Pestanas principais

Asínase o contrato para a construción de dúas pistas de tenis en Aldea Nova por un importe de 65.582,00 euros

Mércores, 16 de xaneiro de 2019

[16-01-2019] Esta mañá asinouse o contrato do proxecto que recolle a construción de dúas pistas de tenis en Aldea Nova. Esta obra foi anteriormente adxudicada pola Xunta de Goberno Local á empresa Galitec Desarrollos Tecnológicos, S.L. por un importe de 65.582,00 euros, IVE incluído. Estas actuacións están incluídas no Plan provincial de cooperación ás obras e servizos de competencia municipal “POS+2018” da Deputación da Coruña.


A actuación executarase na zona oeste da urbanización, onde na actualidade se atopa o campo de fútbol 7, facendo coincidir a esquina suroeste coa esquina do terreo de xogo na mesma orientación, na intersección das varandas. As pistas serán paralelas coa mesma orientación de cara a non ter problemas co sol.

Na cabeceira norte da pista oeste construirase unha plataforma para descanso e acceso dotada con bancos e árbores e outra para, no futuro, construír sobre ela unha pista de pádel. O goberno municipal pretende así concentrar o deporte de raqueta nas instalacións municipais de Aldea Nova, que contan xa coa única instalación de pádel municipal e un amplo espazo de aparcamento e zona verde.

Sobre a explanada construiranse os muros perimetrais e de separación das dúas pistas, enchendo o interior cunha capa de grava e, sobre ela, a soleira deportiva de formigón poroso, que irá pintada e sobre a que se marcarán ambos campos. Os peches das pistas de tenis terán 4 metros de altura con malla de simple torsión. O que separa una pista da outra terá 2,5 metros de altura. O peche exterior construirase con material reciclado do existente na actualidade nos noiros, que previamente será desmontado.

Consello municipal de Deportes
A elección de ubicación destas novas pistas de tenis foi tratada en diversas xuntanzas do Consello municipal de Deportes e conta co visto bo dos clubs de tenis para poder albergar dúas pistas conxuntas. A pista de tenis actual situada na área deportiva de Bertamiráns atópase nestes momentos con bastante demanda ao adestrar alí dous clubs deportivos e realizarse na mesma as actividades da escola municipal de tenis.

Desde o Concello leva programándose unha redistribución de espazos deportivos de xeito que no tocante ao tenis se puidera gañar un espazo que albergase as dúas pistas conxuntas. No tocante ao Milladoiro, as obras de adecuación realizadas o ano pasado na cancha multiusos da área deportiva da piscina, permitiron gañar unha segunda pista á xa existente e compartida nese mesmo ámbito. A Concellería de Deportes está na actualidade buscando adecuar algunha pista que permita a práctica do tenis en exclusividade, liberando unha das actuais para o patinaxe e outra de baloncesto.

Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Ames aprueba la construcción de pistas de tenis en Aldea Nova"
Compostela 24 horas: "Aldea Nova contará con dúas novas pistas de tenis"