Pestanas principais

O Concello de Ames apoia a construción da nova EDAR de Compostela no lugar de Silvouta

Mércores, 19 de decembro de 2018

[19-12-2018] O Concello de Ames mantén o seu rexeitamento a construción da nova EDAR de Santiago de Compostela, no lugar do Souto, e segue mantendo que a ubicación máis axeitada é en Silvouta, tal e como apoia o goberno municipal de Compostela e mailo Ministerio para a Transición Ecolóxica. Tras unhas semanas de incerteza, a reunión mantida onte en Madrid entre representantes do goberno compostelá, membros da Xunta de Galicia e do Ministerio para a Transición Ecolóxica, serviu para clarificar que a nova infraestrutura executarase na parcela da Silvouta, que acolle a actual EDAR, que non ten a capacidade necesaria.

A postura contraría que mantivo a Corporación municipal de Ames, xunto co goberno municipal de Santiago, á ubicación da nova EDAR de Compostela no lugar do Souto parece que deu resultado, e esta nova instalación construírase nos terreos da actual EDAR, en Silvouta. Deste xeito, conséguese protexer O Souto, un lugar dunha grande riqueza ambiental, paisaxística e patrimonial. Cómpre lembrar que en Ames existe un acordo unánime de todas as forzas políticas da Corporación municipal sobre o rexeitamento da EDAR no Souto polo seu impacto ambiental e de patrimonio.

A xuntanza mantida onte en Madrid, entre representantes do goberno compostelá, membros da Xunta de Galicia e do Ministerio para a Transición Ecolóxica, parece que serviu para confirmar a decisión, xa trasladada polo Ministro ao goberno compostelá no mes de setembro, de que a nova EDAR se construirá no lugar de Silvouta. Este proxecto será cofinanciado entre o Concello de Santiago de Compostela nun 20%, pola Xunta de Galicia noutro 20%, e polo Ministerio para a Transición Ecolóxica nun 60%.

Dende o goberno municipal de Ames indican que a proposta da nova EDAR en Silvouta é a máis axeitada, xa que ten un menor impacto ambiental e protexe o lugar de O Souto, que conta cunha gran riqueza paisaxística e patrimonial. O fin último deste proxecto debe ser mellorar a calidade da auga do río Sar, que afecta tanto ao concello de Santiago como ao de Ames.

O alcalde de Ames, José Miñones, destaca a capacidade de diálogo e a comprensión do actual goberno central "porque primou a racionalidade e a obxectividade, e defende a protección ambiental do entorno do Souto, xa que facer o proxecto que defende a Xunta representaría un grave dano nesa zona que afectaría ao concello de Ames".

Ampliación da EDAR de Sisalde
Por outra banda, dende o goberno municipal vólvese a incidir na necesidade de ampliar a EDAR de Sisalde, que presta servizo aos concellos de Ames e Brión. Dita depuradora, que está situada ao carón do río Sar, na parroquia de Ortoño, comezou a funcionar o 15 de marzo de 2001 e foi deseñada para atender a unha poboación de 10.400 habitantes. No ano 2007, a empresa concesionaria do Ciclo integral da auga de Ames, fixo un informe sobre o estado da EDAR de Sisalde no que dicía que se estaba prestando servizo a uns 18.000 habitantes. Isto supoña sobrepasar nun 80% á poboación inicial que estaba previsto atender.

Posteriormente, no ano 2017, a empresa concesionaria volveu a facer un informe no que se indicou que na actualidade a poboación á que está atendendo esta EDAR é de 23.500 habitantes. No devandito informe recóllese a necesidade urxente de construír unha nova EDAR. Dende o ano 2012 que se anunciou, por parte da Xunta, a redacción do proxecto de ampliación desta EDAR, estase a espera de avanzar na tramitación de dito proxecto.

Contido relacionado


Lindeiros: "Ames apoia a EDAR de Santiago na Silvouta e reclama á Xunta a de Sisalde"
Compostela 24 horas: "O Concello de Ames apoia a construción da nova EDAR de Compostela no lugar de Silvouta"