Pestanas principais

Rematan as obras de mellora dos camiños de Punxeiras Baixas e Seares de Abaixo

Martes, 18 de decembro de 2018

[18-12-2018] Durante as últimas semanas estiveron executándose as obras recollidas no proxecto de mellora dos camiños de Punxeiras Baixas (Ortoño) e de Seares de Abaixo (Ames). Este proxecto sufragouse cunha subvención de 49.222 euros, da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), a través do plan de mellora de camiños municipais 2018-2019. O investimento total foi de 52.250,22 euros.

Nas últimas semanas executouse o proxecto técnico denominado Camiño en Punxeiras baixas e outros que recollía a mellora de dous camiños: o viario de Punxeiras (Ortoño), que vai dende a escola unitaria; e o camiño que bordea o lugar de Seares de Abaixo (Ames). A través destas actuacións incrementouse a largura dos camiños, incidindo na mellora da seguridade e permitindo o cruzamento dos vehículos en zonas de curva de baixa visibilidade ou entroncamentos. Tamén se reforzou o firme existente, coa incorporación de novas capas das mesmas características que as existentes, as marxes dos camiños e terrapléns.

O camiño de Punxeiras Baixas, situado na parroquia de Ortoño, conta cunha lonxitude de 330 metros e un ancho de 3 metros. A actuación que se realizou recolleu a limpeza de gabias a ambas marxes da vía e a mellora da capa de rodaxe. Aplicouse un tratamento asfáltico superficial e rego de selado a toda a plataforma, previa reparación de fochancas, perfilado de mordentes e tratamento asfáltico semiprofundo.

Obras en Seares de Abaixo
No lugar de Seares de Abaixo, situado na parroquia de Ames, os traballos realizáronse en dúas zonas: no camiño da estrada DP 0201 a Seares de Abaixo, e no camiño xeral de Seares de Abaixo á estrada DP 0201. No primeiro dos casos, actuouse nunha vía de 370 metros de lonxitude e un ancho de 4 metros. Ao igual que no camiño de Punxeiras Baixas, procederase á limpeza de gabias a ambas marxes e a mellora da capa de rodaxe. Tamén se aplicou un tratamento asfáltico superficial e rego de selado a toda a plataforma, previa reparación de fochancas, perfilado de mordentes e tratamento asfáltico semiprofundo.

En canto ao camiño xeral de Seares de Abaixo á estrada DP 0201, actuouse en tres treitos dos 835 metros cos que conta a vía. Ademais das melloras que se recollen tamén nos outros camiños, neste viario procedeuse ao previo emprego de 15 centímetros de zahorra, dez de grava e tratamento asfáltico semiprofundo en ampliación do ancho da superficie pavimentada a ambos lados, dentro da plataforma actual do camiño.

A maiores, e con fondos propios municipais, acondicionouse e mellorouse a pista interior de Seares de Abaixo, así como se vai a actuar nalgunhas cunetas existentes para canalizar as pluviais.

Para o concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Blas García, as actuacións que se desenvolveron en Punxeiras Baixas e Seares de Abaixo axudan a “conservar e mellorar as infraestruturas do rural, facilitando unha mellor accesibilidade e dotando de maior seguridade a estes lugares”.


Contido relacionado


Compostela 24 Horas: "Ames remata as melloras dos camiños de Punxeiras Baixas e Seares de Abaixo"
Lindeiros: "Ames remata as melloras nos camiños de Punxeiras Baixas e Seares de Abaixo "