Actualidade

Ex., 19-06-2025
Ex., 19-06-2025
Mércores, 27 de xuño de 2018

[27-06-2018] O Colectivo a Rula e o Concello de Ames organizan para o sábado, 7 de xullo, unha visita guiada nocturna ao petróglifo da Pedra da Nave de Mourigade, no lugar de San Pedro de Bugallido. A visita está pensada para o público en xeral con interese na arte rupestre e nas manifestacións culturais da nosa prehistoria. Para participar da actividade é necesario inscribirse no correo electrónico colectivoarula@gmail.com. Ofértanse 50 prazas que se cubrirán por rigorosa orde de inscrición. A hora prevista para o inicio da visita serán ás 21.30 horas, para unha duración estimada de tres horas.

Mércores, 27 de xuño de 2018

[27-06-2018] O alcalde de Ames, xunto a un dos representantes da Plataforma veciñal da N550, un dos concelleiros do PP de Ames, e o voceiro de Ames Novo, foron recibidos onte pola tarde polo delegado territorial da Xunta de Galicia, Ovidio Rodeiro, na Delegación Territorial da Coruña. A xuntanza foi acordada a pasada semana, despois da carta enviada ao Concello pola Conselleira de Infraestruturas, na que delegaba por cuestións de axenda, no delegado territorial a recepción dos representantes de Ames. Neste encontro trasladouse a vontade da Xunta de colaborar en todas as medidas que decidan adoptar Ministerio de Fomento e Concello. A Consellería de Infraestruturas e Vivenda xa lle transmitiu ao Ministerio o pasado 28 de maio, que está disposta a asumir a repercusión que sobre a rede autonómica teñan as demandas da Plataforma.

Martes, 26 de xuño de 2018

[26-06-2018] Impulsado por Turismo de Galicia, o programa “Vive o Camiño” ofrecerá este verán máis de 40 actividades nos concellos do Camiño Portugués e do Camiño Portugués da Costa. En total programaranse 44 actividades de balde, entre contacontos e actuacións musicais, a cargo de diferentes artistas con traxectorias recoñecidas e cunha ampla experiencia no mundo das artes escénicas e a música. O primeiro dos espectáculos realizouse onte luns, 25 de xuño, en A Guarda. O Concello de Ames, a través da Concellaría de Promoción Económica e Turismo, acollerá as últimas actuacións, o 14 de setembro no Milladoiro. Será co contacontos “O Camiño que camiña con nós”, de Celso Fernández Sanmartín, e cunha das novas voces do panorama actual da música galega, MJ Pérez, e o seu traballo “Sigo facendo camiño”, onde fusiona diversos estilos musicais co predominio do pop-rock.

Martes, 26 de xuño de 2018

[26-06-2018] Este venres, 29 de xuño, chega a Ames o espectáculo musical inclusivo Peter!... Voamos!, que está baseado na obra de Peter Pan. Será interpretada, nos xardíns do Pazo da Peregrina, ás 22.30 horas, por máis de 50 actrices e actores con discapacidade intelectual pertencentes á Asociación de Pais de Persoas con Discapacidade Intelectual (Aspas). Este musical, dirixido por Kiko Bouza, enmárcase dentro do proxecto “Abrindo os ollos ao mundo”. Este espectáculo está dirixido a un público familiar. A entrada será de balde. Se chove a actividade quedará suspendida.

Martes, 26 de xuño de 2018

[26-06-2018] Dende o pasado venres, 22 de xuño, estase desenvolvendo, tanto en Bertamiráns como no Milladoiro, o programa de conciliación Xuño Lúdico. Este ano as actividades están centradas en torno á integración e a diversidade, polo que as nenas e os nenos participantes traballarán conceptos como as diferenzas, o respecto a outras formas de vida, a convivencia, etc. O programa transcorrerá ata o próximo venres, 29 de xuño, en horario de 8.00h a 16.00 horas, con servizo de comedor dispoñible.

Martes, 26 de xuño de 2018

[26-06-2018] O Concello de Ames, a través do departamento de Persoal, fai público os anuncios cos resultados do proceso selectivo para a contratación dun enxeñeiro técnico forestal e un capataz para a brigada Aprol Rural. Premendo nos enlaces que está a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter ditos documentos.

Martes, 26 de xuño de 2018

[26-06-2018] O Concello de Ames, a través do departamento de Persoal, fai pública a resolución da Alcaldía número 1373/2018, pola que se resolve a creación dunha bolsa de traballo de persoal de cociña do Concello de Ames. Premendo no enlace que está a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter dito documento.

Luns, 25 de xuño de 2018

[25-06-2018] O Concello de Ames, a través da Oficina de Voluntariado de Ames, informa de que durante os meses de xullo e agosto, como vén sendo habitual nos últimos anos, o Roupeiro municipal non recollerá roupa. Durante estes dous meses de verán seguirá funcionando para todas aquelas persoas que precisen roupa ou outro tipo de enseres. A comezos do mes de setembro retomará a súa actividade habitual.

Luns, 25 de xuño de 2018

[25-06-2018] O Concello de Ames, a través do departamento de Persoal, fai público o decreto de modificación das bases do proceso selectivo para a selección e contratación temporal de 5 peóns de xardinería, persoas en situación ou risco de exclusión social perceptoras de RISGA, para a obra ou servizo denominado “servizo de apoio á brigada de obras e servizos para o mantemento de espazos públicos e zonas verdes”. Asemade, publícase a dilixencia de corrección de erros do decreto 1371-2018 polo que se varía os puntos na fase de baremación. Premendo nos enlaces que está a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter ditos documentos.

Luns, 25 de xuño de 2018

[25-06-2018] A vindeira Foliada con Apego será este xoves, 28 de xuño, no Pazo da Peregrina de Bertamiráns, ás 18:00 horas. A actividade, dirixida tanto a familias con crianzas como a calquera persoa á que lle guste a música tradicional, busca construír unha espazo de socialización en galego onde poder compartir, cantar, bailar e aprender cancións tradicionais galegas. Para participar é preciso inscribirse previamente a través do enderezo de correo electrónico normalizacion@concellodeames.gal, indicando o número de participantes, os seus nome e apelidos, as idades e un teléfono de contacto. O prazo de inscrición permanecerá aberto ata o próximo mércores, 27 de xuño.