[29-06-2018] Este xoves, 28 de xuño, pola tarde, o alcalde e varios concelleiros e concelleiras da Corporación municipal recibiron no salón de plenos da Casa da Concello a cinco rapazas amesás, que foron distinguidas durante estas últimas semanas con diversos premios educativos convocados por distintas entidades. As premiadas foron: Aroa Conde Moure, Sara Antón Vázquez, Rut Busto, Leire Gallego Portabales e María Angélica Álvarez Estévez. Estiveron acompañadas de familiares. O Concello de Ames está realizando unha serie de recepcións a veciños e veciñas de Ames con logros destacados en diversos ámbitos.
Neste acto institucional participaron o alcalde de Ames, así como concelleiros e concelleiras do grupo de goberno e dos grupos municipais da oposición. O rexedor municipal foi chamando a cada unha das rapazas premiadas e dando conta dos éxitos acadados por cada unha delas. Asemade, o alcalde entregoulles unha bolsa da ruta rosaliana que contiña un libro con imaxes do concello de Ames, unha chapa e un folleto informativo da ruta rosaliana, así como un pin, un bolígrafo e un lapis do Concello de Ames.
As premiadas foron: Aroa Conde Moure, Sara Antón Vázquez, Rut Busto, Leire Gallego Portabales e María Angélica Álvarez Estévez. Estiveron acompañadas de familiares. Aroa Conde Moure, de 7 anos, e alumna do CEIP Agro do Muíño, participou no concurso infantil Coñece o teu concello, organizado por La Voz de Galicia, en colaboración co Concello de Santiago e a Deputación da Coruña. Neste certame os rapaces e rapazas teñen moito que dicir sobre o entorno no que se desenvolve as súas vidas. No apartado de debuxo, Aroa Conde, conseguiu un accésit cun debuxo da Ponte Maceira. Neste mesmo concurso, Sara Antón Vázquez, de 10 anos, e alumna do CEP de Ventín, conseguiu un dos premios do apartado de redacción por un conto que fala o seu avó e da ruta dos muíños de Riamonte.
Por outra banda, Rut Busto, do CEIP Agro do Muíño, foi a gañadora do segundo premio na categoría B (de 9 a 12 anos), do II Certame de debuxo e poesía Avelino Díaz, coa obra Eu e os xogos de Galicia. Convocado polos concellos de Riotorto e Meira, a este Certame presentáronse máis de 300 traballos nas súas diferentes categorías. O xurado estivo formado polos escritores José Otero Canto e Jesús Trashorras Nogueira, e pola escritora mirandesa María José Fernández López.
Asemade, Leire Gallego Portabales, de 1º de Bacharelato do IES de Ames, gañou o terceiro premio científico – literario da Universidade de la Rioja, nun concurso dirixido a estudantes de 3º e 4º da ESO e Bacharelato. Para participar era necesario ler a novela de Miguel Ángel Delgado, As calculadoras de estrelas, unha historia cegadora que nos descobre o sorprendente e descoñecido papel que xogaron centenares de mulleres anónimas nos maiores descubrimentos astronómicos do noso tempo, unha historia de superación, un canto a aquelas mulleres que lograron abrirse un camiño con todo na súa contra e que en moitos casos non chegaron a ver en vida ningún recoñecemento polo seu traballo. Unha vez lida dita obra había que responder a unhas preguntas de carácter científico e literario.
Por último, María Angélica Álvarez Estévez, levou o segundo premio no IX Concurso de viñetas Donas Mulleres na Historia de Galicia, na categoría de 15 a 18 anos, co traballo Muller contra muller. O obxectivo do certame, que promove anualmente a área de Igualdade da Deputación da Coruña, é empregar a viñeta, ou tira de viñetas (como máximo 6 viñetas) para reflexionar, concienciar e mudar mentalidades da cidadanía en xeral e da poboación adolescente en particular, xa que representan o cambio e o futuro, sobre as mulleres na historia de Galicia coa finalidade de visibilizar o empoderamento das mulleres como presenza fundamental no desenvolvemento da sociedade galega.