Actualidade
[19-12-2018] O Concello de Ames mantén o seu rexeitamento a construción da nova EDAR de Santiago de Compostela, no lugar do Souto, e segue mantendo que a ubicación máis axeitada é en Silvouta, tal e como apoia o goberno municipal de Compostela e mailo Ministerio para a Transición Ecolóxica. Tras unhas semanas de incerteza, a reunión mantida onte en Madrid entre representantes do goberno compostelá, membros da Xunta de Galicia e do Ministerio para a Transición Ecolóxica, serviu para clarificar que a nova infraestrutura executarase na parcela da Silvouta, que acolle a actual EDAR, que non ten a capacidade necesaria.
[19-12-2018] Este martes, 18 de decembro, celebrouse un pleno extraordinario e urxente no que a Corporación municipal aprobou por unanimidade a participación do Concello de Ames no Plan provincial de cooperación ás obras e servizos de competencia municipal (Plan único de concello) “POS+ 2019” da Deputación provincial da Coruña. O Concello de Ames disporá de 1.335.090€, dos cales 1.195.090€ serán para facer novos investimentos, principalmente no rural, e 140.000€, dedicaranse ao financiamento de actividades e material das áreas de Cultura, Deportes, Servizos Sociais, Turismo e Promoción Económica. Da partida destinada a investimentos; 427.005€ corresponden a achega provincial de 2019 (antigo POS); 378.670€ son da achega provincial de 2018 (antigo PAS); 389.415€ do préstamo provincial de 2019 (antigo PAI). O 86,2% do financiamento dedícase a proxectos no rural, mentres que o 13,8% restante dedicarase a obras nos espazos urbanos.
[19-12-2018] A Xunta de Goberno Local aprobou de xeito definitivo, o pasado 29 de novembro, o proxecto de expropiación, polo procedemento de taxación conxunta, para poder executar o Plan Especial de Infraestruturas e Dotacións (PEID) para construír un novo CEIP na localidade do Milladoiro.Estas parcelas poranse a disposición da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, da Xunta da Galicia, para a construción dun novo colexio público de infantil e primaria no Milladoiro. A superficie afectada polo Plan Especial, para a dotación de infraestruturas escolares, é de 20.000 metros cadrados, repartidos en 13 parcelas. Premendo nos enlaces que están a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter o devandito anuncio e mailo proxecto de expropiación.
[18-12-2018] Durante as últimas semanas estiveron executándose as obras recollidas no proxecto de mellora dos camiños de Punxeiras Baixas (Ortoño) e de Seares de Abaixo (Ames). Este proxecto sufragouse cunha subvención de 49.222 euros, da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), a través do plan de mellora de camiños municipais 2018-2019. O investimento total foi de 52.250,22 euros.
[18-12-2018] As familias de Ames con cativos ou cativas de calquera idade rematarán o ano bailando e cantando na “Foliada de Nadal con Apego”, que se vai desenvolver o próximo venres, 28 de decembro, ás 17:00 horas, no Pazo da Peregrina de Bertamiráns. A través desta actividade, incluída dentro da programación infantil con Apego, trátase de organizar un encontro en que as familias amesás se coñezan, compartan, canten, bailen, aprendan cancións galegas, merenden e, sobre todo, o pasen ben. Nesta ocasión a Foliada céntrase nos cantos de Nadal. Para participar nesta actividade hai que inscribirse enviando un correo electrónico ao enderezo normalizacion@concellodeames.gal.
[18-12-2018] O Concello de Ames informa que en conformidade co previsto no artigo 133 da Lei 39/2015 de 1 de outubro, do procedemento administrativo común das Administracións Públicas (LPAC), e co obxectivo de contar coa participación da cidadanía no procedemento de elaboración do Regulamento de funcionamento dos programas lúdicos do Concello de Ames, procédese a efectuar, en cumprimento de decreto da Alcaldía 2823/2018, unha consulta pública a través da web municipal, co fin de recadar a opinión das persoas e das organizacións máis representativas, potencialmente afectados pola ordenanza que se pretende aprobar. Hai un prazo para elo de 20 días hábiles a contar dende o 14 de decembro de 2018 e ata o día 14 de xaneiro de 2019, ambos inclusive. A forma de participación é a través das direccións electrónicas ana.ameijeiras@concellodeames.gal e rosaana.prada@concellodeames.gal. Premendo no enlace que está a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter o anuncio de dita consulta pública.
[18-12-2018] O Centro de Formación e Emprego de Aldea Nova acollerá, os vindeiros 12 e 13 de xaneiro, un curso de iniciación ao uso do GPS. Organizado pola asociación de sendeirismo Rutas a Pie, o curso desenvolverase ao longo dos dous días, en horario de 09:30 a 13.00 horas e de 15.00 a 19:00 horas. O obxectivo desta iniciativa, que conta coa colaboración do Concello de Ames, é facilitar ás persoas interesadas as técnicas básicas no uso do GPS para aplicalas á realización de rutas. O prezo por persoa será de 50 euros, e o número de participantes será de 10/12 persoas. O curso será impartido pola Escola Galega de Alta Montaña (EGAM).
[18-12-2018] O Fútbol Club Meigas vén de poñer en marcha un novo proxecto: o primeiro Concurso de felicitacións de Nadal. Trátase duna nova iniciativa organizada polo club amesán, no que se busca tanto fomentar o uso do galego, impulsar a expresión artística e fomentar a participación na comunidade do club amesán. Este concurso está dirixido ás xogadoras do F.C. Meigas.
[17-12-2018] A Aula da Natureza e maila OMIX de Ames organizan varios obradoiros de diversa temática de Nadal para os meses de decembro e xaneiro. O prazo de inscrición para participar nestas actividades remata este martes, 18 de decembro. Para as dúas próximas semanas está previsto que se realicen os seguintes obradoiros: Xogando coa ciencia; Cociña de Nadal: obradoiro de galletas; Obradoiro de programación, electrónica e deseño 3D; e mailo obradoiro de galletas de Nadal. Para inscribirse hai que enviar un correo electrónico aos enderezos auladanatureza@concellodeames.gal ou omix@concellodeames.gal.
[17-12-2018] O Concello de Ames informa que en conformidade co previsto no artigo 133 da Lei 39/2015 de 1 de outubro, do procedemento administrativo común das Administracións Públicas (LPAC), e co obxectivo de contar coa participación da cidadanía no procedemento de elaboración do Regulamento do programa de conciliación familiar e laboral do servizo “Escola de Verán”, procédese a efectuar, en cumprimento de decreto da Alcaldía 2822/2018, unha consulta pública a través da web municipal, co fin de recadar a opinión das persoas e das organizacións máis representativas, potencialmente afectados pola ordenanza que se pretende aprobar. Hai un prazo para elo de 20 días hábiles a contar dende o 14 de decembro de 2018 e ata o día 14 de xaneiro de 2019, ambos inclusive. A forma de participación é a través das direccións electrónicas ana.ameijeiras@concellodeames.gal e rosaana.prada@concellodeames.gal. Premendo no enlace que está a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter o anuncio de dita consulta pública.
- ‹ anterior
- 594 de 1383
- seguinte ›