimadieva, Javier Camarena, Ismael Jordi e Roberto Tagliavini, entre outros.

A trama de Lucia di Lammermoor xira en torno a unha moza namorada que cae na máis profunda desesperación ao verse acusada polo seu amante da traizón por casarse contra a súa vontade, con outro home. O que o amante descoñece é que as nupcias celebráronse baixo unha falsa presunción de infidelidade. A dor que inunda á moza agonía ata o punto de facela tolear, dando pé a unha das escenas máis célebres da historia da ópera, tanto pola súa xenialidade musical como polo nivel de introspección psicolóxico que revela. O ineludible tráxico desenlace rubrica unha obra que mantén hoxe intacta a súa capacidade para emocionar.

Desde o pasado 22 de xuño e ata o próximo 13 de xullo, o Teatro Real ofrece quince funcións de Lucia di Lammermoor. Baseada na novela histórica de Walter Scott, The Bride of Lammermoor, que Salvatore Camarano transformou en libreto, a ópera é fiel reflexo do melodrama romántico con emocións, amores imposibles, conflitos ancestrais, traizóns, tolemia, morte… Donizetti compuxo a música en apenas un mes, influenciado polo triunfo de I puritani, do seu rival Vincenzo Bellini, cuxa ópera ten tamén unha estremecedora escena de tolemia.

A retransmisión de Lucia di Lammermoor terá lugar no auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns, a partir das 21.30 horas do sábado 7 de xullo. A entrada é de balde ata completar aforo. Os dous primeiros actos terán unha duración de hora e media, tralos que haberá unha pausa de cinco minutos. A continuación desenvolverase o terceiro acto, cunha duración dunha hora e cinco minutos.