[29-06-2018] Este xoves, 28 de xuño, celebrouse o pleno ordinario do mes de xuño. Antes do inicio da sesión plenaria gardouse un minuto de silencio en repulsa ao caso de violencia machista que acabou coa vida de María Magdalena Moreira Alonso, de 47 anos, asasinada a tiros polo seu marido o luns 18 de xuño, no Porriño, o mesmo día que tiñan pensado asinar o divorcio. De seguido, deuse conta ao Pleno da renuncia do concelleiro Francisco Javier López Suárez. Asemade, aprobouse por unanimidade a ordenanza para a protección e conservación dos camiños e vías públicas municipais, a aprobación das bases para a elección de xuíz/a de paz substituto do Concello de Ames e a solicitude dunha traballadora municipal da correspondente autorización de compatibilidade para o exercicio de actividade privada como arquitecta en horario de tarde. Tamén se aprobou por maioría absoluta a sexta modificación da Relación de Postos de Traballo.
O primeiro punto da orde do día que se abordou no pleno ordinario de xuño foi a toma de coñecemento por parte do Pleno da renuncia do concelleiro Francisco Javier López Suárez. O propio Javier López despediuse da Corporación municipal dicindo “gracias a cada un de vós por deixarme formar parte desta Corporación. Lévome moi bos momento vividos aquí neste salón de plenos e moitos amigos e amigas da Corporación e de fóra. Tamén me levo o cariño dos veciños/as e dos/as traballadores/as municipais. Voume con moito pesar. Non era a miña intención, pero por motivos familiares teño que deixar o traballo que comecei a facer hai tres anos gracias aos votos da veciñanza amesá”. Javier López dedicoulle a súas últimas palabras como concelleiro a súa muller “por estar sempre ao seu lado apoiándoo”.
Todos os concelleiros e as concelleiras da Corporación municipal tiveron palabras de agarimo para Javier López do que dixeron que “é unha persoa traballadora, comprometido e apaixonada pola política. Estiveches moi entregado no teu traballo como concelleiro durante estes tres anos e décheslle un aire fresco a esta Corporación”. Ademais, todos/as coincidiron en que “hónrate a túa decisión de deixar a política por unha cuestión familiar e para coidar de túa nai”. Por último, os compañeiros e compañeiras de Corporación desexáronlle forza, ánimo e moita sorte nesta nova etapa que lle tocará vivir na cidade de Pontevedra. No lugar de Javier López entrará Daniel Alejandro Blanco Quiroga. Os compañeiros e compañeiras de Vía Centrum entregáronlle uns agasallos antes de abandonar o salón de plenos.
Tras a despedida de Javier López, a Corporación municipal aprobou por unanimidade a aprobación das bases para a elección de xuíz/a de paz substituto do Concello de Ames. Aprobadas as bases, procederase a súa exposición pública para a presentación de solicitudes por prazo de 15 días hábiles. De seguido, examinaranse as solicitudes presentadas e procederase por maioría absoluta á elección de xuíz/a de paz substituto do Concello de Ames, propoñendo o seu nomeamento ao Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. Outro dos temas aprobados por unanimidade foi a solicitude dunha traballadora municipal da correspondente autorización de compatibilidade para o exercicio de actividade privada como arquitecta en horario de tarde.
Ordenanza para a protección e conservación dos camiños
A Corporación municipal tamén lle deu luz verde por unanimidade a ordenanza para a protección e conservación dos camiños e vías públicas municipais, fronte aos danos e deterioro que poidan sufrir como consecuencia principalmente das sacas de madeira, mais tamén da circulación e transporte de vehículos agrícolas de grandes dimensións ou mesmo de vehículos de recreo como quads, motocicletas e outros similares. A ordenanza tamén aborda os prexuízos ou residuos que poidan xerar actividades de carácter deportivo ou cultural.
