Actualidade
[18-01-2019] A Concellería de Educación e Cultura e o Espazo de Estimulación Temperá Casiopea organizan este sábado, 19 de xaneiro, as II Xornadas de Atención Temperá de Ames a partir das 17.00h no Pazo da Peregrina. O evento, dirixido fundamentalmente a familias con crianzas entre os 0 e os 12 anos e profesionais deste ámbito, conta coa intervención das especialistas Marina Tubio, Mari Carmen Matalobos, Eva Gil, Tomás Rábanos, Andrés Gonzalo Iñiguez e Gonzalo García. A entrada é libre e gratuíta.
[18-01-2019] Este venres, 18 de xaneiro, o alcalde de Ames, José Miñones, e mailo responsable da empresa Tecnologías Plexus, Ángel Taboada, asinaron o contrato para deseñar unha nova web máis moderna e funcional. No acto de sinatura tamén estivo a concelleira de Comunicación e Normalización Lingüística, Isabel Vaquero. A nova web será plenamente funcional en dispositivos móbiles e permitirá o rápido acceso á información, trámites e servizos. O proxecto adxudicouse por un importe de 29.753 euros.
[18-01-2019] A Consellería de Sanidade, Igualdade e Servizos Sociais fai balance do traballo feito polo CIM do Concello de Ames durante o 2018. Ao longo do pasado ano, o Centro de Información á Muller atendeu a un total de 205 mulleres, das cales 114 era a primeira vez que acudían a este centro. Asemade, leváronse a cabo un total de 431 intervencións, das que 58 estiveron relacionadas de modo específico coa violencia de xénero. Ademais, durante o 2018 realizáronse diversas campañas e actividades pola igualdade, como Ames en Negro, as xornadas Acércate, ou os obradoiros de Bo Trato no IES, entre outras iniciativas.
[17-01-2019] En sesión de Xunta de Goberno Local de 20 de xaneiro de 2019 foi ampliado o prazo de xustificación das axudas da convocatoria de subvencións para a promoción de actividades culturais levadas a cabo por asociacións culturais durante o exercicio 2018, así como para a promoción de festas populares realizadas durante o ano 2018. De conformidade co acordado, o novo prazo ampliado de presentación de solicitudes remata o día 28 de febreiro de 2019. Premendo nos enlaces que están a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter os anuncio publicados no BOP.
[17-01-2019] O vestíbulo da Casa da Cultura de Bertamiráns acolle ata o 31 de xaneiro a exposición Teatro do Noroeste: 30 anos actuando, na que se fai un percorrido non só pola traxectoria desta importante compañía teatral afincada en Ames, senón tamén supón un reflexo das tres últimas décadas do teatro galego. Á presentación, que tivo lugar esta mañá ás 12.00h no edificio municipal, acudiron o concelleiro de Educación e Cultura, David Santomil, e os fundadores da compañía, o director Eduardo Alonso, e a actriz Luma Gómez.
[17-01-2019] O Centro deportivo municipal A Telleira, xestionado por BeOne, pon en marcha unha nova campaña para animar á veciñanza a practicar máis deporte en familia neste 2019. Durante todo o mes de xaneiro, para facilitar a inscrición ás usuarias e usuarios, BeOne ofrece unha proba gratuíta e, en caso de inscrición, a matrícula sen custo en todos os seus abonos, ademais dunha garantía de devolución do primeiro mes en caso de que o/a usuaria/o non se sinta satisfeito. Trátase dunha campaña de captación para que as veciñas e veciños do concello de Ames sigan gozando da actividade física rodeados da súa familia.
[17-01-2019] A Concellaría de Deportes celebra o vindeiro venres, 25 de xaneiro, a súa décimo terceira Gala do Deporte, o evento que anualmente homenaxea ás máis destacadas e destacados deportistas do concello, así como as entidades deportivas. O acto contará con actuacións en directo e demostracións da Escola Deportiva de ximnasia rítmica, e será presentada polos xornalistas Diego Viaño e Terio Carrera. O evento terá lugar na Casa da Cultura de Bertamiráns, a partir das 20:30 horas. A enquisa para escoller o deportista ao que lle será entregado o Premio do Público pecha este venres.
[16-01-2019] A Concellaría de Cultura abre o prazo para que as agrupacións musicais e artísticas de Ames que desexen dispoñer dun dos dous locais de ensaio da Factoría efectúen a reserva dos espazos para este ano. Durante o 2018, fixeron uso deste espazo multifuncional situado na antiga escola de Biduído un total de cinco formacións. Os espazos poderán solicitarse desde hoxe ata que o calendario fique completo, e as reservas ou renovacións realizaranse por orde de solicitude.
[16-01-2019] Esta mañá asinouse o contrato do proxecto que recolle a construción de dúas pistas de tenis en Aldea Nova. Esta obra foi anteriormente adxudicada pola Xunta de Goberno Local á empresa Galitec Desarrollos Tecnológicos, S.L. por un importe de 65.582,00 euros, IVE incluído. Estas actuacións están incluídas no Plan provincial de cooperación ás obras e servizos de competencia municipal “POS+2018” da Deputación da Coruña.
[16-01-2019] O alcalde de Ames, José Miñones, o concelleiro de Obras e Servizos Básicos e presidente da Agrupación de voluntarios/as de Protección Civil, Blas García, e representantes da agrupación acudiron esta mañá A Coruña, onde recibiron un novo vehículo para o corpo operativo de mans do vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda. Ao longo do 2018, o equipo de Protección Civil realizou un total de 1.334 intervencións.
- ‹ anterior
- 584 de 1382
- seguinte ›