[28-06-2018] Bugallido celebra esta fin de semana festas na honra de San Pedro, do Santísimo Sacramento e de San Antonio. Misas solemnes, sesión vermú, verbenas e actividades para os máis pequenos e as máis pequenas, entre as que destaca unha festa da espuma, forman parte do programa. Cómpre salientar a presenza de artistas da parroquia e do concello como o cuarteto Lume, formado polos ex-cantantes da orquestra Poceiro e o grupo folk Ascuas, que o sábado fará de teloneiro do grupo Treixadura, a gran atracción deste ano. Treixadura chega a Bugallido a través da colaboración do Concello de Ames e da Rede Cultural da Deputación de A Coruña.
A presenza de Treixadura no cartel das Festas de Bugallido remóntase ao 14 de xullo do ano pasado, cando algunhas das persoas que habían de organizar as festas deste ano en Bugallido, asistían ao espectáculo que o grupo folk tradicional ofreceu no Milladoiro, a través do programa “Cultura no Camiño”. “Nese intre, os que estabamos alí dixemos que tíñamos que conseguir por todos os medios que Treixadura viñera ás festas de San Pedro”, declarou nunha entrevista na radio municipal, o presidente da Comisión de Festas, Antonio Rodeiro, quen tamén engadiu a satisfacción que teñen porque outro grupo folk, Ascuas, formado por veciños e veciñas de Bugallido, moitos deles membros da Coral Antonio Santomil, actúen como teloneiros de Treixadura.
As festas comezan o venres 29, día de San Pedro. Logo da Misa Solemne que terá lugar ás doce e media do mediodía, como o resto das xornadas de festa, o grupo Tokio amenizará a sesión vermú. Tokio tamén se encargará da verbena xunto coa Gran Orquestra Charlestton.
O día de San Antonio, que se celebra o sábado, 30 de xuño, amenizará a sesión vermú o grupo Zeltia. Ás 23.00 horas terá lugar unha gran sesión de fogos artificiais que dará paso á Gran Noite Folk na que actuarán o grupo Ascuas e Treixadura.
O domingo amenizará a sesión vermú o Grupo Lume, formado polos antigos cantantes da orquestra Poceiro con Miguel Torres, Ana Iglesias, Luis Rey e David González. A verbena comezará ás 19.00 horas e nela actuarán o grupo Lume e a orquestra Platinum.
“Quixemos adiantar a hora do inicio da verbena do domingo para as sete da tarde, para que toda a veciñanza poda gozar sen pensar que se trasnoita irá cansado ao traballo o luns”, comentaba o presidente da Comisión de Festas, Antonio Rodeiro, pouco antes de convidar a toda a veciñanza da contorna a acudir a Bugallido estes días de festa e de lembrar que haberá aparcamento gratuíto para os asistentes.
Contido relacionado
Compostela 24 Horas: "Treixadura actúa nas Festas patronais de Bugallido"
Lindeiros: "Treixadura nas Festas patronais de Bugallido de Ames"