[18-12-2018] As familias de Ames con cativos ou cativas de calquera idade rematarán o ano bailando e cantando na “Foliada de Nadal con Apego”, que se vai desenvolver o próximo venres, 28 de decembro, ás 17:00 horas, no Pazo da Peregrina de Bertamiráns. A través desta actividade, incluída dentro da programación infantil con Apego, trátase de organizar un encontro en que as familias amesás se coñezan, compartan, canten, bailen, aprendan cancións galegas, merenden e, sobre todo, o pasen ben. Nesta ocasión a Foliada céntrase nos cantos de Nadal. Para participar nesta actividade hai que inscribirse enviando un correo electrónico ao enderezo normalizacion@concellodeames.gal.
A Foliada é a ocasión idónea para coñecerse, compartir, cantar, bailar e aprender cancións galegas, en que as crianzas e as persoas que participan se van introducindo no canto e no baile tradicional dun xeito espontáneo e natural. Quen toque algún instrumento tradicional pode traelo para axudar a facer festa, pero sobre todo, recoméndase vir con ganas de cantar, bailar, coñecer xente e, sobre todo, pasalo ben. Nesta ocasión a Foliada céntrase nos cantos de Nadal.
Este encontro celebrarase o próximo venres, 28 de decembro, no Pazo da Peregrina de Bertamiráns, a partir das 17.00 horas. A través desta iniciativa búscase tamén promover o encontro interxeracional, por iso, ademais de a familias con cativos, a actividade ábrese a calquera persoa que lle guste a música e lle apeteza pasar un anaco cantando, tocando e bailando. Así, a Foliada está dirixida a familias con nenos/as sen límite de idade, pero tamén pode acudir calquera persoa á que lle guste cantar e bailar.
As Foliadas con Apego xurdiron a partir dunha proposta realizada polas familias que fan parte do proxecto do “Apego” no Concello de Ames. O programa procura acompañar e apoiar ás familias na transmisión do galego ás crianzas durante os seus primeiros anos de vida, reforzando a identidade en relación á familia e ás súas raíces a través de xogos, contacontos, festas, xornadas de convivencia e outras actividades.
O obxectivo das Foliadas con Apego é achegar a musica tradicional galega ás nenas e nenos, ao tempo que se promove un espazo de encontro e socialización en galego. En Ames, xa son máis de 130 as familias adheridas ao programa, que botou a andar en setembro de 2016. Esta nova edición da Foliada con Apego estará dinamizada por Pablo Díaz e Olga Kirk.
As persoas interesadas en participar na Foliada con Apego deberán inscribirse a través dun correo ao enderezo de correo electrónico normalizacion@concellodeames.gal, no que deberán indicar o número de persoas participantes, os seus nomes e apelidos, así como a idade e un teléfono de contacto. O prazo de inscrición rematará o vindeiro xoves, 27 de decembro. Para obter máis información, pódese chamar ao número de teléfono 662 377 215. A entrada será de balde ata completar aforo.