A nova ordenanza elaborada polo goberno municipal contempla diferentes aspectos, entre os cales destaca a obrigatoriedade de comunicar ao Concello as talas que se irán realizar con 15 días hábiles de antelación. Dita comunicación non eximirá da obriga de obter os permisos e licenzas procedentes conforme á normativa sectorial. Alén diso, a realización doutras actividades, distintas das de saca de madeira, non terá porque ser comunicada á Administración local nin estará suxeita á obtención dunha autorización, salvo no caso da organización de eventos. Malia isto, estas actividades rexeranse igualmente polo réxime sancionador establecido na ordenanza.
Cómpre destacar, así mesmo, que o Concello contará coa prerrogativa de denegar ou limitar o acceso ao lugar de depósito da madeira por calquera das vías ou zonas indicadas no escrito de comunicación previa, sempre de forma motivada en función de diferentes causas como o estado ou a resistencia do firme, entre outras. A nova normativa tamén estipula que as vías públicas non poderán ser utilizadas para o almacenamento da madeira.
Aprobación da sexta modificación da RPT
Asemade, aprobouse por maioría absoluta, cos votos a favor dos membros do goberno municipal e dos edís de Ames Novo, así como coa abstencións dos concelleiros e concelleiras de Pacto x Ames e do grupo municipal popular, a sexta modificación da Relación de Postos de Traballo (RPT).
A través de dita modificación vaise adecuar a valoración do complemento de destino de determinados postos que foron reclasificados no convenio colectivo como consecuencia da entrada en vigor do EBEP, pasando do grupo III ao grupo II. Ditos postos foron os de educador/a infantil, animador/a deportivo/a, animador/a cultural e técnico/a de dietética. A puntuación do complemento de destino do animador/a deportivo e cultural pasan de 325 a 350 puntos o que fai que suban de nivel do 18 ao 20, co pertinente incremento económico. No posto de educador/a infantil e técnico/a de dietética increméntase a puntuación do complemento de destino, pero non lles supón un cambio de nivel polo que seguen mantendo o nivel 20 e a mesma retribución económica.
Propostas presentadas ao Pleno
Por outra banda, abordáronse sete propostas presentadas por parte dos grupos municipais de Pacto x Ames, Ames Novo, PSdeG-PSOE e polo goberno municipal. Pacto x Ames presentou catro propostas. A primeira sobre a instalación de desfibriladores nos vehículos da Policía Local. Esta proposta foi rexeitada cos votos en contra dos membros do goberno e de Ames Novo e co voto a favor dos concelleiros/as de Pacto x Ames e do PP de Ames.
A segunda proposta recollía a creación dun espazo na web do concello na que se poidan ver as mocións e propostas presentadas pola oposición e o seu grao de cumprimento. Esta proposta tamén foi rexeitada cos votos en contra dos membros do goberno, co voto a favor dos concelleiros/as de Pacto x Ames e do PP de Ames, e coa abstención dos edís de Ames Novo). A terceira proposta presentada por este grupo municipal foi sobre a instalación da EDAR de Santiago de Compostela. Neste caso a proposta foi aprobada por maioría absoluta cos votos a favor dos concelleiros/as de Pacto x Ames, PP de Ames e do goberno municipal, e coa abstención dos membros de Ames Novo). A cuarta é última proposta de Pacto x Ames foi para dotar de saneamento a un grupo de casas próximas a nova urbanización de Covas. Esta foi aprobada por unanimidade.
Ademais, presentouse unha proposta conxunta do goberno municipal sobre a planta de reciclaxe da Casalonga, que foi aprobada por unanimidade. O PSdeG-PSOE presentou unha proposta sobre a recuperación ambiental do río Sar, que tamén foi aprobada por unanimidade, polo que se acordou que fose unha declaración institucional de toda a Corporación municipal. Por último, o grupo municipal Ames Novo presentou unha proposta para impulsar unha ordenanza municipal de protección animal e convivencia, que foi aprobada por unanimidade.