Pestanas principais

O Pleno aproba 20 proxectos por valor de 1,2 millóns de euros que se sufragarán con cargo ao POS+ 2019

Mércores, 19 de decembro de 2018

[19-12-2018] Este martes, 18 de decembro, celebrouse un pleno extraordinario e urxente no que a Corporación municipal aprobou por unanimidade a participación do Concello de Ames no Plan provincial de cooperación ás obras e servizos de competencia municipal (Plan único de concello) “POS+ 2019” da Deputación provincial da Coruña. O Concello de Ames disporá de 1.335.090€, dos cales 1.195.090€ serán para facer novos investimentos, principalmente no rural, e 140.000€, dedicaranse ao financiamento de actividades e material das áreas de Cultura, Deportes, Servizos Sociais, Turismo e Promoción Económica. Da partida destinada a investimentos; 427.005€ corresponden a achega provincial de 2019 (antigo POS); 378.670€ son da achega provincial de 2018 (antigo PAS); 389.415€ do préstamo provincial de 2019 (antigo PAI). O 86,2% do financiamento dedícase a proxectos no rural, mentres que o 13,8% restante dedicarase a obras nos espazos urbanos.


Plan complementario
Por outra banda, este ano increméntase o complementario ata os 777.415€ para posibles baixas nos procesos de licitación e remanentes de tesourería da Deputación. Os proxectos incluídos no plan complementario son a construción dun novos vestiarios no campo de fútbol do Milladoiro; unha senda peonil de Sisalde a Agro do Muíño; outra senda peonil de Outeiro a Costoia; e maila pavimentación de varios camiños: no núcleo de Raíces; no camiño de Tarrío a Raíces; dos accesos en Ventosa; dos acceso ao lugar de Sura.

Dende o goberno municipal destacouse que o incremento da partida dedicada ao Complementario é debido ao que vén sucedendo nos últimos anos. “Dita partida esgótase e mesmo aparecen novos superávits na Deputación, que complementan novos investimentos, como aconteceu o ano pasado. Incrementando esta partida conséguese ter xa proxectos informados, valorados e rematados para calquera subvención que poida aparecer. A planificación do plan de obras deixa xa proxectos informados e evita a improvisación e présas no caso de dispor de fondos”.

Dedícanse 1.030.735 euros ao rural
Deste xeito, o 86,2% do financiamento dedícase a proxectos no rural (1.030.735 euros), mentres que o 13,8% restante (164.355 euros) dedicarase a obras nos espazos urbanos de Bertamiráns. Se sumamos as contías incluídas no Plan complementario (777.415€), que se executarán dependendo das posibles baixas nos procesos de licitación e remanentes de tesourería da Deputación, o investimento incrementaríase a 1.972.505 euros, dos cales 1.726.407€ (87,5%) serían para o rural e 246.098€ (12,5%) para os espazos urbanos de Bertamiráns e do Milladoiro.

Blas García incidiu en que “a través deste plan faise unha aposta clara polo rural con novos investimentos en obras de saneamento e melloras integrais de todos os camiños interiores das aldeas, pero sobre todo apóstase pola creación de tres novas sendas peonís: de Ventín a Coira; de Sisalde a Agro do Muíño; e de de Outeiro a Costoia, co obxectivo de comunicar os distintos núcleos de poboación. Tamén fan investimentos para mellorar as instalacións deportivas das zonas urbanas”.

Dende a oposición, Emilio Martínez, de Pacto por Ames, dixo que dende o seu grupo municipal apostaban por dedicar o Plan único integro a realizar obras no rural, pero que sen dúbida todas as obras que se fan no concello son importantes. O voceiro de Ames Novo, Quique Costas, mostrou a súa satisfacción co novo plan único da Deputación porque outorga maior autonomía aos concellos e tamén se mostrou a favor das obras e proxectos que se van a sufragar con dito plan. Por último, Javier Olmo, do grupo municipal popular, tamén incidiu en que o financiamento integro do plan se debería dedicar a proxectos no rural, especialmente a obras de saneamento e mellora da accesibilidade.

O pleno comezou coa Corporación municipal ratificando, por unanimidade, a urxencia da convocatoria. O alcalde explicou que dita sesión plenaria facíase con tempo suficiente, para que durante os dous seguintes días, se puidera subir toda a documentación dos proxectos á plataforma da Deputación. A continuación debateuse e aprobouse, por unanimidade, o Plan provincial de cooperación ás obras e servizos de competencia municipal (Plan único de concello) “POS+ 2019”, da Deputación provincial da Coruña.

A través deste plan, o Concello de Ames disporá de 1.335.090€, dos cales 1.195.090€ serán para facer novos investimentos, principalmente no rural, e 140.000€, dedicaranse ao financiamento de actividades e material das áreas de Cultura, Deportes, Servizos Sociais, Turismo e Promoción Económica. Da partida destinada a investimentos; 427.005€ corresponden a achega provincial de 2019 (antigo POS); 378.670€ son da achega provincial de 2018 (antigo PAS); 389.415€ do préstamo provincial de 2019 (antigo PAI).

A través da achega provincial de 2019 (antigo POS), de 427.005 euros, vaise sufragar a rehabilitación da área deportiva de Bertamiráns; a construción duns vestiarios no pavillón de Bertamiráns; a mellora do camiño de Quistiláns a Costoia; e mailas obras de pavimentación dos accesos en Costoia; dos viarios no lugar de Outeiro; e do acceso ao cemiterio municipal.

Ademais, mediante a achega provincial de 2018 (antigo PAS), de 378.670 euros, vaise a realizar a pavimentación do viario da estrada que vai dende a rotonda da Bola ata Framán-Eirapedriña; a pavimentación dos viarios do núcleo do Pedregal; a pavimentación do viario do Casaliño; e maila pavimentación camiño da estada provincial de Mercuto a Folgueira. Cos 389.415 euros do préstamo provincial de 2019 (antigo PAI) executarase o saneamento en Suevos e Sorribas; a reparación do camiño de Castelo a Vilar; e a senda peonil de Ventín a Coira.

Contido relacionado


El Correo Gallego: "Aposta polo coworking para Brión e as obras dende Ames"
Lindeiros: "mes aproba un POS+ 2019 que supón máis dun millón de euros"
Compostela 24 horas: "O Pleno do Concello de Ames aprobou 20 proxectos por valor de 1,2 millóns de euros que se sufragarán con cargo ao POS+ 2019"