Pestanas principais

As asembleas de votación para os Orzamento Participativos 2018 desenvolveranse ata o día 5 de xuño

Sábado, 30 de xuño de 2018

[30-06-2018] Este pasado luns, 25 de xuño, comezou o proceso de votación das 158 propostas definitivas seleccionada polas Comisións de Orzamentos Participativos para a mocidade e para o rural de Ames. Para o rural haberá que elixir entre 112 propostas, mentres que a mocidade terá que votar entre 46 propostas. As asembleas de votación serán ata o día 5 de xullo nas Casas da Cultura, así como nos locais sociais das parroquias do rural. As persoas que desexen votar pódeno facer calquera día e en calquera asemblea, independentemente da parroquia á que pertenzan. A asemblea final de reconto de votos será o venres, 6 de xullo, ás 20.00 horas, na Casa do Concello.

O proceso dos Orzamentos Participativos 2018, posto en marcha a comezos do pasado mes de abril segue avanzando. Deste xeito, o pasado luns, 25 de xuño, comezou o proceso de votación das 158 propostas que foron seleccionadas previamente polas Comisións de Orzamentos Participativos. Durante esta semana realizáronse asembleas de votación na Casa do Concello, en Bertamiráns, para á mocidade, así como nos locais sociais de A Ameixenda, Tapia, Augapesada, Agrón, Trasmonte, Covas e Piñeiro. En ditas asembleas participaron arredor de 176 persoas.

A vindeira semana, do luns 2 ao xoves 5 de xullo, realizaranse as asembleas de votación restantes. O luns 2 na Casa da Cultura do Milladoiro, o martes 3 no local social de Ortoño, o mércores 4 nos locais sociais de Biduído e Bugallido, e o xoves 5 nos locais sociais de Oca e Lens. As persoas que desexen votar pódeno facer calquera día e en calquera asemblea, independentemente da parroquia á que pertenzan.

As propostas finais para a mocidade poden ser votadas por mozos e mozas que teñan entre os 16 e os 30 anos, mentres que as propostas para o rural poderán ser votadas por calquera persoa de 16 anos en diante. En ambos os dous casos as persoas para votar deberán levar o seu DNI e estar empadroados no Concello de Ames. A asemblea final de reconto de votos será o venres, 6 de xullo, ás 20.00 horas, na Casa do Concello. As listaxes coas propostas finais de votación pódense ver no apartado de AVISOS e nos banners de Orzamentos Participativos 2018 da páxina web municipal, así como nos taboleiros de anuncios dos locais sociais parroquias.

A concelleira de Economía e Facenda, Genma Otero, anima “á veciñanza a que acuda a votar as propostas presentadas nos Orzamentos Participativos durante a vindeira semana na que se realizaran seis novas asembleas de votación. Agradecemos novamente o traballo e compromiso daquelas/es veciñas/os do rural e das mozas/os que están participando nas xuntanzas de votación. Esperamos poder dar respostas as súas demandas e continuar construíndo espazos de construción colectiva".

Este ano 2018, o goberno municipal destina 192.000 euros para que a veciñanza de Ames faga propostas e decida o seu gasto. A contía de 132.000 euros repartidos en partes iguais (12.000 euros) por cada unha das 11 parroquias para investimentos no rural: Lens, Tapia, Piñeiro, Ameixenda, Trasmonte, Agrón, Covas, Bugallido, Ames, Biduído e Ortoño. Ademais, 50.000 euros destinaranse a dous investimentos para o acondicionamento de dous espazos abertos dirixidos a mocidade, localizados un en Bertamiráns (25.000€) e outro no Milladoiro (25.000€) e 10.000 euros destinaranse a actividades ou programas dirixidos á mocidade do Concello.

Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Los amienses votan hasta el día 5 los presupuestos participativos"
El Correo Gallego: "Os amienses poden votar ata o xoves no proceso de Orzamentos Participativos"